Eleccións municipais

A dereita divídese na Ribeira Sacra

As comarcas de Chantada, Lemos e Quiroga perderon 22,3% de habitantes en 20 anos.
Vendimia na Ribeira Sacra. (Foto Carlos Crespo / Europa Press)
photo_camera Vendimia na Ribeira Sacra. (Foto Carlos Crespo / Europa Press)

A perda de habitantes, o despoboamento e o envellecemento non dan tregua á Ribeira Sacra desde hai décadas. Só nos últimos 20 anos, os 12 concellos perderon 22,3% de habitantes, pasando de 59.767 residentes en 2002 a 47.082 en 2022, último ano con cifras. Así, a poboación da comarca de Chantada caeu neste período 24,3%, a da comarca de Quiroga 29,2% e a da comarca de Lemos 19,3%, pola resistencia de Monforte, que só cedeu 8,8% de residentes, favorecido polo éxodo a esta localidade da veciñanza doutros concellos da comarca. 

37,3% da poboación da Ribeira Sacra supera os 64 anos de idade

37,3% dos habitantes da Ribeira Sacra superan os 64 anos de idade. Neste sentido, a poboación maior de 64 representa 35,2% do censo na comarca de Chantada, 41,3% na comarca de Quiroga e 35,2% na de Lemos. Ao tempo, nunha parte importante dos municipios da zona, as persoas en idade de xubilación superan 40% das e dos resistentes totais, como acontece en Ribas de Sil, Folgoso do Courel, Pantón ou Carballedo. Asemade, o concello de Chantada suma 31 núcleos de poboación sen residentes, chegando esta cifra a 27 no municipio de Monforte.

Composición das corporacións locais das comarcas de Chantada, Lemos e Quiroga. (Foto: Nós Diario)
Composición das corporacións locais das comarcas de Chantada, Lemos e Quiroga. (Foto: Nós Diario)

A lóxica demográfica é consecuencia da emigración, do desmantelamento do complexo agrario após a integración do Estado español no espazo comunitario europeo e da ausencia de alternativas laborais. Neste sentido, o complexo agrogandeiro segue a ser o piar fundamental da actividade económica nestas comarcas, cun peso decisivo do sector vitivinícola e do vacún de leite, particularmente na de Chantada. Porén, nos últimos anos tense incrementado a importancia do sector servizos, ligado ao aumento da demanda turística na Ribeira Sacra.

A ausencia de determinados servizos e os problemas coas vías de comunicación teñen acelerado o proceso de despoboamento. A este respecto, son numerosas as queixas polo funcionamento dos servizos sanitarios, de forma moi especial no hospital de Monforte, como consecuencia da súa dependencia orgánica da xerencia sanitaria de Lugo.

Asemade, as grandes infraestruturas por estrada dependentes do Goberno do Estado seguen paralizadas, destacando neste sentido a mala situación da N-540 e da N-120 e a paralización das obras da A-56. Ao tempo, asístese a un importante deterioro da rede ferroviaria, nas súas conexións internas e externas.

Eleccións municipais

O Partido Popular chega a este proceso electoral fracturado. Neste sentido, en Chantada preséntanse como independentes dúas listas do ámbito da dereita, Xuntos polo Cambio e Chantada Centro, conformadas por persoas relevantes do espazo popular. Outro tanto acontece en Pantón coa lista impulsada por Jaime González e Roberto Eireos, antigo concelleiro popular no municipio e candidato frustrado en 2019 do PP á Alcaldía de Monforte. Na mesma dirección, en Quiroga, os edís do PP José Luis Rivera e Luis Manuel Arias concorren nunha candidatura independente, que suma outros cadros relevantes do partido no concello.

Previsións

Os dirixentes populares consultados por Nós Diario consideran que esta división non pon en risco ningunha das alcaldías que actualmente teñen. Ao tempo, entenden que van aumentar a súa porcentaxe de voto en relación ás eleccións de 2019 e aspiran a conseguir máis representación no partido xudicial de Chantada, malia precisar incrementar en 24,9% os sufraxios obtidos en 2019.

O Partido Socialista amósase convencido de manter as súas dúas Alcaldías, entre elas o seu bastión de Monforte, e pelexan por lograr algunha máis. Entre estas, atópase Taboada, onde a previsíbel caída do PP e o incremento do BNG abre a porta a un Goberno do PSdeG en solitario ou en coalición. Ao tempo, vense con posibilidades de aproveitar a fenda dos populares en Quiroga para converterse na candidatura máis votada. Neste sentido, os responsábeis da formación dan por seguro un reparto similar ao de hai catro anos dos escanos que se reparten para a Deputación de Lugo nos partidos xudiciais de Chantada e Monforte de Lemos. Naquela ocasión, os populares e os socialistas obtiveron dúas actas cada un.

O Bloque Nacionalista Galego aspira a mellorar os seus resultados de hai catros, mantendo a Alcaldía da Pobra do Brollón, conseguindo as de Pantón e Taboada, e recuperando a representación en diversos municipios onde ficou fóra hai catro anos, como O Saviñao ou Chantada. A este respecto, destacan que o BNG é unha forza en alza na zona, como acredita a presentación de candidaturas nacionalistas en Bóveda ou Ribas de Sil, onde levaban varios procesos sen concorrer.

