A meio dunha circular enviada o 23 de xuño

EU desalenta a participación da súa militancia no conclave de En Marea deste sábado

O pasado 23 de xuño, Esquerda Unida enviou unha circular ás súas organizacións comarcais e locais en que esta formación, integrada en En Marea, desalenta a participación da súa militancia no conclave que a confluencia vai realizar este sábado en Compostela. As e os militantes de EU que si participen no plenario faríano a título persoal.

XII asemblea de Esquerda Unida. Imaxe de EU
photo_camera Un aspecto da XII asemblea de Esquerda Unida realizada o pasado mes de xuño

Por que non avala a organización liderada por Eva Solla -vicepresidenta segunda do Parlamento galego- o plenario deste sábado? Así o explica a súa Executiva Nacional nunha misiva asinada polo secretario de organización, Rubén Pérez, á que tivo acceso Sermos Galiza: "Como organización non podemos avalar este proceso que pretende configurar o espazo como un partido clásico de militantes inscritos, cunha falla evidente de pluralidade interna e con serias incongruencias programáticas e de praxe política. O noso compromiso co proceso de En Marea e coa unidade popular non pode selo coa alteración do seu proxecto orixinario".

De acordo coa visión de EU, o proceso de inscrición en En Marea para tomar parte no conclave -o prazo para ter dereito a participar concluía esta terza feira- equivale á afiliación a un partido clásico, o que leva á Executiva Nacional esquerdista a non alentar a "participación da nosa militancia neste plenario deixando liberdade a aqueles inscritos que queiran participar a título persoal".

Significa isto que non haberá cadros ou militantes de peso de EU no plenario do sábado? Non necesariamente. Segundo fontes consultadas por Sermos, significa máis ben que Esquerda Unida adoptará un "perfil baixo" no conclave, para marcar a súa distancia crítica a respeito de como o villarismo -apontan neste sentido a responsabilidade da Cerna liderada por Mario López Rico- tería xerido este proceso.

Á altura en que se enviou a circular -23 de xuño-, Esquerda Unida queixábase tamén de que non se sabía aínda "a proposta" que iría a debate no plenario. A maioría que neste momento goberna a organización, liderada por Luís Villares, aprobou os textos oficiais na reunión do Consello das Mareas realizada o pasado 1 de xullo. A eses textos os actores opositores á corrente villarista -a Anova de Antón Sánchez, a propia EU, a FPG, os núcleos de Podemos críticos a Carmen Santos- apresentaron un documento alternativo que se deu a coñecer esta terza feira baixo a lenda Recuperar a Marea.

As teses dos segmentos opositores son contestadas desde as proximidades de Villares co contra-argumento de que as críticas se explicarían pola saudade que Esquerda Unida, Anova e o Podemos de Gómez-Reino senten por un modelo de vella política en que son os aparatos partidarios -e non as bases- os que pugnan por controlar a organización.

Comentarios