Sumar encaixa o 'non' de Anova e defende que ten "folla de ruta" propia: "Respectamos a decisión e seguimos adiante"

"Nós interpelamos persoas e organizacións que se sentisen representadas nos valores da esquerda, o progresismo, o ecoloxismo e o feminismo", afirman desde a formación que na Galiza lidera Paulo Carlos López.
Acto de lanzamento de Sumar Galicia, este pasado sábado, na Coruña. (Foto: M. Dylan / Europa Press)
photo_camera Acto de lanzamento de Sumar Galicia, este pasado sábado, na Coruña. (Foto: M. Dylan / Europa Press)

Desde Sumar Galicia encaixaron a decisión de Anova-Irmandade Nacionalista —a formación cofundada por Xosé Manuel Beiras, actualmente liderada por Martiño Noriega e que na última década protagonizou diferentes coalicións electorais co espazo de Podemos e Esquerda Unida— de romper de forma definitiva coa esquerda federal, e aseguran "respectar" as decisións daquelas persoas e organizacións que non se senten apeladas pola chamada de Sumar.

"Nós interpelamos persoas e organizacións que se sentisen representadas nos valores da esquerda, o progresismo, o ecoloxismo e o feminismo", sinalaron fontes da formación citadas pola axencia Europa Press, que matizaron que "se estas organizacións non se senten interpeladas por eses valores, respectamos a súa decisión e seguimos adiante".

A formación que lidera Yolanda Díaz e da que é portavoz na Galiza Paulo Carlos López destaca que mantén a súa "folla de roteiro clara". "Temos a forza necesaria e non nos pomos de perfil para sacar o Partido Popular da Xunta. Imos de fronte; damos a cara pola xente, non facemos cálculos", incidiron estas mesmas fontes.

É máis, Sumar Galicia, que presentou este sábado xunto a Yolanda Díaz os 50 membros da súa promotora, asegura que será "o parapeto que deteña as políticas" do PP e a que "construirá unha alternativa de goberno para o futuro do país, da Galiza".

Comentarios