Eleccións municipais

Un interior a dúas velocidades

As comarcas de Allariz-Maceda, Terra de Celanova, A Limia e Baixa Limia identifican os pros e os contras dun territorio ao que lle faltan recursos e investimentos. Só as cabeceiras destas comarcas resisten aos sucesivos padróns de habitantes, son moitos os municipios da zona con menos de 1.000 residentes e só tres de 32 superan a barreira das 5.000 habitantes. Allariz e Xinzo tiran pola comarca co seu puxante modelo económico e social, pero ás da Baixa Limia e Celanova cústalles seguir o ritmo.
Mapa dos concellos do sur da circunscrición de Ourense Foto: Nós Diario).
photo_camera Mapa dos concellos do sur da circunscrición de Ourense. (Infografía: Nós Diario)

A s comarcas de Allariz-Maceda, Terra de Celanova, A Limia e Baixa Limia suman 32 concellos e só unha poboación total de 57.319 habitantes. No caso da comarca de Allariz-Maceda, son un total de seis concellos e 14.196 habitantes; na da Limia ascenden a 11 concellos e 19.518 habitantes; no caso da Baixa Limia suma cinco municipios e 6.482 habitantes e Terra de Celanova, a pesar de ter 10 concellos, só contabiliza 17.123 residentes. Os concellos cabeceira (Allariz, Xinzo, Bande e Celanova) concentran máis de 23.000 habitantes.

Con este debuxo do territorio sobra dicir que, salvo algúns casos como Allariz ou Xinzo, o problema fundamental destas comarcas é o despoboamento, e todos os efectos negativos que implica tanto en perda de servizos como de riqueza e desenvolvemento. Neste caso, non teñen problemas de comunicacións, e precisamente por iso son as cabeceiras de comarca as que levan anos aumentando poboación en detrimento dos concellos máis pequenos. Son moitos os municipios destas catro comarcas por debaixo do milleiro de habitantes, e Pontedeva (Terra de Celanova) ostenta o posto do municipio menos poboado delas, con 479 habitantes.

Composición das corporacións municipais nas comarcas de Allariz-Maceda e Terra de Celanova.
Composición das corporacións municipais nas comarcas de Allariz-Maceda e Terra de Celanova.

O comercio e o sector servizos son, en case todas estas comarcas, os principais focos de emprego e actividade económica. O sector primario representa de media 20% das economías comarcais. Tradicionalmente, eran foco de crecemento a través do sector da construción, pero a crise do ladrillo provocou que a maior parte desta actividade e emprego cambiara cara ao comercio e os servizos como medio de vida. 

Evidentemente na Limia e Baixa Limia, o sector agrícola, centrado na produción de pataca, é un importante pulo para as dúas comarcas, que xa exportan 60% da súa produción anual. O anuncio da construción dun novo polígono industrial no concello de Paderne de Allariz agarda agora potenciar a industria, creando un espazo no que poidan instalarse novas empresas que reforcen o emprego e a actividade económica.

Composición das corporacións municipais nas comarcas da Baixa Limia e A Limia.
Composición das corporacións municipais nas comarcas da Baixa Limia e A Limia.

Allariz, modelo de benestar

O caso de Allariz ten sido obxecto de moitos estudos. Aquel chamado “milagre” que o BNG levou á vila segue a dar froitos día a día. A poboación de Allariz medra a razón de 50 persoas cada ano, cando o despoboamento é xeneralizado na zona. 

O modelo urbano, a aposta pola dinamización económica sostíbel e as políticas desenvoltas polo BNG en Allariz converteron a capital da comarca nun exemplo de concello a nivel económico pero tamén de benestar e calidade de vida. As cifras falan por si soas. 

Allariz atrae turismo, comercio e industrias, e ao mesmo tempo a veciñanza desfruta dunha vila con espazos públicos para as persoas, con servizos públicos de calidade, oferta de emprego e mantemento, ao mesmo tempo, da economía tradicional mellorando produtividade e sostibilidade. O resultado da xestión política dos últimos anos leva o BNG en cada convocatoria a obter amplas maiorías absolutas, algo que repite desde hai cinco anos Cristina Cid como alcaldesa. 

Dinamización contra despoboamento

Salvo excepción, estas comarcas están en grave risco de despoboamento, un fenómeno que levan anos a sufrir pero que toma xa tinguiduras dramáticas. Fronte a esta situación, a receita da política local pasa pola posta en marcha de plans de dinamización económica, con medidas que valoricen o medio rural, o patrimonio como reclamo turístico, o desenvolvemento sostíbel para o aproveitamento dos recursos naturais e a aposta pola industria de transformación dos produtos agrarios e as 
novas tecnoloxías.

