Pontón insta Leiceaga e Villares a que rectifiquen a “moción de censura encuberta” de Pontevedra

A portavoz nacional do BNG destacou o “inédito” da situación e afirma que é “decepcionante ver como PSOE e Marea se poñen a bailar ao son que toca o PP”. Empraza a formación socialista e a confluencia, se non rectifican, a presentar unha alternativa de goberno a Fernández Lores.

Ana Pontón
photo_camera Ana Pontón

Apenas 24 horas despois de que Marea e PSOE se unisen a PP e Cs para impor un “orzamento da oposición” ao goberno de Pontevedra, a portavoz nacional do BNG fixo un chamado a socialistas e mareas: ou rectifican o que Ana Pontón cualifica de “vergoñenta” moción de censura encuberta ou ben presentan unha alternativa de goberno contra a que representa Fernández Lores, alcalde da cidade. “Se PP, PSOE, Marea e Ciudadanos teñen un proxecto común para Pontevedra o que teñen que facer é presentar unha moción de censura e gobernar”, alegou Pontón.

Para a portavoz do BNG, a dereita sae reforzada na súa teima contra o goberno nacionalista de Pontevedra coa postura adoptada por PSOE e En Marea. O “todos contra o PP” mudou nun “todos contra o BNG”, lamentou a portavoz nacionalista. Por iso, dixo, non debe pasar un día máis sen que as direccións galegas de En Marea e PSOE aclaren se avalan ou non o paso dado polos seus representantes en Pontevedra. “Que nos aclaren se avalan este destrutivo pacto de goberno co PP ou se van poñer un pouco de sentido común nos seus grupos municipais”. Pontón fixo un chamamento expreso a Pilar Cancela e a Xaquín Leiceaga, polo PSOE, e a Luís Villares por En Marea. “Van parar esta moción encuberta ou van ser cómplices desta gran coalición á galega?”, interpelaba.

“Inédito”

Para Ana Pontón, o que se viviu en Pontevedra é “inédito” e sen precedentes. Non é que a oposición tombe os orzamentos dun goberno municipal, senón que “nunha semana aproba un orzamento alternativo". "Se teñen un modelo de cidade compartido o lóxico é que gobernen xuntos presentando unha moción de censura para desenvolver ese orzamento pactado”, reiterou. Nesta liña, destacou que embora PSOE e Marea non ser quen de pactar orzamentos en Ferrol, Coruña e Santiago, si que pactan nunha semana unhas contas “contra o modelo de cidade de Pontevedra”. “Non son capaces de negociar en cidades nas que tiveron acordos, como en Ferrol, ou nas que apoiaron a investidura de gobernos como na Coruña e en Santiago, resulta que cando están na oposición contra o BNG nunha semana son capaces de conformar un orzamento alternativo”, ironizou.

Pontón tamén pediu aos grupos da oposición “que non enganen” a veciñanza mentindo sobre a falta de diálogo do goberno municipal, xa que se negociou durante semanas en comisión bilaterais con todos os grupos da oposición, o que posibilitou a incorporación de propostas aos orzamentos.

Comentarios