ACTO DE TRANSLACIóN

Pilar Rojo di adeus ao cargo de presidenta do Parlamento con críticas ao laicismo

Designada delegada rexia na Ofrenda na Catedral de Compostela, Rojo insistiu en que "non podemos seguir tolerando a persecución que sofren os cristiáns".

pilar rojo ofrenda

Pilar Rojo actuou esta cuarta feira como delegada rexia para efectuar a ofrenda na misa solemne que recordou a translación dos restos do Apóstolo Santiago. Fíxoo na súa condición de presidenta do Parlamento galego, cargo do que se despide para pasar ser unha deputada no Congreso español. E Pilar Rojo semella que quixo que a súa despedida non pasase desapercibida. Criticou no seu discurso o laicismo dos cargos públicos. “O espírito constitucional, ancorado no principio de non confesionalidade, é diferente ao laicisimo, un principio que non contempla a nosa Carta Magna", sinalou Rojo. Unha referencia aos alcades de Coruña, Compostela e Ferrol, que non asisten como representantes públicos a actos relixiosos.

"Non podemos seguir tolerando a persecución que sofren os cristiáns" dixo Pilar Rojo, afirmando que "a liberdade relixiosa é un dereito fundamental". Rojo actuou como delegada rexia nesta cerimonia por segunda vez posto que xa o foi no ano 2012, no que invocou ao Apóstolo para atopar as mellores solucións para a crise. Esta cerimonia relixiosa, que se comezou a celebrar en 1109, ten lugar todos os días 30 de decembro, en lembranza do traslado dos restos do Apóstolo desde o porto de Jaffa, en Palestina, ata as costas galegas.

Imaxes: Pepe Ferrín (Parlamento)

Comentarios