Após a marcha en Compostela deste sábado, na que ‘negacionistas’ e ultras procedentes de diferentes partes do Estado español se manifestaron, moitos deles sen máscaras nin distanciamento social, e sen ser albo de multas ou sancións por iso; esta terza feira volven á carga.
Colectivos como ‘Policías por la Libertad’ Plataforma 6-F ou ‘La Reconquista’ convocan unha concentración ás portas do Parlamento da Galiza para esta terza feira, 23-F, de novo contra a Lei de Saúde da Xunta. “No a la ley Auschwitz’ é o lema, repetindo unha das palabras de orde da marcha do sábado.
“Deputados sodes cómplices de xenocidio”, repróchase no cartaz da convocatoria, que xa está a partillarse nas redes sociais.
O obxectivo da protesta é a Lei de Saúde que se debate no Parlamento da Galiza, impulsada polo PP. Afirman que esta lei vai obrigar á vacinación obrigatoria e implicará un “sometemento” a “máis corentenas, toques de recoller...”.
Mesmo, en certos anuncios animando a asistir a esta mobilización, afírmase que esta lei vai permitir “detencións de civís en centros de illamento, que xa se están a construír a tal efecto”.