Eleccións Municipais

Ferrolterra segue instalada na crise

As comarcas de Ferrol, do Eume e de Ortegal conviven cunha crise estrutural desde hai catro décadas. Un proceso comezado a inicios dos anos oitenta co desmantelamento do complexo naval da ría de Ferrol e que tivo continuación até a actualidade. O seu impacto é doado de seguir nas cicatrices deixadas na realidade social destas comarcas, da que é un exemplo a perda da poboación. Neste contexto, 186.098 persoas prepáranse para decidir o futuro dos seus municipios.
Habitantes no Eume, Ortegal e Ferrol (Datos do IGE, 2023) (Foto: Nós Diario).
photo_camera Habitantes no Eume, Ortegal e Ferrol. (Mapa: Nós Diario - IGE 2023)

A área de Ferrolterra comprende as comarcas de Ferrol ou Trasancos, a do Eume e a de Ortegal. Levan 40 anos instaladas na crise. Á volta de 1983, o Goberno do Estado, presidido por Felipe González, seguindo as indicacións das autoridades comunitarias, deu arranque ao proceso de desmantelamento do complexo naval, que naquela altura ocupaba nos estaleiros de Astano e Bazán máis de 11.000 operarios e arredor de 1.100 nas empresas auxiliares.

Neste momento, o cadro de persoal de Navantia na área de Trasancos conta, aproximadamente, con 1.100 traballadoras e traballadores, empregándose outros 3.000 nas súas contratas. As cifras certifican que o complexo naval segue a ser unha actividade estratéxica para estas tres comarcas.

A crise industrial

A crise deixouse notar, tamén, noutros enclaves industriais da zona. Así, por exemplo, o concello das Somozas perdeu en 2021 a factoría de compoñentes eólicos de Siemens-Gamesa, que deixou na rúa arredor de 200 empregadas e empregados. 

Porén, onde a situación se deteriorou de forma máis acusada foi no concello das Pontes, como consecuencia dun proceso de transición enerxética que non dá chegado á localidade para ofrecer alternativas aos múltiples postos de traballo perdidos na central térmica das Pontes e con anterioridade na mina de Endesa. Está por ver en que fican os proxectos da planta de rodas da chinesa Sentury Tire e a factoría de hidróxeno verde de Reganosa e EDP.

A constante caída da poboación é un dos principais termómetros do alcance desta crise. Neste sentido, a área de Ferrolterra perdeu 23.283 persoas entre 2002 e 2022, último ano con cifras, pasando de 191.336 a 168.098 residentes. Así, a comarca de Trasancos cedeu 10.304 residentes, a do Eume 4.933 e a de Ortegal 5.211, sendo Ferrol a cidade de todo Estado onde máis se reduciu a poboación nas últimas dúas décadas. 

Nesta liña, a localidade de referencia para toda esta área perdeu nestes 20 anos 15.362 habitantes, o que representa unha caída no censo total de 23,9% e un comportamento demográfico homologábel a boa parte das localidades do interior galego.

Composición das corporacións locais nas comarcas de Ferrol e do Eume.
Composición das corporacións locais nas comarcas de Ferrol e do Eume.

O despoboamento

As capitais do Eume e de Ortegal lideran o despoboamento na Galiza. Así, o concello de Ortigueira está á cabeza do país en núcleos de poboación abandonados, con 124 sen residentes, outros 30 cunha persoa censada e 136 con menos de 10 habitantes. 

Asemade, o municipio cedeu 48,1% da súa poboación desde 2002, pasando de 8.533 residentes a 5.420. A continuación, colócase o veciño concello das Pontes, con 87 núcleos abandonados e unha perda de habitantes de 21,2% no mesmo período. Nesta mesma listaxe, só por diante dos municipios referidos e dos concellos de Muras (comarca da Terra Chá) e Ourol (A Mariña), aparece As Somozas, con 50 aldeas baleiras e unha caída de poboación de 53%.

Composición das corporacións locais na comarca de Ortegal
Composición das corporacións locais na comarca de Ortegal

As infraestruturas

O déficit nas comunicacións e o recorte de servizos están acelerando estas tendencias demográficas. Nesta liña, Trasancos conta cunha rede de ferrocarril moi precaria, tanto para a súa conexión coa área coruñesa como para a súa articulación interna, mediante o impulso e modernización das liñas de FEVE. Ao tempo, a comarca de Ortegal padece importantes carencias nas súas comunicacións por estrada, derivadas da decisión do Goberno de Manuel Fraga de fixar un trazado interior para a autovía do Cantábrico. 
A batalla electoral nesta área non se explica sen estas variábeis. Neste sentido, os socialistas, que gobernan en 13 dos 20 concellos da zona, vense con posibilidades de manter estas Alcaldías e non renuncian a lograr algunha nova, como Mugardos.

