A 'doma e castración' do Parlamento de Galiza

Pilar Rojo deixa o cargo de presidenta da Cámara galega para ser deputada no Congreso español. Foi a lexislatura do silenciamento do Parlamento como ágora de debate e alternativas e da súa conversión nunha simple extensión validadora do goberno. Unha estratexia a base de recortes en dereitos da oposición e de belixerancia que tivo en Rojo unha das chaves.

Parlamento Pilar Rojo exercito

"A miña palabra é o regulamento desta Cámara". Así resolvía a  presidenta do Parlamento de Galiza, Pilar Rojo, o debate sobre a expulsión da deputada do BNG Carme Adán dun Pleno da Cámara en marzo deste ano. Unha decisión, a expulsión, que non é novidosa nas dúas lexislaturas (VIII e IX) de Rojo como presidenta do Parlamento: Juan Fajardo, David Calviño, Chelo Martínez (AGE) foron tamén expulsos. Máis deputados obrigados a abandonar o seu posto que se sumamos as sucedidas baixo os anteriores oito presidentes do Parlamento de Galiza.

“Na súa presidencia houbo máis expulsións de deputad@s que cos 7 presidentes anteriores xuntos”

As expulsións son un síntoma dunhas lexislaturas, a actual e a anterior, baixo maioría do PP de Núñez Feijóo, marcadas polo "amordazamento" e a "vulneración de dereitos" dos grupos de oposición, como insisten desde BNG e AGE. O papel que desenvolveu a presidenta ("actuar ás ordes do PP, e non como árbitro" en palabras do portavoz nacionalista Francisco Jorquera) é chave nunha "estratexia" que procura baleirar a Cámara de contido e convertela nunha simple validadora do que fai o goberno. Nesta manobra para "evitar a voz da rúa no Parlamento" (Yolanda Díaz, vice-portavoz AGE) hai diferentes etapas.

A cidadanía está de máis

A belixerancia coas persoas convidadas á Cámara foi unha das ''marcas da casa' destes anos. Sábeno ben colectivos como o de afectadas pola Hepatite C, as estafadas polas preferentes, as integrantes da Plataforma de Artes Escénicas, traballadores do naval, feministas defensoras do dereito ao aborto, todas elas expulsas da tribuna de convidados. PP e Pilar Rojo aproveitaron para falar de 'convulsión' e 'tensión' levada ao Parlamento e aproveitaron para 'blindar' a tribuna

de convidados e endurecer normas para o acceso. O que provocou unha comparecencia conxunta de toda a oposición para denunciar o "amordazamento" (Francisco Jorquera), ou o "despotismo sen ilustración" (X.M. Beiras). Até o propio portavoz do PP, Pedro Puy, recoñecía que non sabía moi ben a ciencia certa cales ían ser os criterios. "Serán os que ela considere", dixo. Ela é Pilar Rojo. Eses criterios fixados finalmente pasan por asinar a conformidade coas normas do regulamento que lle atinxen e non poden exhibir mensaxes nin camisetas con reivindicacións.

Ademais, se un grupo parlamentar convida a persoas que conculcan estas normas, ficará sen poder levar público un mínimo equivalente a un período de sesións. Como expresou un deputado, eran normas máis propias "dun regulamento de visitas a un cárcere".

“A súa actuación na Cámara é cualificada como "censora", "discriminatoria" e "partidista"

Esa querencia por afastar as institucións da xente ficou tamén ben patente nestes anos na imaxe repetida en numerosas ocasións dun Parlamento amurallado por ducias de anti-disturbios perante calquera protesto ou reivindicación: mariñeiros, sanitarios, preferentistas, emigrantes retornados, estudantes, naval, desempregad@s, defensores de galego... atoparon a institución que representa a vontade popular totalmente fortificada.

A oposición está de máis

A estratexia do Partido Popular parte dunha idea, "e é que lles sobra o Parlamento", afirma Francisco Jorquera, portavoz parlamentar do BNG. "Non queren escoitar e non queren que se visualicen políticas alternativas" manifesta a Sermos Galiza. Por iso, prosegue o deputado nacionalista, os populares optaron por dúas vías. O "apagón informativo" no que se silencian propostas e debates da oposición "e se pon o foco en anécdotas"; e tentar deixar sen marxe de manobra a oposición. Yolanda Díaz ten denunciado que ao PP "non lles interesa que haxa oposición. Un exemplo claro é o papel da presidenta do Parlamento, que non ten nada de imparcial". Algo que se debe, considera, a que "están aterrados, por iso nos poñen trabas". E como se mingua un Parlamento? Baleirándoo de contido e de sentido. Aparcado o proxecto PP de recurte en número de deputados (do que Pilar Rojo se pronunciou favorabelmente), trátase de amputar en dereitos a eses deputados mentres a maioría popular actúa co que Francisco Jorquera define como "desprezo absoluto" para coa Cámara. E como exemplo disto pon como "Feijóo se nega a comparecer, converte as sesións de contral ao goberno en control á oposición. Algunha vez estiven tentado de, nunha desas sesións, cando me toque a quenda, dirixirme a Feijóo e dicirlle "Señor Feijóo, que quere preguntar?".

Mais o principal é reducir a capacidade da oposición. Desde a presidencia do Parlamento tense nestes anos de mandato de Pilar Rojo expulsado deputados, as amonestacións a parlamentares da oposición son unha tónica xeral, a suspensión de emprego e soldo durante unha semana ao deputado Juan Fajardo... Mesmo chegou Pilar Rojo a ameazar a AGE co Código Penal por "divulgar secretos" da auditoría das caixas. Esa actitude, que os grupos de oposición teñen calificada de "censuradora", "discriminatoria" convértese nunha "dupla vara de medir", afirman, cando se trata de comparar co PP: cando Rojo expulsou a parlamentar Chelo Martínez, un deputado do PP chamoulle alto e claro "fea" no Palamento mentres a deputada o abandonaba, Ficou sen sanción.

As queixas e críticas da oposición teñen plasmado en queixas formais, como a do BNG pola retirada da palabra de Pilar Rojo a Ana Pontón cando a nacionalista estaba na tribuna. Rojo entendía que o que dicía Pontón non tiña a ver coa temática. Os nacionalistas lembran que iso é o habitual en Feijóo, que responde ás preguntas na sesión do Control con calquera tipo de respostas menos ao que se lle inquire.

Cara a onde?

"Esta espiral ten o seu cumio cando o PP, e aquí coa connivencia do PSOE, impoñen unilateralmente unha redución de iniciativas e intervencións a BNG e AGE", explica Jorquera. Recortes en proposicións non de lei, en preguntas urxentes e ordinarias, en preguntas en todas as sesións de control, en interpelacións... "Unha verdadeira mordaza coa que queren anular a oposición real", considera o portavoz do Bloque na Cámara. Xa hai consecuencias prácticas de "pacto para tentar blindar un bipartidismo en horas baixas". Por primeira vez desde que hai sesión de preguntas de control ao presidente de Galiza o BNG non poderá exercer ese dereito. Así como tampouco poderá nese pleno debaterse unha proposición de lei do BNG, ao vetalo o PP "contravindo a práctica parlamentar".

Vai ser, pois, a tónica que o PP manterá esta lexislatura e na que traballa para que fique fixa para as vindeiras: unha oposición maniatada nun Parlamento de Galiza 'domado'.

A reportaxe completa foi  publicada a dupla páxina no Sermos Galiza nº 138

Comentarios