Eleccións municipais

Agro e industria, as chaves do futuro

A Ulloa, Sarria e Lugo demandan servizos para a poboación.
Tractorada o pasado 18 de abril en Lugo en protesta polos altos prezos (Foto: Nós Diario)
photo_camera Tractorada o 18 de abril en Lugo en protesta polos altos prezos.

A comarca de Lugo, a máis numerosa das tres tanto en poboación como en concellos que a integran, explícase socioeconomicamente arredor de dous sectores fundamentais, o agrogandeiro e os servizos. Os datos do Instituto Galego de Estatística (IGE) revelan que na zona unha media do 60% das empresas dedícanse ao sector primario, gandaría fundamentalmente, pero no detalle estes datos só se cumpren nos concellos máis pequenos do rural da comarca. 

En casos como o Concello de Lugo invértese a actividade económica pasando o sector servizos a representar máis do 76% da actividade económica e a gandaría apenas chega ao 7%. Sen dúbida tamén nesta comarca é a industria a menos presente nas economías locais, xa que non chega ao 5% da actividade empresarial. 

Composición das corporacións locais en Lugo, Sarria e A Ulloa.
Composición das corporacións locais en Lugo, Sarria e A Ulloa.

No caso da comarca de Sarria tamén a gandaría representa de media a metade da actividade económica dos concellos que a integran, aínda que o peso do 40% que ten o sector servizos, e o crecemento das cifras cada ano, apuntan á actividade turística provocada polo Camiño de Santiago como motor puxante da economía comarcal. De feito en concellos como Sarria, a actividade do comercio e a hostalería supera xa o sector primario. Tampouco a industria nesta comarca consegue superar o 5% das empresas que xeran economía na comarca.

Comarca da Ulloa

Palas de Rei, Antas de Ulla e Monterroso conforman a comarca da Ulloa, con perto de 9.000 habitantes e unha marca fundamental no presente e cara ao futuro: o Camiño de Santiago. O 40% da poboación activa dedícase ao sector primario, outro 30% aos servizos e o 30% restante á industria. O Camiño de Santiago deixa a cada paso un sector servizos con máis peso económico e laboral na comarca, pero tamén a industria, pendentes dos fondos europeos para a instalación da fábrica de Altri, é un foco de emprego e riqueza. 

Hai 12.887 vacas en 243 explotacións, cunha media de 50 vacas por cada unha. Con estas cifras o sector agrogandeiro é, sen dúbida, un sinal de identidade da Ulloa, ao que hai que sumar Campomaior, que produce ovos en Palas de Rei nunha explotación con 500.000 galiñas. E non podemos esquecer que é o berce da Denominación de Orixe Arzúa Ulloa. 

Se a estas industrias lle sumamos a local Jim Sports, enténdese mellor que o desemprego real non chega ao 4,8%.

A Ulloa vive desde hai un ano pendente da instalación da empresa Altri en Palas de Rei, coa parcela elixida entre 47 localizacións en todo o Estado, e pendentes só dos fondos da UE para asentarse no territorio. A maiores da xeración de emprego das obras de instalación, Altri promete 2.500 traballos directos e indirectos

A outra fonte de emprego e riqueza na zona é o Camiño de Santiago. No ano 2022, Palas de Rei foi o terceiro concello do Estado en afluencia turística, un posto que ocupaba por primeira vez un concello galego e do rural e interior do país.

Un rural con moito peso que reclama ordenación

Estas tres comarcas do interior confórmanse fundamentalmente por concellos rurais, e dous núcleos que destacan en peso poboacional, Lugo e Sarria. Tira da economía tradicionalmente a potente gandaría da zona e a industria asociada, pero o auxe do Camiño de Santiago ten elevado o peso dun sector servizos que en moitas zonas constitúe xa un motor económico de vital importancia. Pero as cifras do turismo non acaban de convencer como monocultivo os alcaldes e alcaldesas destes municipios, que coinciden en diagnosticar que “o turismo é moi bonito pero precisamos que se faga algo polo rural, hai que ordenalo e investir para conseguir fixar poboación e que a mocidade deixe de marchar para as grandes vilas”.

Tamén se queixan da falla de concentracións parcelarias e de políticas para o rural desde a Xunta de Galiza. O sector gandeiro destas comarcas asegura que “non todo é cobrar as axudas da Política Agraria Común (PAC), precisamos apoio por parte das Administracións ás pequenas e medianas explotacións”. O certo é que as cifras do Instituto Galego de Estatística acreditan desde o ano 2016 unha perda de explotacións paulatina que nesta zona chega xa máis do 10%. Nos concellos do rural e nomeadamente na comarca de Lugo tamén o sector forestal ten un peso importante na economía e empresas locais.

