28-M

Pontevedra e O Morrazo, motores económicos

As comarcas de Pontevedra e O Morrazo asumen nos últimos anos un pulo fundamental para o resto do país ao térense convertido en motores do incremento de poboación e ao certificarse unha alza en cifras millonarias da riqueza económica que xeran os seus sectores produtivos. Ademais dos traballos vencellados co mar, o turismo e a industria representan valores de presente e de futuro que fan desta zona unha das grandes fornecedoras da economía galega. Pontevedra, como cidade desta área, despunta polo seu modelo de mobilidade e sostibilidade ambiental, co reto de recuperar a ría se a xustiza resolve contra a permanencia de Ence en Lourizán.
Número de habitantes por concello das comarcas do Morrazo e Pontevedra.
photo_camera Número de habitantes por concello das comarcas do Morrazo e Pontevedra. (Mapa: Nós Diario)

Na comarca de Pontevedra, o pulo e desenvolvemento industrial, na do Morrazo a aposta polo mar. E os concellos destas dúas comarcas loitan, ademais, por preservaren o patrimonio natural contra os macroproxectos eólicos que ameazan moitas áreas de acuíferos que abastecen as grandes vilas. A isto súmaselle, no caso do Morrazo, a preocupación polos parques eólicos mariños tanto polo prexuízo ao sector do mar como polas instalacións que serían precisas para evacuar a electricidade xerada cara á terra.

Ambas as comarcas rexistran tendencia á alza da poboación, máis de 7% de crecemento no caso de Pontevedra e perto de 5% no Morrazo, porque os seus potenciais e os seus dinamismos económicos atraen xente e fixan poboación. Os datos do Instituto Galego de Estatística (IGE), expostos por provincias, colocan O Morrazo como a cuarta economía de Pontevedra, con incrementos constantes no seu produto interior bruto (PIB). As empresas do Morrazo e as traballadoras e os traballadores da zona xeran ao ano unha riqueza de máis de 1.100 millóns de euros, unha cifra que ascendeu en 21% antes da pandemia e que agora volve recuperar ritmo crecente.

As dúas comarcas, en conxunto, representan a terceira área máis rica da provincia, só superadas por Vigo e igualadas polo Salnés. Por concellos, no caso de Marín, a xeración de riqueza anual ronda os 400 millóns de euros, en Cangas sitúase nos 336, 235 millóns de euros en Moaña e 145 en Bueu. Os traballos do sector servizos, referidos a educación, a sanidade e as Administracións públicas son a principal fonte de ocupación da poboación activa nas comarcas, seguidas polo comercio, o transporte e a hostalaría, os servizos financeiros e de información e a construción.

Moitas localidades da comarca repiten este esquema, pero hainas, como Moaña, que viven de cara ao mar. Os portos pesqueiros, as frotas e as confrarías do Morrazo representan boa parte do marisqueo e a pesca de baixura e artesanal que abastecen as lonxas. No caso de Moaña, son 131 as embarcacións rexistradas que faenan para encher de produto fresco e bens para procesar, na mesma vila, destinados a mercados nacionais e internacionais. En Moaña, tamén existe construción naval e destaca o valor da acuicultura como xerador de ingresos continuos nun sector de condicións moi duras.

Conformación das corporacións locais no Morrazo e Pontevedra.
Conformación das corporacións locais no Morrazo e Pontevedra.

Modelo Pontevedra

Pontevedra é un dos paradigmas das Alcaldías da Galiza. O seu rexedor, Miguel Anxo Fernández Lores (BNG), chegou á Alcaldía hai 24 anos e deulle a volta á cidade. O chamado "modelo urbano do BNG" entrou en Pontevedra en 1999 e chegou non só para quedar, senón que se está a expandir por toda a Galiza e o mundo. As políticas urbanísticas de Lores teñen recibido neste tempo numerosos recoñecementos internacionais.

Comezou o primeiro ano de Goberno coa peonalización dos 300.000 metros2 do centro histórico, e o éxito deste "modelo BNG" foise expandindo ao resto da cidade coa premisa de deixar entrar "só os vehículos precisos para que a cidade funcione". Con este sistema a cidade gañou espazos para , medrou economicamente e tamén en poboación.

Ence na ría até 2073?

En febreiro, o Tribunal Supremo avalou a prórroga da localización da fábrica de Ence en Lourizán (Pontevedra) até 2073, contrariando as sentenzas previas da Audiencia Nacional que declararan ilegais a prórroga á pasteira até 2073 na ría de Pontevedra, decidida polo Goberno español en funcións de Mariano Raxoi.

Porén, aínda penden sobre Ence dous incidentes de nulidade presentados polo Concello de Pontevedra e pola Avogacía do Estado. A iniciativa da Avogacía baséase en que en febreiro a Comisión Europea anunciou a apertura dun procedemento sancionador ao Goberno do Estado "por falta de transparencia nos mecanismos de adxudicación das concesións no dominio público marítimo-terrestre do litoral". Ademais, o Tribunal de Xustiza da UE vén de prohibir a renovación automática das concesións mediante prórrogas na zona de dominio público marítimo-terrestre e obriga todos os Estados membros a cumprir con esta disposición. Nese sentido, o Concello de Pontevedra confía en que a Xustiza resolva en contra de Ence e poida así completar a rexeneración ambiental da ría e crear emprego sostíbel e de calidade.

