Entrevista

Evencio Ferrero, alcalde de Carballo: "Transformamos o municipio e queremos seguir a facelo"

A Asemblea Local do BNG de Carballo elixiu Evencio Ferrero (Carballo, 1955) para optar como candidato nacionalista a un sexto mandato. Un "reto", en palabras do propio alcalde, que incide en que mantén que 20 anos como rexedor non minguaron "a ilusión" e as ganas de "traballar" por Carballo.

ef
photo_camera Evencio Ferrero opta a repetir na Alcaldía de Carballo. (Foto: Nós Diario)

Carballo é o décimo terceiro municipio con máis habitantes da Galiza, sumando xa máis de 31.400 veciños e veciñas. Un aumento poboacional que nestes anos foi paralelo ao proceso de transformación urbana dun Concello que parte do imaxinario galego asociaba como exemplo de "feísmo". "A desfeita da dereita deixounos ese legado", afirma Evencio Ferrero, que volverá optar á Alcaldía nas eleccións de maio.

—A Asemblea Local do BNG vén de elixilo por unanimidade para optar a un sexto mandato como alcalde de Carballo. Non cansa?
Teño a fortuna de formar parte dun grupo de Goberno extraordinario, cunha gran capacidade de xestión, traballo, compromiso e tamén de compañeirismo, polo que este novo reto tómase con toda a ilusión. Levamos xa vinte anos facendo o que sempre máis nos gustou, que é traballar por Carballo, por transformalo.

Hai quen di que o proxecto que representamos está esgotado despois de tantos anos de Goberno, mais o certo é que nunca tantas ideas tivemos.

—En 2003, cando tomou posesión por primeira vez como alcalde a oposición alcumouno como 'Evencio O Breve'.
En 2003 accedemos á Alcaldía nun Goberno tripartito e o BNG tiña seis concelleiros. Ao longo destes anos esa representación foi aumentando, pasando a 12 edís en 2019. Un proceso de crecemento, o que é un indicativo de que por parte da veciñanza valórase de maneira positiva o traballo que se veu facendo. Actuamos con madurez e demos exemplo de como se debería comportar un Goberno, algo que os veciños e veciñas premiaron.

Nós somos conscientes de que en base a ese traballo, a esa transformación que se fixo durante estes anos do municipio, veu a resposta da veciñanza.

—Cales entende que son as claves dese aumento do apoio por parte da veciñanza?
Creo que a cidadanía percibe que o proxecto que representamos sintoniza coas súas expectativas, a propia configuración da estrutura social e política de Carballo. Temos en marcha distintos procedementos para pulsar e ter en conta continuamente a opinión da cidadanía, para que despois as decisións que adoptemos como grupo de Goberno sexan entendidas.

É certo que na xestión do día a día pode haber decisións máis complexas mais o procedemento do Goberno municipal fai que a xente comprenda tamén esas decisións. Procesos de mobilidade, de peonalización, a mellora da calidade do sector servizos, as infraestruturas que se foron facendo, o diálogo social co tecido produtivo, veciñal, deportivo...Todo iso crea unha argamasa que en política ten eses resultados.

—Defende que o importante non é tanto a persoa como o proxecto. Que máis pode achegar o proxecto do BNG a Carballo após dúas décadas de Goberno?
Hai unha constante que creo que define este Goberno local de Carballo, e en xeral todos os do BNG, e é que somos Gobernos transformadores. Transformar a nosa sociedade, o noso municipio, para que os nosos concellos sexan o mellor lugar para vivir. Eu son dunha xeración que tivo que ver como houbo unha xestión do urbano que provocou unha desfeita. Eu sempre digo que a desfeita da dereita transformou, pero a peor.

Hai que partir desa triste realidade dos anos 70 para entender o legado que quedou e como a partir de aí tentamos traballar para transformar iso a mellor, para mellorar Carballo. E niso é no que seguimos a traballar, sendo conscientes de que hai novos retos por diante e que somos os quen de acometer.

"Cada vez máis xente ve o BNG como a alternativa na Galiza"

Ferrero é consciente de que as eleccións municipais de 2023 tamén teñen unha lectura en clave nacional. "Todas as eleccións son termómetros para medir a incidencia política das organizacións. O que para min é indubidábel é que o BNG está a conectar coa sociedade, cada vez hai máis persoas que ven no nacionalismo a alternativa". Isto percíbese, prosegue, tamén a nivel nacional: 

"Hai unha mensaxe que é quen de conectar con esas expectativas que ten a xente, de que a Galiza merece máis, que o país ten unhas potencialidades que desde o actual Goberno galego non son quen de atender nin de desenvolver". "Eu espero que nestas eleccións municipais haxa un novo avanzo a nivel nacional de cara a un Goberno galego que sirva para transformar a Galiza e para atender as necesidades da cidadanía galega", conclúe.

Comentarios