O turismo, pola súa parte, está a facer proliferar albergues para peregrinas e peregrinos nestas comarcas, pero tamén as casas de turismo rural son un importante foco de negocio, de feito só na de Sarria hai 14 destes estabelecementos. Pero moitos destes concellos queren diversificar a súa actividade, e reclaman do Goberno galego medidas sobre o territorio que os fagan atractivos para o asentamento de novas empresas e industrias.

Un mapa político desigual

Poboación das comarcas da Ulloa, Sarria e Lugo.
Poboación das comarcas da Ulloa, Sarria e Lugo.

Os Gobernos saíntes das municipais de 2019 deixaron un mapa político desigual nas tres comarcas. Na Ulloa, en Antas e Palas goberna o PP, e en Monterroso IM. En Sarria tres municipios teñen alcalde do PP (O Incio, Paradela e Triacastela), dous do PSdeG (Samos e Láncara) e dous de candidaturas independentes (TP e CS). Catro concellos de Lugo teñen Gobernos do PP (O Corgo, Friol, Guntín e Outeiro de Rei). O PSdeG ostenta en solitario a Alcaldía de Castroverde, e co BNG a de Lugo capital. IR goberna en Rábade. 

O Camiño de Santiago mudou as economías locais

Os rexedores Pablo Taboada (Palas de Rei), Xosé Arias (Castroverde) e Claudio Garrido (Sarria). (Foto: Nós Diario)
Os rexedores Pablo Taboada (Palas de Rei), Xosé Arias (Castroverde) e Claudio Garrido (Sarria). (Foto: Nós Diario)

Alcaldes das tres comarcas explican a Nós Diario o presente e os retos de futuro dos seus territorios. O rexedor de Palas de Rei, Pablo Taboada (PP); o alcalde de Castroverde, Xosé María Arias (PSdeG) e o de Sarria, Claudio Garrido (Camiña Sarria) coinciden en recoñecer as bondades que as distintas rutas do Camiño de Santiago deixan nas súas comarcas e concellos. Pero nos casos de Palas e Castroverde sinalan a importancia fundamental de contar con máis servizos que fixen poboación e no necesario pulo á actividade industrial.

O alcalde de Sarria, Claudio Garrido (Camiña Sarria), lidera nestas eleccións municipais a marca Contamos, na que se integran independentes de varios partidos como Camiña Sarria, Partido Galego e Galicia Sempre. Garrido goberna en minoría desde o ano pasado, cando cesou o único concelleiro socio de Goberno, Benjamín Escontrela, de Galicia Sempre. Agora, liderando Contamos, o alcalde de Sarria asegura que o importante para as comarcas é “facernos fortes na Deputación de Lugo que saia das vindeiras eleccións, para condicionar as políticas que precisan os concellos do rural”.

En Palas de Rei, Pablo Taboada (PP) e toda a comarca da Ulloa, están pendentes da instalación da empresa lusa Altri no concello. Segundo explica o alcalde a parcela está elixida e fechada a compra e a empresa valora especialmente a proximidade da A-54 e a situación no centro da Galiza do concello, “só están agardando polas xestións do Goberno estatal dos fondos europeos”. Para Palas e para toda a Ulloa serán 2.500, di a empresa, novos empregos, “é o cuarto proxecto industrial máis relevante nos últimos 25 anos”, asegura o rexedor. Tamén o Camiño de Santiago colocou en 2022 Palas “como o terceiro concello do Estado en afluencia turística”. Taboada valora o impulso que a ruta xacobea lle dá á comarca, pero tamén di que “Palas é máis que o Camiño”. A industrialización, o potente sector gandeiro e o turismo colocaron a taxa de desemprego no concello nun 4,8%, e propiciaron ademais o incremento dos servizos públicos para a poboación.

Na comarca de Lugo, o alcalde de Castroverde, Xosé María Arias (PSdeG), non fai o mesmo balance positivo. Quéixase da falta de industria, e sinala como motores económicos a gandaría e o sector forestal, que “xera moitos postos de traballo”. Ao respecto deste sector, Arias critica “a situación que temos co tema do eucalipto pola normativa da Xunta”. Afirma o rexedor socialista que o Goberno galego “non fixo nada, non temos un plan forestal, e a metade do territorio vive do sector forestal. Hai que deixar plantar eucalipto onde hai que plantar, non só protexer”. Arias afirma que “eu non estou en contra do eucalipto, pero ten que estar no seu sitio. Ten que haber unha lei sectorial para todo o territorio”. Tamén se queixa o alcalde de Castroverde da falla de concentración parcelarias na zona, “nos últimos 40 anos só fixeron dúas”. Segundo critica, tampouco os eólicos instalados na zona compensan aos concellos, “nós recibimos 60.000 euros ao ano por 50 aeroxeradores”, pero iso non chega para “pagar os servizos que fixen poboación e a Xunta da Galiza aquí non inviste”, lamenta.

Comentarios