O Parlamento, rodeado de protestas, vota hoxe as leis de reactivación económica e de saúde

O Parlamento galego acolle na mañá deste 23 de febreiro un pleno con forte carga lexislativa. Votaranse até tres normas: a reforma da lei sanitaria, a lei de simplificación administrativa e de reactivación económica, e mais a de acción exterior. A tramitación destes textos xunto á proposta de primeira revisión do Plan forestal da Galiza, que tamén se vota hoxe, agravou a tensión na Cámara entre o PP e a oposición e xerou protestos nas rúas de distintos colectivos. De feito, varias mobilizacións sociais sucederanse hoxe ante as portas do Parlamento.
O pleno do Parlamento votará a reforma da lei de saúde, a lei de reactivación económica e mais a de acción exterior (Foto: Parlamento galego)
photo_camera O pleno do Parlamento votará a reforma da lei de saúde, a lei de reactivación económica e mais a de acción exterior (Foto: Parlamento galego)

A primeira lei que esta terza feira, 23 de febreiro, debaterá o pleno do Parlamento será a de simplificación administrativa. O pasado 26 de novembro o presidente galego, Alberto Núñez Feixoo, presentouna co obxectivo, dixo, de "axilizar" a actividade administrativa para favorecer a reactivación económica coa chegada dos fondos europeos. A nova norma reduce á metade o prazo xeral para a emisión de informes administrativos a proxectos empresariais (pasando de seis meses a tres) e sinala que, se nese prazo non houber un informe definitivo, entenderase como "silencio positivo". Estas cuestións, aplicadas a grandes proxectos, como a construción de parques eólicos ou centrais hidroeléctricas, reduce tamén á metade os tempos para elaborar informes: de dous anos a un. 

O BNG denuncia que a lei ofrece “barra libre” para regalar os recursos naturais a grandes fondos de investimento. Oponse ademais ao texto porque externaliza a Administración pública, ao depositarse en entidades de colaboración parte dos trámites administrativos relacionados con proxectos empresariais e priorizar a contratación de empresas para que axuden corporacións privadas a tramitar os seus permisos.

O PSdeG votou en contra da lei en comisión parlamentar, mais fontes socialistas sinalaron onte a Nós Diario que acudirán ao pleno sen posición fechada, por se houber "sorpresas" e se producise algún acordo "de última hora". O ditame da lei incorpora 12 emendas aceptadas do PSdeG, mentres que as 128 presentadas polo BNG foron rexeitadas polo PP.

Ademais, ambos os grupos da oposición critican que tanto esta lei como a da reforma sanitaria se tramiten pola vía de urxencia, é dicir, que tendo nacido no Consello da Xunta for o grupo  do PP e non o Goberno quen as rexistrou na Cámara, o cal axiliza a súa tramitación, eludindo a necesidade do informe do Consello Económico e Social e o da asesoría xurídica da Xunta. 

Mobilización social

Coincidindo co debate da lei de simplificación a Coordinadora Galega por un Reparto Xusto dos Fondos Europeos mobilizarase ante o Parlamento. Piden a retirada do texto "pola depredación do territorio galego". Segundo denuncia a Asociación para a Defensa Ecolóxica da Galiza (Adega), integrantes da coordinadora, as empresas eólicas contan cunha medida de graza excepcional na lei: poder presentar proxectos fóra do Plan sectorial eólico, sempre que a criterio da Xunta teñan unha "clara incidencia territorial".

Con esta disposición din que "o PP dinamita a planificación eólica na Galiza para permitir facer parques en calquera lugar en que non estea expresamente prohibido", co que Feixoo "entrega ás empresas enerxéticas 88% do territorio galego". 

Hora e media antes, ás 11, haberá outra concentración que, convocada por un cento de entidades -entre as que se atopan sindicatos e colectivos ecoloxistas- denunciará a reforma do plan forestal da Xunta por defender a "eucaliptización" e pedirá unha política forestal "sostíbel e diversificada".

Reforma sanitaria

Tamén a mobilización acompaña a reforma da lei de saúde que o PP leva esta terza feira ao pleno. Neste caso, os protestos sociais veñen de negacionistas e ultradereitistas que critican a obrigatoriedade da vacinación que defende a lei. Porén, a norma tampouco convence a oposición no Parlamento, que votará en contra. 

Así, mentres onte o portavoz do PP, Pedro Puy, defendeu a "seguridade xurídica" que ofrecerá a norma á Xunta para a toma de decisións restritivas de dereitos con motivo de pandemia; tanto a líder do BNG, Ana Pontón, como o do PSdeG, Gonzalo Caballero, denunciaron que a lei procura un estado de alarma permanente, haxa ou non pademia, centrándose máis en sancionar que en fortalecer a sanidade pública galega con máis recursos económicos, medios e persoal.

Comentarios