Paula Alvarellos será a nova alcaldesa de Lugo

Tomará posesión do posto esta quinta feira, nun pleno extraordinario.
paula alvarellos e lara méndez
photo_camera Paula Alvarellos e Lara Méndez (Foto: Europa Press)

A concelleira do PSdeG Paula Alvarellos converterase a partir da quinta feira en nova alcaldesa de Lugo no lugar de Lara Méndez, que fixo efectiva a súa renuncia a pasada sexta feira para ocupar o segundo posto da candidatura do PSdeG por Lugo nas eleccións galegas de febreiro.

A substitución foi confirmada este sábado polo Goberno local lugués a través dun comunicado no que os socialistas afirman que a elección de Alvarellos como substitución de Méndez é froito do "consenso" no seo da formación local.

Así, tomará o bastón de mando nun pleno extraordinario que sdecorrerá o día 18 deste mes, quinta feira, e que será convocado de forma oficial esta segunda feira. Alvarellos é até agora concelleira de Sostibilidade Urbana e Recursos Internos.

Pola súa parte, o grupo socialista no Concello luguésincidiu en que a elección de Alvarellos "é a mostra da cohesión interna" dos concelleiros da formación, que elixiron a edil por "consenso" e coa "convicción de que todas e cada unha das persoas que integran o equipo resultan igual de valiosas, polo seu perfil, coñecementos e experiencia, independentemente do lugar que ocupan".

Os socialistas lugueses remarcan que era a súa "vontade" desvelar o nome da substitución de Méndez despois de que se fixese efectiva a súa dimisión, "en tempo e conforme aos prazos estabelecidos" e co obxectivo de "dar continuidade ao proxecto impulsado" pola xa ex alcaldesa desde a súa chegada ao goberno en 2015.

A propia Méndez publicou unha serie de mensaxes no seu perfil na rede social 'X' que replica o comunicado remitido aos medios de comunicación polo grupo socialista que abandona para acompañar o candidato do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, no seu intento por alcanzar a Xunta.

Comentarios