Quen é quen na promotora de Sumar Galiza?

Sumar presentou esta quinta feira a súa comisión promotora na Galiza, composta por 50 membros integrados en 10 grupos sectoriais de traballo. O seu núcleo central está conformando por aquelas persoas que viñan traballando e colaborando con Yolanda Díaz desde antes das eleccións estatais de xullo.

Sumar promotora
photo_camera Añón, Ferreiro, López, Ferreiro e Torabuela son membros da promotora de Sumar na Galiza. (Foto: Europa Press).

O núcleo máis próximo a Yolanda Díaz ocupa un lugar central no grupo promotor de Sumar. Así, entre estes atópanse aquelas persoas que xa viñan traballando na pasada lexislatura coa vicepresidenta segunda do Goberno do Estado no Ministerio de Traballo ou no lanzamento da súa formación. Un destes nomes é o histórico economista de Comisións Obreiras e ex deputado de En Marea Manuel Lago, asesor da ferrolá desde o seu desembarco no Executivo estatal en 2018.

Marta Lois, Verónica Martínez e María Xosé Fernández tamén responden a este perfil. Lois, candidata de Sumar en xullo e deputada pola circunscrición da Coruña, foi fundadora de Sumar en 2022, sendo na actualidade a súa presidenta. Martínez, que ocupa, tamén, escano na Cámara Baixa após liderar a lista por Pontevedra nas anteriores estatais, exerceu como directora xeral de Traballo do Goberno do Estado na pasada lexislatura, tras ser designada por Díaz.

A comisión promotora integra, tamén, a xornalista viguesa María Xosé Fernández, xefa de prensa da Secretaría de Estado de Traballo, que traballa con responsabilidades de comunicación no Ministerio de Díaz desde 2020. Outro asesor desta presente no organismo de dirección de Sumar é José Manuel Sande, ex concelleiro de Marea Atlántica e cabeza de lista de Unidas Podemos nas últimas eleccións locais de maio de 2023, onde non conseguiu representación.

As candidaturas das estatais

As candidaturas de Sumar para as estatais de xullo son outra canteira importante para a comisión promotora. Delas proceden José Antonio Rodríguez Añón, cabeza de lista por Lugo; Marilar Aleixandre, escritora e directiva da Real Academia Galega (RAG); Elvira Landín, avogada laboralista; Xosé Lois Piñeiro, ex alcalde da Pobra do Caramiñal; Dolores Caramés, ex concelleira de Noia; ou Trinidad Palacios, traballadora do servizo de axuda no fogar (SAF).

A estrutura de dirección de Sumar tamén incorpora parte dos membros do equipo de campaña da formación nos comicios de xullo. A este perfil responde a xornalista Mar Pichel ou o politólogo Paulo Carlos López, voceiro da formación na Galiza, quen non desbotou na súa comparecencia desta quinta feira que entre os membros da comisión promotora se atope o futuro cabeza de lista do partido á Presidencia da Xunta da Galiza.

Esquerda Unida, sen presenza na promotora

López rexeitou na súa intervención ante os medios a posibilidade de conformar unha coalición con Esquerda Unida e Podemos para as eleccións galegas, na liña do defendido pola coordinadora da primeira organización a pasada terza feira nas páxinas de Nós Diario. A esta decisión responde a negativa de EU a contar con representación orgánica na promotora de Sumar, da que fan parte a título individual militantes de EU moi próximos a Díaz, como o ex alcalde de Ferrol, Jorge Suárez ou o sindicalista ferrolán da federación de Industria de Comisións Obreiras Víctor Ledo.

Comentarios