Ao tempo, dan por seguro manter o actual reparto de escanos no partido xudicial de Ferrol, que outorga dúas actas provinciais ao PSdeG, outras dúas ao PP e unha ao BNG. Así e todo, os resultados nesta demarcación van ser sometidos a un particular escrutinio desde as filas do PP e dalgún sector dos socialistas, por ser a zona de influencia do secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, candidato á Alcaldía das Pontes.

A batalla electoral

As Somozas, Mañón e Mugardos son as únicas Alcaldías en mans dos populares. A este respecto, o PP está apostando con moita forza por recuperar a Alcaldía de Ferrol, sendo varias as sondaxes que lle outorgan a maioría absoluta. Porén, semella que o seu candidato, José Manuel Rei Varela, deberá agardar até última hora para poder cantar vitoria, pois nacionalistas e socialistas consideran moi aberto o resultado. Nesta liña, as posibilidades do PP de aumentar a súa representación no partido xudicial de Ferrol non parecen reais.

O BNG está en condicións de conservar as Alcaldías de Fene, Moeche e San Sadurniño, condicionar os Gobernos de localidades como Cabanas e Cedeira e ampliar a súa representación e porcentaxe de voto. Nesta dirección, os responsábeis da formación  destacan a onda de simpatía xeral co nacionalismo galego, que xa se notou no proceso de conformación de candidaturas. 

Alcaldes consideran central a activación económica da zona

Bernardo Fernández (Pontedeume), Juan Domingo de Deus (Mugardos) e Juventino Trigo (Fene) (Foto: Nós Diario).
Bernardo Fernández (Pontedeume), Juan Domingo de Deus (Mugardos) e Juventino Trigo (Fene) (Foto: Nós Diario).

Tres rexedores, un de Trasancos, outro da comarca do Eume e outro de Ortegal. A prioridade é común: a activación económica da zona. En conversa con Nós Diario, o alcalde de Pontedeume e secretario xeral do PSdeG na circunscrición da Coruña, Bernardo Fernández Piñeiro, considera que “esta é unha comarca que leva en crise varias décadas polo peso do sector naval”.

Bernardo Fernández entende que “imos na boa dirección, porque o Goberno do Estado garante carga de traballo no sector naval e estanse impulsando outras actividades económicas para que non se dependa só do sector naval”. Así, destaca “o despegue do turismo moi ligado ao Camiño inglés e a existencia de varios proxectos industriais en marcha, cun investimento total de varios miles de millóns de euros”.

O alcalde de Mugardos, o popular Juan Domingo de Deus, apunta a este xornal que “se a Ferrol lle vai mal, vaille mal a toda a comarca”. A este respecto, o rexedor lembra que “o índice de desemprego de Ferrolterra é o máis alto da Galiza, polo que a alza de prezos afectou máis nesta zona”.

Juan Domingo de Deus opina que “o despoboamento vai moi ligado á actividade económica”. Nesta liña, indica que “no naval traballa moita xente e se non hai carga de traballo no naval, a xente ten que marchar. E iso foi o que pasou como consecuencia de todas as reconversións ao que foi sometido o sector”.

O rexedor de Fene, Juventino Trigo (BNG), coincide en que “os principais problemas son a falta de emprego e o despoboamento”. Nesta dirección, destaca que “a comarca está en crise permanente, sempre pendente do que acontece coa carga de traballo no naval”.

Trigo reflexiona sobre “a caída da poboación, que levou As Pontes a baixar de 10.000 habitantes e a Neda de 5.000”. Ao tempo, revela que “nestes últimos catro anos á crise do naval sumouse a crise das Pontes ou das Somozas, onde Gamesa fechou a súa planta de compoñentes eólicos”.

Os tres alcaldes amósanse optimistas de cara ás vindeiras eleccións municipais. A este respecto, o rexedor de Pontedeume afirma que “temos boas expectativas na localidade e a cousa pinta ben na comarca e na provincia”. Neste punto, sinala que “pálpase moita ilusión na xente e ule ben, polos actos que facemos, que teñen moita participación”. Porén, asegura que “nós somos un partido que non dá por gañado nada até o final”.

Pola súa parte, o alcalde de Mugardos asegura que “nós temos unhas boas expectativas e aspiramos a conseguir maioría suficiente que nos permita seguir facendo cousas”. Na mesma liña, entende que “en Ferrol imos conseguir a maioría absoluta, polo mal traballo do actual equipo de Goberno, un malestar que está recollendo o noso candidato José Manuel Rei Varela”.

O rexedor de Fene aspira a que o BNG “sexa a candidatura máis votada do concello” e está certo de que “o Bloque ten posibilidades de mellorar os resultados en todos as localidades da comarca”. Neste sentido, resalta que “as candidaturas do BNG no seu conxunto e cada un dos seus integrantes individualmente pasan por riba das listas doutros grupos”.

Comentarios