A oposición da Coruña reproba o Goberno de Inés Rei por "excluíla" da elaboración da Axenda 2030

PP, BNG e Marea asinan unha moción conxunta na que cuestionan a "falta de diálogo" entre Executivo e oposición.
A alcaldesa da Coruña, Inés Rei. (Foto: Andy Pérez)
photo_camera A alcaldesa da Coruña, Inés Rei. (Foto: Andy Pérez)

Os grupos municipais de PP, Marea Atlántica e BNG na Coruña presentaron no pleno desta quinta feira unha moción conxunta de reprobación ao Goberno de Inés Rei —á que se sumou a concelleira non adscrita, Susana Soneira— polo que consideran unha "antidemocrática" tramitación da Axenda Urbana 2030.

Así, as tres formacións afearon que o Executivo local actúe "como se tivese maioría absoluta" ao "non contar" con elas na elaboración do documento que debulla as liñas estratéxicas para o desenvolvemento da cidade de cara ao ano 2030.

"O Goberno local actúa en solitario, sen asumir a mínima autocrítica", sinalou Avia Veira (BNG)

"Queremos que se reconduza o proceso e que o Goberno local se ateña ao que se aprobou no pleno do 3 de decembro de 2020, cando si avogou por que o conxunto da corporación puidese tomar parte nos traballos de elaboración da Axenda Urbana", sinalou a concelleira nacionalista Avia Veira.

Na mesma liña, cuestionou a "actitude kamikaze" de Rei, cuxo Goberno, dixo, "vai en solitario, sen asumir a máis mínima autocrítica" diante dun documento "que transcende este mandato e tamén o próximo".

"O documento ten graves carencias", advertiu María García (Marea)

María García, portavoz da Marea Atlántica, incidiu tamén no "incumprimento" dese acordo de decembro de 2020: "Non podo dicir que nos sorprenda, pero temos que lamentar que se lle dea este trato a un documento estratéxico, que deseñará as políticas públicas da Coruña para as vindeiras décadas, e que resulta decisivo para acceder a axudas e convocatorias de fondos da Unión Europea".

A edil salientou tamén que o documento ten "graves omisións", pois, ao seu entender, "non atende o problema da vivenda, non reflexiona sobre a integración dos peiraos e non ten en conta a planta de Nostián, o modelo metropolitano de xestión de residuos, nin o problema da soberanía enerxética".

"Non hai un proxecto de cidade", lamentou Roberto Rodríguez (PP)

E desde a bancada popular, o concelleiro Roberto Rodríguez fixo énfase na "absoluta falta de diálogo deste Goberno", o que constitúe, apuntou, un "síntoma" cuxa "enfermidade" é "a ausencia de proxecto de cidade e a súa falta de ambición". "Esta cidade está moi por riba deste Goberno, sábeno e por iso xogan permanentemente ao caneo curto", sentenciou.

Pola súa parte, o Executivo de Rei defendeuse alegando que, durante o proceso de elaboración deste documento que marcará as liñas de actuación da cidade na próxima década, contou coas achegas da veciñanza e de diferentes entidades e que este mes constituirá unha comisión na que as forzas da oposición poderán engadir tamén as súas propostas.

Comentarios