18-F

Pontón comprométese a crear un plan estratéxico de recuperación das rías

A candidata do BNG á Presidencia da Xunta da Galiza, Ana Pontón, visitou esta cuarta feira Ribeira (O Barbanza) para reunirse con traballadoras e traballadores do mar para trasladar as propostas da formación e escoitar "de primeira man" os problemas que afronta un sector que, dixo, "ten que seguir sendo estratéxico na economía" do país.
Ana Pontón, candidata do BNG a presidir a Xunta da Galiza, esta cuarta feira en Porto do Son (comarca de Noia). (Foto: Nós Diario)
photo_camera Ana Pontón, candidata do BNG a presidir a Xunta da Galiza, esta cuarta feira en Porto do Son (comarca de Noia). (Foto: Nós Diario)

A candidata do BNG á Presidencia da Xunta da Galiza e portavoz nacional da formación, Ana Pontón, comprometeu esta cuarta feira un plan estratéxico de recuperación das rías para reverter a perda de produtividade e un seguro público para cubrir as eventuais perdas de produción marisqueira. Así o fixo nunha xuntanza decorrida en Ribeira (O Barbanza) con representantes do sector do mar, na que Pontón quixo escoitar "de primeira man" os problemas que afrontan, así como darlles a coñecer algunhas das medidas que porá en marcha "como presidenta", se as galegas e os galegos lle dan a súa confianza. 

A candidata nacionalista afirmou que unha das súas prioridades como presidenta será aprobar un plan de recuperación das rías financiado con recursos propios da Xunta, pero tamén con fondos do Estado español e da Unión Europea. 

Ademais, para "contrarrestar a baixada alarmante" de produtividade das rías, Pontón comprometeuse a crear un seguro público que cubra as perdas eventuais dun "sector estratéxico para a economía galega, que supón o 4,8% do PIB e que xera 64.000 postos de traballo directos", dixo. Un sector ao que "o PP lle deu as costas" con políticas "nefastas" que provocaron "unha baixada na produtividade drástica e continuada", contra a que o BNG propón o "impulso" de criadeiros de ameixas públicos ou mixtos en colaboración coas confrarías.

Pontón avanzou tamén algunha das medidas no ámbito da investigación, coa creación dun consorcio científico de estudo de coñecemento do mar ou unha rede de reservas mariñas acordada co sector. 

Outra das propostas que trasladou a candidata foi a declaración da Galiza como "libre de eólica mariña, porque suporía un golpe mortal para o sector", así como a reclamar a paralización dos POEM estatal. 

"Nin unha soa vertedura máis" 

Tamén esta cuarta feira, nun acto público decorrido en Porto do Son (comarca de Noia), Ana Pontón avanzou o seu compromiso de que un Goberno do BNG "non vai permitir nunca, nunca que unha multinacional verta millóns de litros de auga contaminada da mina de San Finx á ría de Muros e Noia, como fixo o PP", algo que, para a candidata nacionalista, "pon en risco o pan de moitas familias, alén de constituír un atentado medioambiental" nunha das rías "máis produtivas" do país. 

Comentarios