Todo comezou a noite do domingo no teatro La Zarzuela, cenario habitualmente lírico eleito por Marta Sánchez -ex voz de Olé Olé e dona tamén dunha longa carreira en solitario- para comemorar os seus 30 anos como profisional da música. Cunha posta en escena ad hoc, Sánchez compareceu no cenario vestida de vermello -as cores da selección estatal de fútebol- para interpretar o himno español cunha letra composta por ela para a ocasión. O vídeo viralizouse de contado.
Pouco demorou o españolismo político en entrar en escena. Desde Rajoy até Rivera pasando por Inés Arrimadas e García Albiol. Todos a unha a gabar a suposta ousadía da cantante. O inquilino da Moncloa puxo o listón ben alto ao se arrogar o ponto de vista da "inmensa maioría dos españois" quen, segundo el, se senten "representados" pola letra do himno, un texto que entre outras lindezas reza así".
Na carreira por ver quen deitaba máis bágoas de emoción co himno, Esteban García Pons -portavoz do PP na Eurocámara- fixo esta segunda feira a súa particular achega ao propor que a intérprete cantase o himno na final da Copa do Rei, choque futebolístico que terá entre os contendentes o Fútebol Club Barcelona, un dos símbolos nacionais de Catalunya e clube institucionalmente comprometido co procés.
O fervor que a iniciativa de Marta Sánchez levantou nas filas do españolismo político estendeuse tamén á Gardia Civil, corpo militar armado que non respeitou a neutralidade que se lle supón a un instituto público ao pendurar na súa conta twitter unha acesa mensaxe de parabéns á intérprete e, neste caso, autora.
Nuestra felicitación a Marta Sánchez @Martisima_SoyYo por una iniciativa que busca unir y sumar, no restar ni dividir#OrgullososDeSerEspanoles
— Guardia Civil (@guardiacivil) 18 febreiro 2018
pic.twitter.com/k04PpmrLt8
Sobre a hipótese de a letra finalmente se oficializar, Marta Sánchez declarou: "Non quero nen aspirar a semellante regalo. Sería algo co que me podería ir tranquila á tumba".
Nota de corrección: na versión inicial desta información consignábase erroneamente que Marta Sánchez era coruñesa. En realidade, naceu en Madrid, embora a súa ascendencia familiar materna si sexa galega.