luns 01/03/21

O PP pisa o acelerador para aprobar tres polémicas leis nunha semana

A lei sanitaria, a de simplificación administrativa e a de acción exterior irán ao pleno da próxima semana.
A Xunta de Portavoces do Parlamento galego, reunida no Pazo do Hórreo (Foto: Parlamento galego)
A Xunta de Portavoces do Parlamento galego, reunida no Pazo do Hórreo (Foto: Parlamento galego)

O Partido Popular pisa o acelerador lexislativo e a vindeira semana o pleno do Parlamento  galego aprobará previsibelmente, dada a maioría absoluta dos populares, tres textos lexislativos: a reforma da lei sanitaria, a lei de simplificación administrativa e reactivación económica e a lei de acción exterior e cooperación.

As dúas primeiras preséntanse como proposicións de lei desde o grupo parlamentar do PP e non como proxecto de lei desde a Xunta, a pesar de teren nacido do Executivo. Desta maneira, ao rexistralas o PP teñen un trámite máis áxil e eluden a necesidade do informe do Consello Económico e Social (CES) e o informe da asesoría xurídica da Xunta. E por aquí comeza a crítica dos partidos da oposición, BNG e PSdeG.

A reforma da lei sanitaria é unha das propostas estrela do PP. Foi o pasado mes de outubro cando o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, enviou ao seu homólogo español, Pedro Sánchez, unha proposta para reformar a lei sanitaria española.

Feixoo, crítico coa terminoloxía do estado de alarma e do recoller obrigatorio, pediu unha lei específica para xestionar a pandemia sen necesidade de empregar esas fórmulas. A súa proposta non tivo maior percorrido no Estado, e a Xunta deseñou a reforma da lei de saúde galega co obxectivo de regular as accións que o Goberno galego pode tomar nunha pandemia. Esta mesma semana o portavoz do PP, Pedro Puy, reivindicou a reforma como necesaria para evitar sentenzas como a do Tribunal Superior de Xustiza do País Vasco, que tombou as restricións do lehendakari sobre a hostalaría. 

Desde a oposición, o BNG alerta de que se trata dunha medida centrada en punir e recortar dereitos en vez de "mellorar a sanidade pública". Para os socialistas o texto agocha unha “deriva autoritaria” para “decretar un estado de alarma permanente, haxa ou non pandemia”.

Tamén os socialistas cargan contra a lei de simplificación administrativa, reprochando que a presente o PP sendo un texto do Goberno. Para o BNG trátase dunha "lei depredadora” que pon “barra libre” para regalar os recursos naturais a grandes fondos de investimento. De feito, a lei reduce á metade os prazos para emitir informes e estudos administrativos para a construción de proxectos de envergadura como eólicas ou hidroeléctricas. Tamén PSdeG e BNG son críticos coa lei de acción exterior da Galiza. Vena pouco ambiciosa para situar o país no mundo e captar investimento económico e industrial.  

Atención sanitaria

Ademais do debate sobre estas tres leis, o pleno da semana que vén tamén abordará a crise sanitaria e as peaxes da Ap-9, segundo aprobou esta terza feira, 16 de febreiro, a Xunta de Portavoces da Cámara.

A deputada nacionalista Olalla Rodil anunciou que o Bloque levará ao pleno entre as iniciativas a debater unha proposición non de lei para reforzar a sanidade pública co fin de atender debidamente as doenzas diferentes á Covid-19 e especialmente, a elaboración “dun plan de choque fronte ao cancro”.

Pola súa banda, o viceportavoz do grupo socialista, Pablo Arangüena, avanzou á saída da Xunta de Portavoces que a súa formación centrará a sesión de control ao presidente na transferencia da AP-9 á Galiza e na rebaixa das peaxes. A primeira cuestión foi admitida a trámite no Congreso este ano e a segunda, a das rebaixas nas portaxes, está contemplada nos orzamentos do Estado para 2021 pero aínda non se aplicou. 

O Parlamento galego rexeita a prohibición da caza do lobo ibérico

O director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Alimentarias da Xunta da Galiza, José Balseiros, tachou esta terza feira nunha entrevista radiofónica de "abusiva e unilateral" a decisión do Ministerio de Transición Ecolóxica que pode levar á prohibición da caza do lobo na Galiza.

Balseiros cualificou de "falta de sentido" o veto que afectará os gandeiros que sofren ataques "de forma consistente" e lamentou que "se adopte unha decisión contando co voto de comunidades que non teñen esta afectación como Canarias". 

Precisamente esta terza tamén se reuniu a comisión de Medio Ambiente do Parlamento galego, que aprobou unha moción do PP para instar a Xunta a mostrar a súa desconformidade coa inclusión de todas as poboacións do lobo ibérico ao norte do Douro na listaxe de especies silvestres en réxime de protección especial e a demandar ao Goberno de España paralizar o proceso. Este punto da proposta foi acordado co PSdeG e contou co voto contrario do BNG.
Onde si houbo unanimidade foi nos seguintes puntos da proposta, que instan a Xunta a liderar xunto con Asturies, Cantabria e León unha estratexia estatal para a conservación do lobo, acordan actualizar o mapa poboacional do lobo na Galiza e suplementar, "se for necesario, o orzamento de 2021 para prevención e danos por ataque de lobos ao gando", e actualizar as contías das axudas.

O deputado do BNG Luís Bará lamentou as "altas doses de manipulación e alarmismo" sobre a situación do lobo para ocultar a falta de axudas da Xunta aos gandeiros. Martín Seco (PSdeG) tamén denunciou esa falta de axudas da Xunta, que tarda até "dous anos" no seu aboamento, e defendeu "un equilibrio" entre o mantemento do lobo e a actividade gandeira.

comentarios