18-F

Ana Pontón chama a concentrar o voto indeciso no BNG: "Non se pode perder nin un só voto"

A candidata nacionalista aspira a erixirse como "primeira presidenta coas mans libres" na Xunta da Galiza.
Luís Bará, Noa Presas, Ana Pontón, Olalla Rodil e Mercedes Queixas, hoxe. (Foto: Europa Press)
photo_camera Luís Bará, Noa Presas, Ana Pontón, Olalla Rodil e Mercedes Queixas, hoxe. (Foto: Europa Press)

A candidata do BNG á Presidencia da Xunta da Galiza, Ana Pontón, fixo esta quinta feira un chamamento á mobilización de cara ás eleccións galegas do 18 de febreiro. A escasas horas de que comece a campaña, dirixiuse especialmente ás e os "que dubidan" e "non saben que facer", para que "aposten todo ao BNG" e haxa cambio de goberno.

"Non se pode perder nin un só voto", insistiu Pontón, nun acto esta quinta feira pola mañá no Parque de Bonaval de Santiago, no que estivo acompañada das outras tres cabezas de lista ao Parlamento galego: Luís Bará (Pontevedra), Olalla Rodil (Lugo) e Noa Presas (Ourense). Tamén estivo no evento Mercedes Queixas, quen a acompañará como a súa número dous na candidatura pola Coruña.

A líder do Bloque mostrouse convencida de que "o cambio galego" pode chegar en pouco máis de dúas semanas nas que aspirará a erixirse como "primeira presidenta coas mans libres" na Xunta da Galiza. O acto desta quinta feira tamén serviu para desvelar o cartel desta campaña, no que Ana Pontón cobra especial protagonismo xunto coa exclamación 'Agora!'.

Debates

Pontón asegurou que ten xa "parte dos deberes feitos" en canto á preparación do debate electoral que na noite da vindeira segunda feira decorrerá na Televisión da Galiza (TVG). "Non me gusta ser como os estudantes que estudan o día antes do exame", dixo. Ademais, convidou o presidente da Xunta e candidato do PP á reelección, Alfonso Rueda, a "non esconderse" e a acudir ao debate a tres que prepara Radiotelevisión Española (RTVE) para a cuarta feira 14 de febreiro.

Preguntada sobre se vai reservar algún día para preparar o debate na TVG, ao que acudirá xunto cos candidatos de PP, PSdeG, Sumar e Podemos, a líder do Bloque asegurou que xa ten "parte dos deberes feitos" porque ao exame "hai que chegar preparada". Tamén fixo balance do traballo realizado nos últimos catro anos, nos que as nacionalistas "percorreron o país". "Coñecemos os problemas, tiven ocasión de poder reunirme con moitísimos sectores de ámbitos moi diferentes e, por tanto, chegamos con moita forza", agregou.

Ana Pontón considera que o debate na TVG, polo de agora o único que ten asegurada a presenza de Rueda, vai quedar "curto" e debería haber outro. Por tanto, retou ao presidente da Xunta a que acuda ao que prepara RTVE. "Creo que un candidato que se esconde falta o respecto á cidadanía, porque debater é unha obrigación que temos cando estamos en política", subliñou.

Aliás, insistiu en que tamén se organice un 'cara a cara' entre ela e Rueda, porque son os dous candidatos que "poden ser" presidentes da Xunta a partir do resultado do 18-F. En calquera caso, Pontón irá á cita da segunda feira na TVG para "demostrar aos galegos e galegas que cun goberno e unha presidenta do BNG a súa vida vai mellorar". Porque as nacionalistas, dixo, teñen "un proxecto para sacar adiante este país e poñelo entre as nacións máis desenvolvidas do mundo". "Creo que se vai ver que hai un proxecto ilusionante. Vou dar o mellor e a explicar o mellor posíbel a alternativa que representamos desde o BNG", concluíu.

Máis en POLÍTICA
Comentarios