luns 18/10/21

Pontón acusa Feixoo de pór "unha alfombra vermella" ás eléctricas

A nacionalista insta a non "criminalizar" a mocidade
Ana Pontón durante a súa entrevista na TVG. (Foto: Nós Diario)
Ana Pontón durante a súa entrevista na TVG. (Foto: Nós Diario)

Un día despois que o BNG rexistrara na sede da Xunta da Galiza en Santiago de Compostela máis de 23.600 sinaturas contra a alza do prezo da luz, Ana Pontón volveu cargar contra o incremento da tarifa eléctrica. Así, nunha entrevista na Televisión da Galiza, a portavoz nacional do BNG criticou o actual modelo eléctrico, denunciou a conivencia dos poderes públicos coas grandes empresas enerxéticas e afeou ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, a inacción diante da suba da factura da luz. Neste sentido, cualificou a liberalización do mercado eléctrico impulsada por José María Aznar  como “unha estafa colectiva”.

“Daquela dixo que íamos a ter electricidade máis barata”, lembrou.

“As eléctricas mandan máis que os Gobernos”, sinalou Pontón, quen engadiu, “non me estraña que o presidente de Iberdrola se abrace a Feixoo. O presidente da Xunta téndelle unha alfombra vermella ás eléctricas depredadoras, mentres as galegas pagamos a electricidade máis cara”. Nesta mesma liña, considerou “un disparate” que “financiemos as eléctricas, que se están forrando neste momento dun xeito obsceno”, con fondos procedentes do programa europeo Next Generation. Lamentou que “Feixoo neste tema está desaparecido, e é máis, veta unha tarifa eléctrica galega como a que propón o BNG”.

A voceira nacionalista aproveitou a súa comparecencia diante das cámaras da televisión pública para analizar as derivadas sanitarias e económicas da pandemia. “O que ten que facer Feixoo é deixar de criminalizar a mocidade e buscar máis vacinas. Non pode ser a nova cabeza de turco cando hai un problema”, aseverou Pontón, quen considerou que “a saída da crise económica é central”.

A este respecto denunciou que “a día de hoxe aínda non coñecemos que vai facer o Goberno de Feixoo cos fondos Next Generation” e demandou unha xestión descentralizada dos mesmos, “porque cando Madrid decide, Galiza perde. Nós propomos que beneficien a pequena empresa”.

Cotas de xarda

Por outra banda, a responsábel do BNG en Europa, Ana Miranda, criticou a decisión de Noruega, Islandia, Feroe e Grenlandia de aumentar as cotas da xarda e alertou das súas consecuencias para a flota galega.

“Non podemos consentir que a Galiza saia prexudicada por decisións unilaterais de catro países e pola inacción da UE para garantir un reparto xusto das cotas”, apuntou Miranda, quen destacou que “a UE non pode quedar paralizada sen ir mais alá dunha condena e protesta retórica contra a actuación unilateral destes Estados. Debe aplicar o principio de reciprocidade e asignarse cotas suficientes para os seus Estados membros deficitarios e negociar condicións máis beneficiosas para os pescadores da UE en relación a este stock”.

comentarios