18-F

A alcaldesa de Trabada dimite para acompañar Besteiro e Méndez como número tres por Lugo

Mayra García acompañará así, na lista electoral, o candidato á Presidencia da Xunta da Galiza, José Ramón Gómez Besteiro, como número un; a até o de agora alcaldesa de Lugo, Lara Méndez -que tamén hoxe formalizou a dimisión-, como número dous; e a José Tomé, presidente da Deputación, como número catro, entre outros.
Mayra García e José Tomé, hoxe. (Foto: Europa Press)
photo_camera Mayra García e José Tomé, hoxe. (Foto: Europa Press)

A alcaldesa socialista de Trabada, Mayra García, formalizou esta sexta feira a súa renuncia ao bastón de mando municipal e á acta de deputada provincial na Deputación de Lugo, para concorrer como número 3 na candidatura do PSdeG pola circunscrición de Lugo para as eleccións galegas do próximo 18 de febreiro.

Mayra García acompañará así, na lista electoral, o candidato á Presidencia da Xunta da Galiza, José Ramón Gómez Besteiro, como número un; a até o de agora alcaldesa de Lugo, Lara Méndez -que tamén hoxe formalizou a dimisión-, como número dous; e a José Tomé, presidente da Deputación, como número catro, entre outros.

No pleno da Deputación Provincial de Lugo desta sexta feira, Mayra García despediuse subliñando o seu "firme compromiso de seguir defendendo e traballando por e para" a provincia. "Foi unha honra e un privilexio poder formar parte desta corporación durante estes case oito anos, e facelo desde o goberno", proclamou.

Tras agradecer a confianza aos tres presidentes da institución provincial cos que traballou -o propio Besteiro, Darío Campos e mais José Tomé-, a compañeiros de corporación e demais persoal, García puxo en valor proxectos e iniciativas levadas a cabo desde a institución, en especial o modelo público de atención aos maiores.

O presidente da Deputación, José Tomé, pola súa parte, manifestou a súa "alegría" pola nova etapa da até o de agora rexedora de Trabada, á vez que recoñeceu a súa "tristeza" pola marcha dunha depurada "con criterio, que sabe defender as súas ideas".

No próximo pleno da corporación Provincial tomará posesión como deputada provincial socialista a alcaldesa de Burela, Carmela López. Mentres, no Concello de Trabada tomará posesión como novo alcalde, a vindeira sexta feira, Rubén García Freije -entre tanto, asumirá o cargo en funcións Julia María Barcia-.

Comentarios