Pontón ironiza coas críticas de Rueda ao acordo do BNG para a investidura de Sánchez: “Ten unha soberana resaca”

A líder nacionalista ve o xefe do Executivo “á contra e descolocado” e pídelle que non free o avance do país simplemente porque o impulsa o BNG a través do seu pacto para a investidura de Pedro Sánchez.
Rego, Pontón e Sanmartín, onte en Compostela (Foto: Arxina).
photo_camera Rego, Pontón e Sanmartín, onte en Compostela (Foto: Arxina).

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, ironizou coas críticas do presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, ao acordo logrado pola forza nacionalista co PSOE para a investidura de Pedro Sánchez. Rueda considerou de “garrafón” este pacto, ao que Pontón contestou asegurando que “está afectado por unha mala dixestión dun pacto que é unha boa noticia para a Galiza mais mala para o PP”.

“Dáme a impresión que o que lle pasa ao señor Rueda é que ten unha soberana resaca, unha resaca de campionato porque non é capaz de dixerir un acordo do BNG que impulsa a axenda galega no Estado e que mellora a vida dos galegos e galegas”, replicou nunha comparecencia para explicar as repercusións do pacto para Compostela, contrapoñendo a política “útil” do Bloque coa inutilidade política dun xefe do Executivo que non logra defender os intereses do país ante Madrid.

Pontón lamentou que a Galiza conte nestes momentos cun presidente que está “á contra e descolocado” ante un acordo do BNG que fai o que non é capaz de facer no seu cargo. Para a líder nacionalista, Rueda limítase a criticar e a estar “enfadado” pese aos beneficios logrados, de aí a petición da líder nacionalista de que “se non é capaz de achegar nada, cando menos que non poña paus nas rodas ao avance da Galiza simplemente porque lle moleste que o BNG consiga melloras para os galegos e as galegas”, reclamou.

Pontón presentou xunto ao deputado no Congreso español, Néstor Rego, e a alcaldesa de Compostela, Goretti Sanmartín, os beneficios do acordo para a capital da Galiza, que a propia rexedora cuantificou en 14 millóns de euros só de investimento directo.

“Santiago gaña porque contará con máis medios para loitar contra a violencia machista, para avanzar en igualdade e liberdade, en feminismo, porque terá máis recursos para construír a nova EDAR, unha infraestrutura básica para esta cidade, gaña porque recibe máis fondos para conservar e rehabilitar o seu extraordinario centro histórico”, destacou Pontón.

A portavoz nacional do BNG tamén subliñou que o acordo trae a Compostela melloras substanciais nas infraestruturas por estrada e por tren, ademais do simbolismo de darlle á estación intermodal o nome dun dos galegos máis ilustres, Daniel Castelao, contribuíndo á difusión e ao coñecemento da obra deste artista universal desde a capital da Galiza.

“En definitiva, Santiago e a súa veciñanza gañan con este acordo, gañan coa política útil do BNG que utiliza a súa forza no Congreso para mellorar a vida da xente, en positivo, e sei que Goretti, como alcaldesa, vai aproveitar ao máximo ás oportunidades que este acordo achega a Compostela”.

Pontón destacou o seu convencemento de que a política ten que axudar a resolver problemas e ten que servir para mellorar a vida das persoas e, por iso, amosou o seu “orgullo” polo acordo logrado afirmando que está segura de que tamén comprace á maioría dos galegos e das galegas, “votasen o que votasen nas eleccións xerais mais que queren que a Galiza conte ante o Estado”, concluíu.

Comentarios