Derrogar as leis de memoria, "violencia intrafamiliar"... as medidas de PP e Vox no País Valencià, un anticipo de futuros pactos?

O acordo de goberno entre o PP e a ultradereita de Vox recolle medidas polémicas no referido a materias como lingua, migracións, violencia machista ou igualdade.
Carlos Mazón (PP) saúda Carlos Flores (Vox) no inicio da reunión para pactar o novo Goberno valenciano. (Foto: Rober Solsona / Europa Press)
photo_camera Carlos Mazón (PP) saúda Carlos Flores (Vox) no inicio da reunión para pactar o novo Goberno valenciano. (Foto: Rober Solsona / Europa Press)

Desde a cúpula do PP evitaran nas semanas previas ás eleccións do pasado 28 de maio confirmar hipotéticos pactos coa extrema dereita alá onde as urnas así o permitisen. O propio presidente dos populares, Alberto Núñez Feixoo, afirmara antes dos comicios galegos de 2020 que non pactaría con Vox por ser "un partido que está en contra da Galiza". Porén, ese vello relato da moderación, xa golpeado tras o pacto alcanzado en Castela e León o pasado ano, esfumouse por completo esta mesma semana no País Valencià.

"Vox foi determinante e votouno moita xente", dixo Feixoo após transcender o acordo, avalado pola súa dirección, entre o PP valenciano de Carlos Mazón e o polémico candidato da ultradereita neste territorio, Carlos Flores, condenado no pasado por violencia machista. Esta mesma sexta feira, a vicesecretaria de Políticas Sociais e Reto Demográfico dos populares, Carmen Fúnez, volveu enmarcar o pacto de goberno "dentro do constitucionalismo" e avanzou unha lexislatura "moi rica en avances sociais".

Porén, que supón realmente o acordo PP-Vox que pon fin a oito anos do 'Goberno do Botànic' liderado polo socialista Ximo Puig da man de Compromís e Unidas Podemos? O documento que recolle as principais liñas programáticas do futuro Executivo de Mazón poñen o foco en cuestións como a memoria histórica, a inmigración ou o sentimento identitario.

Así, no que atinxe á memoria antifranquista, o texto apunta que se derrogarán "as normas que atacan a reconcilicación nos asuntos históricos para garantir a liberdade de memoria e o absoluto e pleno respecto aos dereitos e liberdades de todos". Na mesma liña, afirma que "reforzará" as inspeccións no ensino "para sacar a ideoloxía das aulas", ante a constante teima de Vox en denunciar un suposto "adoutrinamento LGBT".

E en materia educativa apostan por "garantir a libre elección de centro educativo", en alusión ao sistema privado e concertado fronte ao público, e a "libre elección da lingua de ensinanza entre as dúas oficiais en todas as etapas educativas", alén de que "os pais elixirán libremente e no seu caso autorizarán o contido das actividades extraescolares".

Sobre identidade, avanzan que eliminarán as subvencións a todas as entidades ou asociacións "que promovan os Països Catalans" e, de forma paralela, impulsarán unha 'Lei de sinais de identidade' que "protexa os valores, costumes e tradicións da Comunidade Valenciana".

Aliás, eluden falar de violencia machista e substitúen este termo polo empregado habitualmente polas forzas da dereita, violencia intrafamiliar, "garantindo a igualdade entre todas as vítimas". Tamén aprobarán unha 'Lei integral de protección á familia' que "fomentará a natalidade e dará especial atención ás familias numerosas".

En materia económica, propoñen eliminar o imposto de sucesións e doazóns, o imposto de patrimonio e a taxa turística, así como unha redución "drástica" do IRPF en todos os seus tramos e rebaixas tamén nas taxas autonómicas "que impiden o crecemento do tecido industrial", argumentan.

E, sobre as persoas migrantes, anuncian que a Generalitat "porá en coñecemento das Forzas e Corpos de seguridade do Estado os posíbeis casos de inmigración ilegal, con especial atención ás mafias organizadas", e eliminará as subvencións "a entidades que amparen estas prácticas".

Comentarios