As portas da Xunta da Galiza que facilitan o paso a empresas eólicas

Antigos altos cargos do Goberno galego son, hoxe en día, directivos de compañías eléctricas
Sin nombre
photo_camera Os ex conselleiros Beatriz Mato e Antonio Couceiro e o ex alcalde da Coruña Francisco Vázquez (Foto: Europa Press)

A presenza de ex altos cargos gobernamentais ocupando responsabilidades directivas nos operadores enerxéticos é unha constante. A isto ten contribuído a ausencia de mecanismos de control claros para impedir este tipo de prácticas, pero tamén a falla dunha lexislación máis concreta que as impida. A este respecto é clarificadora a Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno que regula o réxime de incompatibilidades para o conxunto dos altos cargos da Administración galega e das diversas entidades do sector público.

Malia ser aprobada pola maioría do Partido Popular co obxectivo de pór freo ás portas xiratorias, nun momento de gran sensibilidade social sobre a cuestión, demostrouse claramente laxa e insuficiente para dar resposta aos obxectivos marcados. Nesta liña, resulta significativo o seu artigo 45, que fixa que “durante os dous anos seguintes á data do seu cese, os altos cargos non poderán realizar actividades nin prestar servizos en entidades privadas relacionadas cos expedientes sobre os cales ditasen resolución no exercicio do cargo”. Porén, a práctica encárgase de desmentir o disposto. 

Beatriz Mato é un exemplo paradigmático disto. Deputada do PP, candidata á alcaldía da Coruña e membro de diversos Executivos de Alberto Núñez Feixoo, sendo conselleira de Medio Ambiente en 2017 outorgou á empresa Greenalia diversas autorizacións legais para pór en funcionamento a central de biomasa en Teixeiro (Curtis). O proxecto, buque insignia da empresa na Galiza, librouse en xullo dese ano de “someterse ao proxecto de avaliación do impacto ambiental común”, ao “non consideralo necesario” o departamento dirixido por Mato. Actualmente a ex conselleira da Xunta é directora de Desenvolvemento Corporativo e Responsabilidade Social de Greenalia e directiva da patronal do sector.

Antonio Couceiro

Antonio Couceiro ocupa, tamén, responsabilidades directivas en Greenalia. O ex responsábel de Industria e Comercio da época de Manuel Fraga e actualmente presidente do Deportivo da Coruña senta no consello de administración de Greenalia desde 2017, tomando un ano despois participación no seu capital. Couceiro, persoa do aparato do PP coruñés como Mato, mantén conexións fluídas co sector eólico desde o inicio da actividade na Galiza. Após abandonar as responsabilidades públicas, apareceu vinculado a diversas sociedades relacionadas co seu labor gobernativo, como Inveravante, propiedade do falecido Manuel Jove.

Ramón Ordás Badía é un caso semellante ao de Beatriz Mato. Director xeral de Industria, Enerxía e Minas da Xunta da Galiza entre 1999 e 2005, cuñado de Luís Castro Valdivia, un dos empresarios máis beneficiados polas concesións eólicas nese período, rematou imputado polo seu papel na coñecida como “trama eólica” do Goberno de Fraga, ficando posteriormente libre de cargos. Após a derrota de Manuel Fraga en 2005 foi nomeado director de Endesa en Portugal, unha das compañías cuxos resultados económicos dependeron das súas xestións na administración. 

Unha das empresas investigadas, no marco das dilixencias levadas adiante pola Fiscalía, para esclarecer a “trama eólica” na época de Fraga é Hidroeléctricas do Arnoia. O 50% do capital desta compañía é propiedade de Iglevaz, unha mercantil da familia do ex alcalde coruñés, Francisco Vázquez, que conseguiu a concesión na época deste como rexedor da cidade.

Un proceso baixo sospeita

A Xunta de Manuel Fraga puxo en marcha o negocio eólico na Galiza e situouno no liderado do Estado. Entre 1995 e 2005 autorizou 4.557 megavatios, dos que realmente só se instalaron 2.500, sendo en moitos casos os beneficiarios especuladores que posteriormente venderon concesións, máis de 1.200 millóns en revendas de parques eólicos na Galiza. Así entre os favorecidos por Fraga atopáronse xornalistas, fisioterapeutas, familiares de conselleiros, directores xerais ou de alcaldes. 

O Goberno de Feixoo deu continuidade a esta política. A proximidade entre as directivas das compañías eólicas e o Goberno galego e a presenza de antigos membros do mesmo nos consellos de administración dos operadores representan unha mostra.

O PP defende a política eólica

A comisión de Ordenación Territorial, Obras Públicas, Medio Ambiente e Servizos do Parlamento da Galiza analizou onte a instalación de parques eólicos en espazos protexidos pola Rede Natura. O debate produciuse após varias resolucións xudiciais concluír que “o proceso de implantación dos parques eólicos polas empresas promotoras non son inocuos no ambiente” e que “as lesións ambientais están a producirse constantemente”. Neste contexto, desde o movemento ecoloxista tense denunciado que a Xunta da Galiza autorizou usos enerxéticos nas zonas de expansión da Rede Natura sometidas a exposición pública polo Goberno galego en 2012, estando, actualmente, previstos 35 parques eólicos nesta área.

O promotor da iniciativa, o deputado do BNG, Luís Bará, denunciou que a tolerancia do Goberno coas actuacións previstas na Rede Natura “evidencia que a Xunta da Galiza está gobernando atendendo aos intereses das multinacionais e das grandes empresas eólicas que están literalmente arrasando espazos de gran valor ambiental e de grande interese declarados así pola Unión Europea” . “Se isto pasa coa Rede Natura, que farán co resto dos espazos naturais?”, preguntouse Bará, quen incidiu en que “estamos denunciando tamén que se están promovendo até 35 parques eólicos en zona de ampliación da Rede Natura e que están en risco de perderse espazos de grandes valores naturais”.

O Partido Popular fixo unha defensa fechada da actuación do Executivo nesta materia. Neste sentido, discrepou das consideracións de Bará e defendeu as actuacións levadas adiante na repotenciación do parque eólico do Roncudo, en Corme, un proxecto criticado na súa intervención polo deputado do BNG porque “destrúe enclaves de gran valor ambiental e patrimonial como o Pozo da Lagoa”.
 

Comentarios