Pontón pide a distribución masiva e gratuíta de máscaras e rastrexar o virus

Pontón pide a Feixóo acertar no desconfinamento para non perder o grande esforzo realizado por todas as galegas e galegos durante estas semanas.
Ana Pontón propuxo onte pór en marcha plan de rastrexo do virus (Imaxe: Nós Diario)
photo_camera Ana Pontón propuxo pór en marcha plan de rastrexo do virus (Imaxe: Nós Diario)

Quedando poucas horas para o inicio do proceso de desconfinamento, a portavoz nacional do Bloque Nacionalista Galego, Ana Pontón, pediu ao presidente da Xunta da Galiza, Alberto Núñez Feixoo, “acertar” para non tirar pola borda  todo o esforzo realizado polas galegas e galegos "ao longo destas durísimas semanas", dixo. 

“Acertar no desconfinamento é vital”, subliñou esta sexta feira, 8 de maio, a líder nacionalista. "Non podemos arriscarnos a perdelo todo porque o Goberno de Núñez Feixoo non fixera os deberes, pese a que hai moito en xogo”, recalcou.

Nese sentido, Ana Pontón propuxo tres medidas que considerou urxentes para un desconfinamento seguro. A primeira consistiría na distribución "masiva e gratuíta de máscaras entre a poboación porque está demostrado que é un elemento que protexe do contaxio", remarcou a portavoz nacional do BNG. 

Un plan para o rastrexo do coronavirus

A segunda medida formulada polo Bloque sería a posta en marcha dun "plan de rastrexo" do coronavirus co obxectivo de  "controlar a evolución do virus, con persoal sanitario específico". A este respecto, Pontón remarcou que “non se trataría de sobrecargar aínda máis o persoal da Atención Primaria, senón de anticiparse a posíbeis rebrotes”. 

Precisamente sobre a Atención Primaria vai a terceira medida defendida polos BNG para o desconfinamento. Pontón exixiu reforzar con 200 millóns de euros a Atención Primaria, pois considerou que "vai ser a punta de lanza para loitar contra o virus nesta fase do desconfinamento".

A portavoz do Bloque Nacionalista Galego insistiu en que, para non botar por terra o logrado co distanciamento social e físico de todos estes días, Alberto Núñez Feixoo "ten que facer a parte do traballo que lle corresponde como presidente da Xunta da Galiza porque non é o momento de situarse de perfil, nin de  botar balóns fóra”, sinalou Pontón.  A líder nacionalista instou, de feito, ao mandatario galego a "achegar solucións" e pór en marcha medidas como as expostas polo Bloque que permitan afrontar "coas máximas garantías posíbeis" as etapas que veñen por diante. 
 

Comentarios