mércores 03/03/21

A reforma sanitaria do PP, diana da crítica por priorizar "as sancións" aos recursos

O presidente da Xunta defendeu no Parlamento a ferro e lume a súa xestión da crise sanitaria así como a reforma da Lei de Saúde rexistrada polo PP e que foi contestada pola oposición por apoiarse na sanación e o castigo en vez de facelo no reforzo dos recursos sanitarios. 

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, no pleno do Parlamento (Foto: Arxina)
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, no pleno do Parlamento (Foto: Arxina)

O presidente da Xunta da Galiza, Alberto Núñez Feixoo, defendeu a ferro e lume a xestión do seu gabinete sobre a crise sanitaria así como a reforma da Lei de Saúde de 1988 que o Partido Popular xa rexistrou no Parlamento.

Mais a sesión de control ao Goberno que esta cuarta feira, 25 de novembro, decorreu na Cámara deixou a proposta de reforma sanitaria franqueada polas duras críticas da portavoz do Bloque Nacionalista Galego, Ana Pontón, que cargou contra o presidente por non incorporar medidas no novo proxecto legal dirixidas a mellorar a sanidade pública e que, pola contra, constrúa a lei no aspecto punitivo.

"En 53 folios non hai unha soa medida para mellorar a loita contra a Covid-19, mais repite 71 veces a palabra sanción nunha lei de saúde”, destacou Pontón. Así, a nacionalista acusou Feixoo de tratar as galegas e galegos como "sospeitosos" no canto de recoñecer o seu "esforzo". 

2,7 millóns de tests

Durante a defensa da súa xestión, Feixoo anunciou a compra de 2,7 millóns de tests de antíxenos pola Xunta, que se sumarían aos 300.000 xa mercados e utilizados en Atención Primaria e Urxencias, facendo en total 3 millóns. Segundo informou o Executivo, estes tests comezarán a empregarse en residencias de maiores. Así mesmo, Feixoo incidiu en que os orzamentos da Xunta para 2021 reservan 4.600 millóns para sanidade, sendo "os máis ambiciosos da historia". 

Pola contra, Pontón, que xa lamentou que o investimento sanitario para 2021 perda peso no conxunto dos orzamentos respecto aos do ano pasado e que as partidas para saúde medren por baixo do incremento medio das contas, ofreceu ao presidente colaboración para pór en marcha medidas "urxentes" como destinar 100 millóns adicionais para a Atención Primaria, incrementar os rastrexadores, elaborar un plan para a vacinación da Covid-19, realizar cribados masivos en concellos confinados e blindar os xeriátricos coa intervención pública.

Caballero exixe a Feixoo que cese nas "represalias"

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, instou Feixoo a "rectificar" a apertura dun expediente disciplinario ao xefe de Xinecoloxía do hospital de Verín, Javier Castrillo, por uns feitos que se remontan un ano atrás e que o socialista considera unha escusa para represalialo por mor da súa posición contra o fechamento da sala de partos en Verín por parte da Xunta. "Un ano despois, vostedes mostran a peor cara do PP, a das represalias e as purgas", dixo. 

Ademais Caballero criticou o presidente pola falla de compromiso nos orzamentos da Xunta de 2021 coa loita contra a violencia machista, cos centros de información ás mulleres (CIM) e denunciou as esperas para entrar nas casas de acollida. “Hai 136 concellos que aínda non teñen CIM”, apuntou o socialista, para recriminar a Feixoo que desde a súa chegada ao Goberno só se abrisen “seis” instalacións deste tipo.

“O compromiso pola igualdade non é cousa só de discursos, é de aplicar políticas e medidas. E na Galiza pódese facer máis e mellor”, remarcou Caballero, subliñando que as contas de 2021 consignan menos fondos para igualdade que as de 2009, as últimas antes da chegada de Feixoo á Xunta. 

Pontón pide 115 millóns para combater a violencia machista

A portavoz do BNG, Ana Pontón, propuxo ao presidente da Xunta na sesión de control ao Goberno alcanzar un acordo na tramitación dos orzamentos da Galiza para destinar 1% das contas de 2021 á loita contra a violencia de xénero, é dicir, 115 millóns de euros, o que suporía, segundo indicou, máis que triplicar os recursos actuais. "A violencia machista segue aí", lembrou Pontón, instando a non invisibilizala coa pandemia e aseverou que "a loita continúa".

O Parlamento condena a violencia machista

Con motivo do 25-N, o Parlamento aprobou por unanimidade unha declaración institucional onde condena toda expresión de violencia contra as mulleres e traslada o seu apoio "ás mulleres vítimas de violencia de xénero, aos seus fillos e fillas e aos seus familiares".

Porén, a Cámara rexeitou -cos votos do PP- unha proposición non de lei que defendía que as mulleres en situación de violencia machista contasen con atención psicolóxica na Atención Primaria. A deputada Olalla Rodil (BNG), defensora da iniciativa, acusou o PP de situarse en contra do que di a lei para o tratamento integral da violencia de xénero co seu voto contrario.

Con todo, unha parte da proposta si foi aceptada, e nela ínstase a Xunta a deseñar, en colaboración co Colexio Oficial de Psicoloxía da Galiza, un plan de atención psicolóxica para mulleres en situación de violencia, adaptado á realidade xerada pola Covid-19 e o confinamento. Tamén exixe garantir o funcionamento dos servizos de información e asesoramento, prestacións económicas, apoio psicolóxico, Centros de Información ás Mulleres e recursos de acollida.

Crianzas

A Cámara tamén aprobou a proposta presentada pola deputada Paula Prado (PP) para evitar a desprotección e apoiar as persoas menores orfas por violencia de xénero. Entre outras demandas, o texto insta a Xunta a exixir ao Goberno estatal a realización das modificacións lexislativas necesarias para garantir a protección das orfas e orfos por violencia de xénero en casos non cubertos pola lei como situacións derivadas da non coincidencia do asasino co pai da crianza.

comentarios