domingo 07/03/21

A lei que favorece o sector eólico avanza no Parlamento

A Cámara, cos votos do PP, aproba o ditame da lei de simplificación administrativa, alcumada polo ecoloxismo como 'nova lei de depredación' da Xunta.
Parque eólico do Sobredo no concello de Arbo (Imaxe: Observatorio Eólico da Galiza).
Parque eólico do Sobredo no concello de Arbo (Foto: Observatorio Eólico da Galiza).

A Lei de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica da Galiza, alcumada xa desde o ecoloxismo como 'nova lei de depredación' do Goberno de Alberto Núñez Feixoo, vai camiño da súa aprobación. Será o 23 de febreiro cando a vote o pleno da Cámara galega, após esta segunda feira, 15 de febreiro, recibir o ditame na comisión parlamentar de Economía, Facenda e Orzamentos. No ditame aceptáronse 46 emendas do PP, grupo que rexistrou a lei, e 12 do PSdeG, sendo seis delas transaccionadas cos populares. Todas as emendas do BNG, 128, foron rexeitadas polo PP. 

O portavoz popular no debate, Miguel Tellado, salientou que “o eixo fundamental desta norma é axilizar a tramitación administrativa para impulsar a actividade económica e a creación de emprego” na Galiza. 

Trámite de urxencia

No inicio do debate, tanto nacionalistas como socialistas criticaron o trámite de urxencia empregado para sacar adiante a norma. De feito, a deputada do PSdeG Begoña Rodríguez criticou a forma en que foi rexistrada e tramitada, pois a pesar de que a lei naceu no Executivo é o PP como grupo parlamentar quen a rexistra, “traendo unha proposición non de lei que xustifica como urxente” para “evitar a súa exposición pública” a través do trámite ordinario "coa fin de  eludir o informe do Consello Económico e Social". 

Pola súa banda, a parlamentar nacionalista Noa Presas expuxo o rexeitamento do BNG a unha norma que baixo o "disfraz" de simplificación administrativa agocha unha "perda de garantías na tramitación de parques eólicos", algo que negou Tellado.

Tanto o Bloque como colectivos ecoloxistas xa expresaron a súa oposición á lei acusando o PP de querer favorecer con ela os intereses de grandes grupos económicos da industria extractiva eólica, mineira e forestal.

Alertan de que esta norma pretende facilitar as condicións e as vantaxes para a declaración de proxectos industriais estratéxicos e reducirá á metade os prazos da Administración (de 28 meses a un ano) para realizar estudos e permisos sobre instalacións de proxectos como parques de muíños de vento ou centrais hidroeléctricas.

Tamén pon o foco no reforzo que trae consigo esta lei para a concesión de subvencións sen concorrencia competitiva.

comentarios