Parlamento

O Parlamento reclama a transferencia á Galiza da xestión do Ingreso Mínimo Vital

A proposición non de lei propúxoa o grupo popular e contou co apoio do BNG e a abstención do PSdeG.
O cobro da Risga e do ingreso mínimo son incompatíbeis na Galiza (Foto: Arxina).
photo_camera O cobro da Risga e do ingreso mínimo son incompatíbeis na Galiza segundo a lexislación galega. (Foto: Arxina)

A Comisión de Sanidade e Política Social do Parlamento galego acordou esta quinta feira instar a Xunta a que reclame ao Goberno do Estado a transferencia á Galiza da xestión do Ingreso Mínimo Vital (IMV), unha proposición do PP que contou co voto a favor do BNG e a abstención do grupo socialista. Na defensa desta proposición non de lei, a deputada popular Raquel Arias pediu "aproveitar a experiencia que Galiza ten na tramitación da Risga desde hai 30 anos" para "simplificar e axilizar os trámites" á vez que se "evitan solapamentos".

O IMV foi "a medida estrela do Goberno de Pedro Sánchez", dixo Arias, pero "desde o primeiro momento fixo augas" por mor da "nula e desastrosa xestión" por parte do Executivo estatal, con requisitos que "saturan e desbordan aos que piden as axudas". No caso da Galiza, alertou a popular "seis de cada 10 persoas vulnerábeis con dereito ao IMV non o perciben", polo que instou a trasladar a súa xestión á Xunta.

Na súa quenda de intervención, a deputada nacionalista Iria Carreira evidenciou o apoio desta formación á proposta, pero reclamou que se avance aínda máis aló, na creación dunha renda galega de inserción laboral e social propia. Así, Carreira exixiu que esta reclamación "non se converta nun mecanismo de confrontación baleiro e estéril" e que "non se limite" a esta acción, se non que se avance a "outras medidas decididas para actuar contra a pobreza e a exclusión social" no país.

Pola súa parte, a socialista Marina Ortega, cuxo grupo se abstivo, lembrou que en decembro de 2020, uns meses despois da aprobación do IMV, o PSdeG "pediu á Xunta que a Risga se fixese complementaria" desta axuda. "A Risga, na súa lei, ten un veto a todo tipo de axudas ou rendas que sexan similares. Pediuse á conselleira [de Política Social, Fabiola García] que se eliminase ese veto e a súa resposta foi que se tiña que adaptar o IMV á Risga", lamentou.

Oito de cada dez persoas en risco de pobreza non reciben ningunha prestación

Un estudo elaborado por Comisións Obreiras con motivo do Día Internacional para a Erradicación da Pobreza, que se conmemorou o pasado 17 de outubro, revela que só 20 de cada cen persoas en risco de pobreza na Galiza recibe unha prestación. Neste sentido, o sindicato considera "especialmente preocupante" a situación das persoas pensionistas, posto que a contía de máis da metade das pensións está por baixo do limiar da pobreza, cifrado en 10.088 euros anuais para unha persoa soa.

CCOO lembra que o indicador AROPE, no ano 2022, sinalaba que 634.949 galegos e galegas estaban en risco de pobreza ou execución social. Delas, 488.283, que representan até 18% da poboación do país, viven baixo o limiar da pobreza. Ou, dito doutra maneira, dous de cada dez galegos "son pobres", apunta a secretaria de Política Social do sindicato, Maica Bouza. En situación extrema atópanse 182.952 persoas.

Comentarios