Macroparques eólicos

En ambas as comarcas, medran as preocupacións medioambientais. Ao caso de Ence, súmase agora o proxecto para a construción dun macroparque eólico previsto entre os concellos de Bueu, Marín, Moaña e Vilaboa. Xa hai pronunciamentos de plenos municipais rexeitando o modo de negocio coa enerxía eólica. A aposta polas renovábeis é unánime, pero levanta suspicacias cando atenta contra a paisaxe e aproveitamentos e acuíferos que abastecen moitas localidades, como é o caso de Moaña. Tamén preocupan os proxectos eólicos mariños.

O Supremo xa admitiu a trámite un recurso das confrarías contra os Plans de ordenación do espazo marítimo do Goberno español. A frota desconfía da posíbel afectación á actividade pesqueira e do impacto das vías de evacuación do mar cara á terra da electricidade xerada nas augas.

O BNG ten o maior número de Alcaldías

Os Gobernos locais no Morrazo e en Pontevedra amosan un balance claramente nacionalista. Dos 12 concellos desta zona, 5 teñen Alcaldías do BNG, 4 do PP, 2 do PSdeG e en Cangas lidera o municipio ACE. No caso dos Executivos locais do BNG, Pontevedra, Poio, Moaña e Bueu contan cun acordo de Goberno con outras formacións, e en Barro o Bloque ten maioría absoluta. Nesta etapa tamén houbo cambios nos Consistorios. Victoria Portas substituíu Xosé Manuel Pazos na Alcaldía após o seu falecemento. O BNG decidiu saír do Goberno de Vilaboa e o PSdeG do de Cangas. En Barro tres dos catro edís do PP abandonaron o grupo popular.


Os concellos queren mellorar os servizos á poboación

Dúas alcaldesas e un alcalde da área comprendida por Pontevedra e O Morrazo, de distintas formacións políticas, analizan en conversa con Nós Diario a situación actual das comarcas e os retos de futuro que teñen por diante no seguinte mandato municipal que saia das urnas o 28 de maio. A alcaldesa de Moaña, Leticia Santos (BNG), a de Marín, María Ramallo (PP), e o rexedor de Ponte Caldelas, Andrés Díaz (PSdeG), xestionan os aumentos de poboación rexistrados nestas zonas, procuran impulsar o dinamismo económico e o emprego para que dea os seus froitos, e reclaman investimentos da Xunta da Galiza en servizos básicos como sanidade e educación, para que sexan o piar no que asentar o futuro.

En conversa con este xornal, Leticia Santos defende que os oito anos de xestión municipal do BNG en Moaña permitiron por fin rematar coa débeda que arrastraba o Concello. Coas contas saneadas explica que Moaña vai ter un novo centro de saúde e un auditorio municipal, ademais da segunda escola infantil de 0-3 anos en Domaio, "grazas ao inxente traballo que fixemos desde do Concello". Os cambios no urbanismo local tamén son sinal de identidade dos Gobernos nacionalistas, que apostan por humanizar espazos e crear rutas e accesos sostíbeis a peóns e bicicletas.

Mentres melloran servizos e calidade de vida, en Moaña están moi pendentes do mar, un "sector estratéxico no noso concello e na comarca" ao que "aportamos todo o que podemos". Santos está preocupada polos eólicos que penden sobre a zona, o que ela chama "o triángulo das bermudas" co seu vértice en Moaña. Xa hai pronunciamentos do pleno en contra da macroeólica, tamén da mariña. "Se os macroparques afectan os acuíferos cos que o concello abastece a veciñanza de Moaña, como imos facer para cumprir coa nosa obriga de dar servizo de abastecemento de auga á poboación? Os Concellos teremos algo que dicir neste tema", di a rexedora.

A sostibilidade e un uso dos recursos acaído, no centro

A alcaldesa de Marín, María Ramallo, repite como candidata polo PP o 28 de maio cunha xestión na que destacan obras como o novo auditorio da vila e actuacións en materia de humanización, accesibilidade e sostibilidade. Marín ten zonas diferenciadas respecto do seu casco urbano e a zona da Escola Naval Militar. Por iso a alcaldesa considera que conectar de modo sostíbel o casco urbano con estas zonas redundará en beneficio dun modelo de vila máis humanizado, accesíbel e turístico. Marín quere ademais un turismo tranquilo, non masificado, polo que está a apostar por espazos públicos sen coches, creando aparcadoiros disuasorios como o de Ameal para evitar colapsos e caos que sofren moitas zonas do litoral. Ademais Marín logrou este ano que o seu Enterro da Sardiña fose declarado Festa de Interese Turístico Galego, un paso máis na política de promoción turística da vila.

O alcalde de Ponte Caldelas, Andrés Díaz, está inmerso en varias frontes que considera "agresións a Ponte Caldelas" e abandeira causas veciñais como a da Comunidade de Montes de Baltar, coa que traballa contra o parque eólico Serra da Fracha. Asegura que se o parque recibe autorización da Xunta, "iremos ao xulgado da man cos propietarios afectados", porque ademais dos problemas ambientais e paisaxísticos que pode ocasionar, hai un informe de técnicos municipais de medio ambiente e urbanismo desfavorábeis pola afección aos recursos hídricos do concello, entre outras cuestións prexudiciais para a zona.

Ademais da loita contra os megaproxectos eólicos, Díaz tamén alerta sobre o feito de que a Confederación Hidrográfica Miño- Sil coloque Ponte Caldelas como fonte de auga para a loita contra a seca en zonas como Vigo.

Comentarios