18-F

Pontón compromete na Feira do Cocido de Lalín máis servizos ao rural e apoios á produción agrogandeira

A candifdata do BNG apunta a medidas como o 'ticket rural' para axudar con 15.000 euros anuais durante un quinquenio emprendedores no rural, que tamén terán rebaixa nas cotizacións.

ana pontón cocido lalín
photo_camera (Foto: Arxina)

A candidata do BNG á Presidencia da Xunta, Ana Pontón, visitou este domingo a Feira do Cocido de Lalín, á que se referiu como “toda unha mostra da riqueza gastronómica de Galiza” pois exalta, dixo “un dos pratos estrela da cociña galega”.

Unha feira que este ano chega a súa LVI edición e que é ademais reflicte a importancia que ten o rural na economía galega, asegurou a candidata, que percorreu as casetas  do certame de Lalín acompañada polo cabeza de lista de Pontevedra, Luís Bará, a candidata pola comarca, Ariadna Fernández, e o portavoz municipal, Francisco Vilariño.  

Pontón aproveitou este escenario para subliñar a potencialidade e a capacidade que ten o medio rural galego que, engadiu, “precisa dun Goberno capaz de acompañalo e que estea disposto a traballar para ter un futuro mellor”. É por iso que un Executivo liderado polo BNG fará deste obxectivo unha das súas prioridades, subliñou.

Máis servizos e benestar

A candidata do BNG enumerou as principais medidas do programa nacionalista neste eido e comprometeuse, en primeiro lugar, a dotar o rural de máis servizos públicos en sanidade, educación ou benestar social. “Se quitamos servizos imos seguir perdendo poboación”, considerou, lembrando como o PP a longo destes últimos anos foi pechando consultorios ou deixando sen pediatra a miles de nenos do rural. “Temos que reverter esta situación”, agregou.

Outro dos eixos de actuación do BNG no rural será o apoio aos produtores e produtoras, con medidas como a mobilización de 100.000 hectáreas de superficie agraria útil ou a reactivación do banco de terras para facilitar o uso agrogandeiro das que están abandonadas. Pontón defendeu ademais o impulso de medidas para garantir prezos xustos aos produtores e a creación de novas vías de comercialización dos seus produtos, actuacións que se completan con outras como un plan de axudas específico para facilitar o relevo xeneracional das explotacións agrogandeiras.

O programa Do rural á Mesa é outro dos incentivos á produción. Trátase dunha iniciativa de compra pública de produto “galego, fresco e de proximidade” para o seu consumo en comedores de centros escolares, hospitais, centros sociais e da administración.

Nesta mesa liña, un Goberno liderado polo BNG vai pór en marcha un cheque de compra de alimentación para que as familias de rendas más baixas, “as que peor o están a pasar”, teñan acceso a produtos frescos de calidade e, polo tanto, tamén a unha mellor alimentación.

Pontón avanzou en Lalín, por outra banda, que como presidenta apostará pola diversificación económica como outro das vías para acadar un rural “máis vivo e produtivo”, capaz de xerar riqueza e emprego. Co BNG na Xunta, anunciou, porase en marcha un tícket rural, dotado con até 15.000 euros anuais, durante un quinquenio, para apoiar proxectos innovadores que non estean directamente relacionados co sector agrogandeiro.

Para completar esta medida, haberá rebaixas na cotización á Seguridade Social para todas as persoas que emprendan no rural. Consistirán, en concreto, en exencións na cota de autónomos durante os tres primeiros anos, segundo se recolle no programa nacionalista, que recolle como outro das prioridades a de traballar pola igualdade no rural, promovendo a cotitularidade das explotacións agrogandeiras ou dotando máis recursos para facilitar a conciliación da vida laboral e persoal.

Comentarios