A modernización e o fomento do comercio local ten dado xa resultados nas comarcas e amosado o camiño do futuro. Casos como os de Allariz e a súa aposta por un “outlet” integrado na vila están a ser exemplo para outros concellos das comarcas, que teñen no desenvolvemento do comercio local un modo de paliar os déficits doutros sectores produtivos locais. Tamén a rehabilitación do rico patrimonio destas zonas apunta como motor de xeración de emprego e incremento do turismo como alternativa á industria e á construción.

Tamén o termalismo semella poder tomar forza en Bande e Baños de Molgas. En Bande, a zona termal dos Baños e o complexo arqueolóxico romano Aquis Querquennis están a avanzar xa na súa promoción como punto de atracción turística.

Bande, a única cabeceira de comarca que goberna o PP

Nestas comarcas, tradicional feudo electoral do PP, os populares só lograron en 2019 reter un dos concellos cabeceira, Bande. En Allariz o municipio de cabeceira é do BNG; en Xinzo (A Limia) goberna o PSdeG coa agrupación de electores e o BNG; e en Celanova faino Celanova Decide, apoiado por BNG e PSdeG. De cara ás vindeiras eleccións do 28 de maio, ademais dos tres grandes partidos, presentaron candidaturas varias agrupacións de electores, como é o caso de Rairiz de Veiga, Gomesende e Sandiás.

Infraestruturas e servizos son as prioridades das alcaldesas

As alcaldesas Cristina Cid (Allariz), Elvira Lama (Xinzo de Limia) e Sandra Quintas (Bande) (Foto: Nós Diario).
As alcaldesas Cristina Cid (Allariz), Elvira Lama (Xinzo de Limia) e Sandra Quintas (Bande) (Foto: Nós Diario).

As alcaldesas da zona teñen claras as prioridades dos seus territorios de cara aos vindeiros catro anos. En conversa con Nós Diario, Cristina Cid (BNG), rexedora de Allariz, destaca que logo da pandemia e a crise de prezos neste mandato “o que temos claro é que o modelo de Allariz funciona mesmo nas peores circunstancias” porque segue mellorando en poboación e desenvolvemento. 

Cos alicerces postos no futuro, Cid centra os retos municipais en materia de saneamento e unha nova EDAR que atenda a poboación crecente de Allariz, a vivenda, o transporte e a sanidade. Sabe mellor que ninguén que Allariz precisa políticas que axuden á súa expansión, por iso en materia de vivenda aposta pola xestión do solo das áreas de reparto do PXOM e rehabilitación nas parroquias para ofertar vivenda pública e permitir que o concello siga medrando en poboación.

Ademais, Allariz aposta para o vindeiro mandato por un servizo de transporte público que a conecte con Ourense xestionando de modo acaído os fluxos de demanda e tendo en conta que a falla de transporte público aumenta o uso dos vehículos privados e “non favorece en nada o desenvolvemento rural”. En materia de sanidade, Allariz demanda ampliar os seus servizos, que permitan á veciñanza acceder a fisioterapia ou probas diagnósticas “sen ter que desprazarnos a Ourense ou a Xinzo”.

En materia eólica, e aínda que a zona non contempla acoller parques, en Allariz están pendentes, xunto con outros concellos, do proxectado en San Mamede, no nacemento do río Arnoia, con zapatas formuladas de 60 metros contra o manancial que abastece Allariz, “estamos moi pendentes de posíbeis afectacións e actuaremos en consecuencia”, destaca a nacionalista. Elvira Lama (PSdeG), rexedora de Xinzo, centra nas infraestruturas e na celebración de eventos as prioridades do concello no vindeiro mandato.

O Estado ten en marcha por 4 millóns de euros a humanización dos accesos á vila, e a alcaldesa mesmo viaxou a Madrid este ano para axilizar esta actuación co director xeral de Estradas. Xinzo ten un orzamento para 2023 de 8 millóns de euros cos que sacar adiante proxectos como o trazado da Travesía de Xinzo, as melloras no centro de día ou a senda peonil e a eliminación de verteduras ao Limia. 

Ademais, Xinzo quere afianzar o seu posicionamento como concello organizador de grandes eventos, tanto a nivel deportivo como noutros como o certame celtibérico de bandas, do que agarda ser sede.

Sandra Quintas (PP), alcaldesa de Bande, explica a Nós Diario a importancia que o turismo está a experimentar no concello grazas ao “triángulo turístico” que forman o proxecto termal dos Baños, o Aquis Querquennis e a reitoral de Santa Comba. A rexedora asegura que Bande “triplicou as cifras de visitantes” desde a chegada do AVE a Ourense e aposta por desenvolver estes proxectos e o sector servizos local para que nos vindeiros catro anos Bande se postule como un “destino turístico de referencia na provincia”. 

En agosto de 2022 o concello obtivo a declaración mineiro-medicinal das axudas termais dos Baños. Neste proxecto traballan agora tramitando viarios de acceso a unha nova zona de balneario. A rexedora Sandra Quintas afirma ademais que en Bande “temos todos os servizos, como cabeceira de comarca que somos, para a calidade de vida da nosa veciñanza”.

Comentarios