Carmen Santos irá a unha reunión partidaria a Madrid

Podemos Galicia secunda a posición de EU e tampouco irá como tal ao plenario de En Marea

Podemos Galicia argumenta a súa incomparecencia no plenario deste sábado en termos tallantes que mostran a distancia que a separan como organización da confluencia que lidera Luís Villares: "O noso partido non é quen de participar como tal nun plenario doutra formación". O partido morado ve En Marea como un "mero instrumento eleitoral". Como xa fixo EU, deixa, iso si, liberdade ás e aos seus militantes para iren ao conclave "a título individual".

photo_camera Carmen Santos, nun acto de Podemos Galicia

Carmen Santos, que pasaba por ser un dos apoios seguros de Luís Villares, non estará tampouco no plenario do 15X, nen a título de secretaria xeral de Podemos Galicia nen a título particular. Nun momento especialmente delicado da confluencia, Santos tomará un voo a Madrid para participar nunha reunión do Consello Cidadá Estatal, o máximo órgao da formación morada entre congresos.

Nas últimas horas, portanto, Villares fica sen dous dos seus principais aliados, Carmen Santos e Xosé Manuel Beiras, o que sen dúbida vai aumentar a sensación de isolamento do portavoz orgánico e parlamentar da confluencia. Para as e os villaristas, o obxectivo do sector crítico nesta asemblea é precisamente ese, o de proxectar a imaxe dun líder de En Marea debilitado, aillado e só. Un primeiro paso para o seu relevo máis adiante na candidatura da confluencia para as galegas en 2020.

A ese respeito, e nunha entrevista no Sermos254, xa na rúa, Villares afirma o seguinte: "Só vai haber un suxeito que decida quen vai ser o candidato en 2020: as persoas inscritas. Aquí non son os lobbies os que poñen ou quitan candidatos, iso correspóndelle exclusivamente ás persoas inscritas".

O comunicado de Podemos Galicia

O comunicado con que Podemos Galicia informa de que se borra do plenario do 15X expresa con crueza a distancia sideral que existe entre a súa concepción do que debe ser En Marea e a que teñen os segmentos organizados arredor da figura de Luís Villares.

O ex xuíz pretende unha organización nacional galega de adscrición individual, un suxeito de novo tipo en que os partidos pre-existentes se vaian paseniñamente disolvendo e teñan un papel exclusivamente subsidiario, como motores auxiliares, por empregar a terminoloxía que alcuñou Xosé Manuel Beiras. Fronte a iso, Podemos Galicia defende a súa plena autonomía como suxeito e ve En Marea como unha "ferramenta eleitoral e institucional", mais non como unha "formación política á que sumarnos diluíndo nela os nosos principios éticos, o noso proceder radicalmente democrático na elección dos nosos representantes e o noso compromiso cun Estado plurinacional e fraterno".

Participar no plenario deste 15X, aos ollos da actual dirección de Podemos Galicia, sería tanto como participar na "construción de En Marea como partido político", proxecto que rexeitan categoricamente.

A marca liderada por Carmen Santos só contempla a vía da alianza eleitoral puntual entre "forzas amigas e aliadas", unha entente que "non pode ser un fin en si mesmo para construír unha nova organización política galega, un novo partido 'stricto senso' no seu modelo, participación restrinxida e liñas políticas que non sempre responden á renovación e radicalidade democrática que a sociedade galega reclama".

En Marea non é a organización de Podemos Galicia, senón unha "formación política afín". Unha liña de pensamento que leva á marca galega do partido morado a enfatizar que "o noso partido non é quen de participar como tal nun plenario doutra formación que, ademais, pretende ostentar baixo a forma de partido único a representación política e social do cambio, malia que compartimos intereses e obxectivos comúns, como estamos a demostrar no exercicio das nosas funcións no grupo parlamentar".

Podemos Galicia apoia a non rendición de contas perante o plenario

Canto ao asunto polémico da rendición de contas das parlamentares da confluencia en Madrid, o ponto de vista de Podemos Galicia é que esta só cabe perante "os nosos inscritos e inscritas" -os de Podemos Galicia, non os de En Marea- e perante "os votantes de En Marea" -pero non perante as persoas apontadas para tomar parte no plenario do 15M.

"No temos ningunha obriga [de render contas], por tanto, con En Marea-Partido, como non a temos con ningunha das outras formacións coas que participamos no dito espazo dende o que traballamos por conseguir ese necesario cambio e ruptura de réxime que Galicia tamén precisa".

Comentarios