Percebeir@s exixen unha investigación pola morte en Oia e o BNG, a responsabilidade da conselleira

As irregularidades no rescate da percebeira que traballaba nunha zona de rochas entre Baiona e Santa María de Oia poñen a Xunta de Galiza nun apuro. A deputada nacionalista Montse Prado asegura que os tempos de resposta do Pesca I eran coñecidos pola consellaría do Mar, o que a converte en "cómplice e consentidora" do acontecido e exixe responsabilidades.

Dez minutos de resposta estabelece a legalidade que deben pasar entre a chegada dun aviso e a saída do helicóptero de rescate. A consellaría de Medio Rural e do Mar coñece os tempos de reacción que a empresa concesionaria da xestión de salvamento, Inaer, desenvolve desde o pasado mes de novembro após a sinatura do novo contrato. Neste sentido, a empresa asegura que --malia ser de maneira temporal-- a súa capacidade de reacción sitúase moi por riba dos dez minutos exixidos. Así pois, a deputada do BNG Montse Prado asegurou que a conselleira do Mar, Rosa Quintana, é "coñecedora, consentidora e cómplice" da morte da percebeira de Oia que agardou 40 minutos pola chegada do helicóptero de rescate pois dixo, "a propia consellaría do Mar tivo que recoñecer que coas novas condicións transitorias aumentan o tempo de resposta" en gran medida porque as gardas d@s profesionais non son presenciais senón localizábeis.

Para Prado, o "tempo é vital" en accidentes como o acontecido en Oia polo que exixe que Rosa Quintana asuma responsabilidades "e dimita". No BNG aseguran que a decisión da Xunta de Galiza pola que din que investigarán as irregularidades que puidesen ter existido durante o rescate, "non é suficiente" polo que ademais de exixiren a dimisión de Quintana presentarán unha proposición no Parlamento para que se lle remita toda a documentación sobre o contrato con Inaer e para que a Xunta explique en sede parlamentar como foi o operativo de rescate no caso de Oia.

Pola súa banda, o sector do percebe xa demandou que a Fiscalía interveña para determinar quen son @s responsábeis da morte a pasada cuarta feira da percebeira.

Comentarios