Podemos, disposto a sentar a falar de coalición con Sumar, que segue apelando "a persoas"

Paulo Carlos López mantén o diálogo con EU-EU e di que Sumar Galicia é "a mellor síntese das aspiracións de autogoberno e estado plurinacional", mentres Borja San Ramón asegura que Podemos "nunca se negará" a sentar nunha mesa a falar "do que lle convén aos galegos para ter unha alternativa ao goberno do PP na Galiza".
Os representantes na Galiza de Sumar, Paulo Carlos López, e Podemos, Borja San Ramón, coincidiron hoxe nunha protesta en defensa da sanidade pública fronte ao Parlamento galego, en Santiago. (Foto: Europa Press)
photo_camera Os representantes na Galiza de Sumar, Paulo Carlos López, e Podemos, Borja San Ramón, coincidiron hoxe nunha protesta en defensa da sanidade pública fronte ao Parlamento galego, en Santiago. (Foto: Europa Press)

As negociacións no autodenominado espazo "á esquerda do PSOE", tras o 'non' de Anova a unha alianza co federalismo, continúan polo de agora en camiños diverxentes. Así, mentres en Podemos Galicia están aínda dispostos a manter conversacións para unha coalición mesmo con Sumar, a pesar de que paralizou as negociacións tras a ruptura do grupo no Congreso, a formación que lidera Yolanda Díaz e que na Galiza ten Paulo Carlos López como portavoz segue falando de apelación "a persoas".

Tanto o coordinador de Podemos no país, Borja San Ramón, como o portavoz de Sumar Galicia coincidiron nunha protesta de SOS Sanidade Pública esta terza feira ás portas do Parlamento galego. Separados por apenas uns metros, chegaron a distinta hora e non se cruzaron, aínda que finalmente San Ramón, ante a presenza de Sumar, achegouse a realizar un saúdo de cortesía e que non se prolongou nin un minuto. En declaracións aos medios, Paulo Carlos López afirmou que Sumar segue co seu proceso de escoita, do que sairá a persoa candidata e volveu a quitarlle relevancia ao feito de non contar aínda cun nome, tras tamén o rexeitamento de Martiño Noriega, portavoz de Anova, a formar parte do proxecto.

Mentres, San Ramón incidiu en que ten a súa folla de roteiro e a primeira opción segue sendo a negociación dunha coalición, sen querer concretar se, chegado o momento, poderían concorrer en solitario ás eleccións galegas de 2024. López afirmou que Sumar Galicia é "a mellor síntese que existe a día de hoxe das aspiracións de autogoberno da Galiza e da asunción dun Estado plurinacional" está nesta formación. En resposta aos medios, aínda que fixo constar que se lle facía "fraco favor" á convocatoria de SOS Sanidade Pública coas preguntas de carácter 'interno', Paulo Carlos López contestou que Sumar "ten a súa folla de roteiro e vai concorrer como Sumar Galicia ás eleccións autonómicas, cos seus principios político e pogramáticos".

López apelou a que o pasado 23 de xullo, Sumar logrou manter dúas deputadas no Congreso —nesa ocasión participaron Podemos e Esquerda Unida—, e manifestou que "toda esa ilusión" debe "canalizarse" en Sumar Galicia, na que están representadas as principais sensibilidades sindicais e persoas que proveñen de diferentes experiencias políticas e partidarias. "Recollemos no noso seo esas persoas que poden representar a esa sociedade civil e progresista. O cambio político vai ser Sumar e, evidentemente, imos seguir coas portas abertas a todas aquelas persoas que sentan interpeladas polos valores do progresismo, ecoloxismo e os valores do feminismo", salientou.

Preguntado polo comunicado de Esquerda Unida sobre a súa preferencia por unha coalición a tres bandas e sobre que sentiron molestos coas declaracións do propio portavoz de Sumar, López apuntou —cun certo ton de matización— que os "compañeiros" de EU "participan na promotora a nivel estatal" e que, por tanto, a interlocución ía ser "moito máis sinxela, porque xa forman parte da construción dun suxeito político progresista e plurinacional".

Sumar Galicia mantén "vixentes" as conversacións e defendeu que "segue no mesmo sitio desde hai varias semanas". "Son outros os que se moveron e outros os que teñen que dar resposta ás súas decisións; son outras organizacións as que asumiron que o seu camiño era outro, por tanto, hai que preguntarlle a esas organizacións", esgrimiu Paulo Carlos López.

O portavoz de Sumar Galicia incidiu en que "dan apertura a todos os colectivos sociais e a toda a cidadanía que senta interpelada" e, preguntado por se considera que o nacionalismo e o galeguismo pode sentirse interpelado por Sumar incidiu en que esta formación "é a mellor síntese que existe a día de hoxe de aspiracións de autogoberno da Galiza e da asunción dun estado plurinacional". "Os valores do galeguismo progresista están en Sumar Galicia", apostilou.

En canto á elección da persoa candidata, volveu a restar relevancia a non contar cun nome decidido, debido a que aínda non se convocaron os comicios, e respondeu que hai en marcha un proceso de "escoita" do que desembocará a elección de cabeza de lista, sobre o que tomará unha decisión os "órganos de decisión" de Sumar Galicia.

Sentar nunha mesa

Pola súa parte, o coordinador de Podemos Galicia, Borja San Ramón, asegurou que "nunca" se vai negar a "sentar nunha mesa [a falar] do que lle convén aos galegos para ter unha alternativa ao goberno do PP na Galiza". En todo caso, San Ramón defendeu que Podemos Galicia ten "a súa folla de roteiro" e "está a falar con distintas organizacións políticas de todo o espazo e con actores sociais". "Unha vez teñamos o traballo concluído, presentarémolo aos rexistrados e aos galegos", manifestou, para confirmar que, "loxicamente", Podemos Galicia fará primarias para escoller as persoas que concorrerán ás eleccións.

Comentarios