18-F

VÍDEO | Penacova, o sitio favorito de Ana Pontón en Chorente

“A política para min é traballar pensando nos que virán”

Luís e Ana Pontón en Penacova, Chorente, Sarria. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Luís e Ana Pontón en Penacova, Chorente, Sarria. (Foto: Nós Diario)

“Hoxe lévovos até Penacova, o meu sitio favorito de Chorente”, anunciou esta segunda feira Ana Pontón nas súas redes sociais, nas que compartiu un emotivo vídeo no que ela, o seu pai, Luís, e a súa filla, Icía, percorren este lugar de Sarria na súa aldea natal.

No audiovisual, a candidata do BNG a presidir a Xunta da Galiza rememora tempos pasados no lugar co seu proxenitor, que recorta o intenso traballo que realizaba nas leiras. “Ás veces, cando tocaba ir á fabrica ás seis da mañá, xa tiñamos dous ferrados de terra arados”, lembra Luís.

“Pois eu acórdome moito de cando viñamos aquí, cando viñamos á leña, ás castañas. Moito cambiou isto, verdade?”, pregunta Ana desde Penacova, o lugar, segundo conta, onde cando era pequena quería para construír unha casa.

“Agora non a faría. Pero gustábame moito vir aquí, parecíame un sitio que daba moita paz, moita tranquilidade”, engade.

Alí, en Penacova, o bisavó de Ana Pontón plantou un souto, “para todos os que viñamos detrás”, explica a candidata. “Aínda que nunca chegou a ver os seus froitos. A política para min é similar, traballamos pensando nos que virán”, conclúe.

Con esta mensaxe comeza Pontón a última semana da campaña electoral coa que aspira a presidir a Xunta da Galiza.

Comentarios