Pontón aposta por un "Amazon galego" para o comercio local

Presentou a campaña “Mellor local, mellor galego” para potenciar o comercio local e comprométese, de ser presidenta a pór en marcha a nova Lei de comercio.

29-12-2023 Goretti-Ponton-arxina
photo_camera Goretti Sanmartín e Ana Pontón onte nun comercio compostelán (Foto: Arxina)

A portavoz nacional do BNG e candidata nacionalista á Presidencia da Xunta de Galiza, Ana Pontón presentou en Compostela canda a alcaldesa da capital, Goretti Sanmatín,a campaña “Mellor local, mellor galego” para potenciar o comercio local, consumir produtos galegos e dinamizar as vilas e cidades.

Anunciou que se é elixida presidenta comprométese a cumprir cos  compromisos adquiridos co sector do comercio comezando pola posta en marcha dunha “nova Lei de comercio” pactada co sector para tratar entre outras cuestións os horarios, ordenar  as rebaixas, mellorar a calidade e pór “fin a desregulación que levou adiante o PP” prexudicando o pequeno e mediano comercio e impedindo que poida competir coas grandes superficies comercias.

Por outra parte, tamén anunciou a posta en marcha  dunha plataforma online, “unha Amazon galega”, con participación pública e privada para que o comercio e os produtores locais teñan un espazo de vendas neste ámbito no que existe un nicho de merca-do cada vez máis importante, explicou.  Desde 2009, denunciou, pecharon máis de 12.000 pequenos e medianos comercios, en parte polas sucesivas crises, mais tamén polos Gobernos do PP que non prestan apoio a este sector. “En 2024 a partida de promoción e regulación do comercio é 13 menos que en 2009”, criticou a nacionalista.

Colapso na sanidade

Por outra parte, Pontón tamén se referiu á situación de “colapso nas urxencias” que se están a producir durante estes días nas áreas sanitarias e do que responsabiliza á política “de recortes” da Xunta. O BNG solicitou a comparecencia do conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, na Deputación Permanente porque a situación “é moi grave” e deben adoptarse “medidas urxentes”. Comesaña respondeu á portavoz nacionalista que as urxencias "non están colapsadas" e dixo que, “se así o decide” a Deputación Permanente, comparecerá.

Podemos

 A preguntas da prensa, Pontón rexeitou pronunciarse sobre a opinión de Pablo Iglesias de 'concentrar o voto no BNG o 18-F. “Nós estamos a traballar desde un proxecto sólido, unido, que ofrece un futuro mellor aos galegos. E é no que estamos centrados", salientou.

Comentarios