Eleccións municipais

A Terra Chá, do agro aos eólicos

A comarca máis grande da Galiza medra polo rural.
A Galiza ten un marcado carácter agrogandeiro. (Foto: Ángel Utrera)
photo_camera A comarca máis grande da Galiza en extensión ten un marcado carácter agrogandeiro. (Foto: Ángel Utrera)

A extensión da comarca da Terra Chá, máis de 1.800 quilómetros cadrados repartidos en 9 concellos, a súa orografía e o seu clima fan desta zona da Galiza, que acumula ela soa o 6% do territorio do país, lugar idóneo e propicio para a posta en marcha de proxectos que precisan grandes extensións de terreo. Por iso a Terra Chá ten desde o ano 1998 os primeiros parques eólicos do país, e o maior número de aeroxeradores e potencia instalada, e por iso tamén se vai erguer na comarca unha planta de enerxía solar, a máis grande da Galiza, con 7.000 paneis situados en 6 hectáreas e 3 megawatts de potencia instalada.

Sobre o terreo a presenza das enerxías renovábeis na Galiza non se entendería sen a comarca da Terra Chá, o asunto é que co paso dos anos a protección da paisaxe, a conservación medioambiental e os beneficios económicos inexistentes fan mudar de opinión en moitos casos o suposto maná que prometían estes proxectos, e que hoxe xa forman parte do territorio con sorte desigual para as súas localizacións.

Conformación actual das corporacións municipais da comarca da Terra Chá. (Foto: Nós Diario)
Conformación actual das corporacións municipais da comarca da Terra Chá. (Foto: Nós Diario)

Fundamentalmente é unha comarca agrogandeira, de feito máis de 50% da súa poboación traballadora está ocupada directamente neste sector. Ademais ten especial relevancia na zona a industria asociada ao sector primario, polo que dun modo ou doutro mesmo poderíamos colocar en perto de 70% as chairegas e os chairegos que traballan na agricultura e a gandaría ou en industrias complementarias. O resto do emprego comarcal vai para o sector servizos.

Con este debuxo socioeconómico apareceron os primeiros proxectos para as enerxías renovábeis, nomeadamente a eólica, e casos como o concello chairego de Muras derivaron en que este sexa actualmente o que ten con máis aeroxeradores instalados. As grandes empresas que os explotan facturan unha media de 40 millóns de euros anuais, dos que pagan un canon fixo á Xunta da Galiza de 2,2 millóns de euros ao ano e ao Concello de Muras 500.000 euros polo Fondo de Compensación Ambiental e outros 900.000 polos tributos sobre bens inmóbeis de características especiais. En total Muras recibe ao ano 1,4 millóns de euros por soportar a presión da produción eólica sobre o seu territorio.

Beneficios para a xente

Os eólicos abaratan as facturas da luz á veciñanza e a pemes de Muras

No caso de Muras o Goberno local (BNG), decidiu que dunha vez por todas estes beneficios económicos revertesen no territorio que soporta a carga dos eólicos. Así o Concello estabeleceu varias liñas de axudas para que tanto os veciños e as veciñas como as pemes locais paguen as súas facturas da luz. Así o feito de padecer 1 aeroxerador por cada 2 habitantes polo menos compensa con algún beneficio á cidadanía.

O certo é que na comarca hai máis parques eólicos, pero a xestión dos recursos que xeran non é a mesma, e aínda que a veciñanza de Muras entende que a enerxía que sacan do seu terreo debería suporlles non pagar factura da luz algunha, esta reversión dos beneficios para as persoas ten unha grande aceptación no municipio. 

Contorna, emprego e despoboamento

Castro de Rei é o 4º concello de Galiza en produción láctea

Porque á marxe dos eólicos, A Terra Chá é unha das grandes produtoras de Galiza do sector agrogandeiro, concellos como Castro de Rei están nos primeiros postos do país en produción leiteira, e a agricultura tanto tradicional como ecolóxica son fonte de emprego e motor económico da comarca. 

Tamén conta a zona con espazos Reserva da Biosfera como son a Serra do Xistral e a de Cabra, e mesmo o concello de Muras forma parte desde o ano 2004 da Rede Natura, o que permitiu frear a expansión eólica.

A comarca precisa medidas urxentes para frear o despoboamento

Grazas a estes puxantes motores económicos chairegos o único problema no que Gobernos municipais de distintas cores coinciden é o despoboamento. Este é un mal común nos municipios da Terra Chá, que premen agora para ofrecer servizos sociais, benestar e calidade de vida non só para que a mocidade non marche da comarca, senón tamén para atraer novos habitantes ofrecendo emprego e actividade económica coma garantía de futuro.

Pero o curioso é que todos estes servizos están a ser custeados polos propios Concellos, segundo recoñece o alcalde de Castro de Rei (PP), Francisco Balado, e tamén o de Muras (BNG), Manuel Requeixo, que pon en evidencia que a falla de investimentos da Xunta da Galiza en servizos neste territorio leva a pequenos Concellos a ter que facerse cargo de actuacións nas escolas, nos centros de saúde, as traídas de augas e un longo etcétera.