Pola súa parte, Interior Galego Vivo, a formación que agrupa as candidaturas Agroma Sober, Caurel Vivo, Monforte e Por Chantada, aposta por superar os resultados das eleccións municipais do ano 2019. Nesta liña, vense con posibilidades de conseguir a Alcaldía de Chantada, como consecuencia da división do espazo da dereita, e a de Folgoso do Courel, onde o PP acusa desgaste após moitos anos no Goberno.

O PP busca reter a súa maioría

Poboación dos concellos das comarcas de Chantada, Lemos e Quiroga. (Foto: Nós Diario)
Poboación dos concellos das comarcas de Chantada, Lemos e Quiroga. (Foto: Nós Diario)

A dereita manda en nove dos 12 concellos da zona e ostenta a Alcaldía de Chantada, a localidade con máis poboación de todas cantas goberna na circunscrición electoral de Lugo. A continuación sitúase o Partido Socialista, titular das Alcaldías de Monforte de Lemos e de Ribas de Sil, seguido do Bloque Nacionalista Galego, que goberna desde hai 16 anos no concello da Pobra do Brollón. O 28 de maio medirase a capacidade de resistencia do Partido Popular e o empuxe do PSdeG e do BNG.

As comunicacións preocupan aos alcaldes da Ribeira Sacra

Manuel Lourenzo (Chantada), José Tomé (Monforte) e Xosé Luís Maceda (A Pobra do Brollón). (Foto: Nós Diario)
Manuel Lourenzo (Chantada), José Tomé (Monforte) e Xosé Luís Maceda (A Pobra do Brollón). (Foto: Nós Diario)

A cuestión demográfica marca a axenda dos rexedores da Ribeira Sacra cos que conversou Nós Diario. A este respecto, o alcalde de Chantada, o senador popular Manuel Lourenzo (PP), sinala que “é un problema que afecta todos os concellos do interior da Galiza, mais para asentar poboación no noso rural fai falla actividade económica e, para iso, cómpre darlle relevo ás nosas explotacións agrarias de leite, que aínda ocupan máis poboación co viñedo en Chantada”.

O alcalde Monforte e presidente da Deputación de Lugo, que tamén é secretario xeral do PSdeG lugués, José Tomé, entende que “o despoboamento, o reto demográfico, é un dos grandes problemas desta comarca”. Neste sentido, afirma que “para evitar que a xente teña que marchar e para atraer habitantes ao territorio é necesario estabelecer nas cabeceiras de comarca, como no noso caso son Monforte ou Chantada, uns polos ou centros de desenvolvemento cun mínimo tecido industrial, que permitan manter unha actividade económica que xere emprego e que os servizos se sustenten nese valor engadido que crearían as empresas asentadas nas áreas industriais”.

O rexedor da Pobra do Brollón, Xosé Luís Maceda (BNG), destaca que “a pirámide de poboación nesta zona está invertida, cun dos índices de envellecemento máis elevados do país e cun Goberno galego que leva todos estes anos sen tomar medidas para reverter a situación”. Ao tempo, Maceda denuncia “un empeoramento da calidade asistencial do hospital de Monforte, onde se están a recortar cada día servizos e están aumentando as derivacións a Lugo para cuestións que con anterioridade resolvían aquí”.

Tomé coincide con Maceda en que “a sanidade pública está sufrindo un desmantelamento paulatino” e denuncia “recortes en educación, con menos aulas e docentes" e a "falta de prazas nas escolas infantís e de residencias para a atención ás persoas maiores". Isto, di, supón "un déficit de servizos públicos que dificulta que a xente se asente no territorio e non marche".

O estado das comunicacións preocupa ao alcalde de Chantada, que advirte de que "hai un problema serio coas infraestruturas viarias, especialmente con aquelas estradas de titularidade estatal, como a N-540 e a A-56” e aposta por “ampliar no próximo mandato o polígono de Chantada arredor da estrada de circunvalación da vila, tamén para darlle unha cara distinta a este espazo”.

Unha viaxe en tren de Monforte a Ferrol  tarda oito horas

Maceda amplía a denuncia “á situación da N-120” e ao “funcionamento do ferrocarril, que veu a menos nos últimos tempos, xa non só limitando as proximidades, senón suprimindo liñas, como a de Barcelona”. A este respecto, sinala que "a miña filla, cando estudaba en Tarragona, tardaba oito horas en chegar a Monforte e agora que estuda en Ferrol tarda outras oito horas".

O rexedor monfortino, pola súa parte, asegura que “é preciso mellorar a mobilidade e as comunicacións”. Nesta dirección, destaca que “agora mesmo están en marcha as obras de modernización do ferrocarril co investimento histórico que ten mobilizado o Goberno do Estado, e que van ser moi importantes para o futuro da nosa comarca e da provincia”.

Comentarios