A Terra Chá precisa medidas urxentes que poñan freo a esta perda de poboación, que afecta de forma especial os concellos máis pequenos. Aseguran estar “totalmente abandonados” en materia de servizos por parte da Xunta da Galiza, o que provoca que unha comarca na que non falta o emprego a carencia de servizos contribúe negativamente a seguir condenando A Terra Chá ao despoboamento.

Unha comarca plural nos seus Gobernos, con Alcaldías de PP, BNG e PSdeG

Habitantes en cada concello da Terra Chá (datos do IGE de xaneiro). (Foto: Nós Diario)
Habitantes en cada concello da Terra Chá (datos do IGE de xaneiro). (Foto: Nós Diario)

Os Gobernos saíntes das municipais de 2019 deixaron un mapa político equilibrado entre as distintas forzas políticas. O PP goberna en Abadín, Begonte, Castro de Rei e Cospeito. O PSdeG goberna en Xermade e Guitiriz e o BNG faino en Muras. Na Pastoriza hai un Executivo local de PSdeG e BNG e en Vilalba o cambio político en 2019 levou o PSdeG á Alcaldía apoiado por Vilalba Aberta, un acordo de goberno que durou só un ano. 

Alcaldías sitúan como motor de futuro o sector agrogandeiro

Francisco Balado (Castro de Rei), Manuel Requeixo (Muras) e Elba Veleiro (Vilalba). (Foto: Nós Diario)
Francisco Balado (Castro de Rei), Manuel Requeixo (Muras) e Elba Veleiro (Vilalba). (Foto: Nós Diario)

Os alcaldes de Castro de Rei (PP), Muras (BNG) e a alcaldesa de Vilalba (PSdeG) conversaron con Nós Diario sobre a situación dos seus concellos e da comarca da Terrá Chá, analizando demandas e potencialidades, tanto no presente como de cara ao vindeiro mandato. 

O concello con menos poboación da Terra Chá é o de Muras (606 habitantes). O alcalde, o nacionalista Manuel Requeixo, atopou a fórmula para que os eólicos deixen beneficios no territorio onde se instalan: reverter directamente os beneficios en axudas á veciñanza e ás pemes para pagar as súas facturas la luz. Requeixo explica que a comarca precisa “medidas que poñan freo á caída de poboación, que provocou a perda de servizos como a sanidade e a educación”. Demanda da Xunta “políticas que invistan en servizos no rural, que está completamente abandonado". 

De feito, explica que é o Concello o que está asumindo cos seus fondos cuestións fundamentais como as traídas de auga ou o alumeado público, con facturas de máis de 1 millón de euros en oito anos, “algo inasumíbel para un concello pequeno”. Pero destaca que “ante a falla de implicación da Xunta fomos nós os que fixemos e mantemos o Punto de Atención á Infancia e investimos cartos do concello no colexio e no centro de saúde que debería asumir a Xunta”. Critica o “abandono” do Goberno galego á gandaría, ás pequenas e medianas explotacións. Isto provocou nos últimos anos que Muras pasara de ter 200 explotacións a 140 “e se seguimos así iremos camiño de macroexplotacións de 400 vacas que acaban por botar a xente do territorio”.

No de Castro de Rei, o seu alcalde, Francisco Balado (PP), explica a Nós Diario que o municipio conta cun potente sector agrogandeiro e unha industria auxiliar que diversifican a economía local. É o cuarto concello da Galiza con máis produción láctea, con 106 millóns de litros de leite ao ano. “Temos un rural moi diversificado, con industrias do sector primario e do sector servizos como un matadoiro de aves, que xera unha actividade económica moi importante”. Destaca o nivel de creación de emprego destes sectores no seu concello “que convida a xente nova a non marchar, a quedar aquí a vivir”. Para evitar máis despoboamento, aposta polos servizos de conciliación municipais gratuítos. Con este balance da situación municipal ao preguntarlle polos eólicos que abundan na comarca non o dubida: “nós non temos parques eólicos, non nos interesan, non poden substituír a actividade gandeira e algo si que inflúen”, recoñece.

En Vilalba, o máis poboado da comarca, con perto de 14.000 habitantes, a súa alcaldesa, Elba Veleiro (PSdeG), demanda maior financiamento para a prestación de máis e mellores servizos públicos en toda a Terra Chá, e medidas de ordenación territorial que incentiven investimentos no sector primario e nos servizos "aínda que sexan impopulares", di a rexedora a Nós Diario. Ademais o Goberno da capital comarcal aposta polo sector cooperativo, “o leite, a carne,  o sector forestal, nos que as sinerxías ligadas ao cooperativismo doutros territorios serían necesarias e fundamentais”.

Ademais, a rexedora considera que “a mancomunidade debería de especializarse en turismo e na prestación de servizos, promovendo a zona coma xeodestino turístico e liderando a xestión mancomunada dos residuos sólidos urbanos”. Sobre os eólicos, Elba Veleiro di que non estar en contra das enerxías renovábeis, "mais si de que se instalen a calquera prezo".

Comentarios