A oposición carga contra uns orzamentos que "marxinan" Galiza e o PP di que recibe "o duplo do que lle corresponde"

“A submisión de Feijóo a Rajoy ten un custo: 442 millóns de euros”, denuncia Ana Pontón (BNG). Para Manuel Lago, as contas son “antisociais e maltratadoras de Galiza”. O PP, por contra, mantén que Galiza recibe “o duplo do que lle corresponde”.

Pleno do Parlamento galego. 22 de febreiro de 2017

Os orzamentos xerais do estado para 2017 non convencen á oposición en Galiza, que coincide á hora de denunciar que o recorte de fondos para o noso país evidencia o escaso peso político de Feijóo. Para Ana Pontón, portavoz do BNG, estes orzamentos supoñen un “agravio e unha discriminación”, un exemplo da “falta de peso político” do presidente da Xunta en Madrid. “A súa submisión ten un custo moi elevado: 442 millóns de euros”, manifestou.

Para a nacionalista, estas contas supoñen “unha labazada na cara dos galegos”, para alén de criticar que os mesmos, dixo “consoliden un modelo de recortes e desigualdade”.

En Marea tamén criticou uns orzamentos que consideran que marxinan Galiza e que continúan a punir as partidas sociais. “Son antisociais e maltratadores de Galiza”, afirmou o deputado Manuel Lago, que sostén que son “restritivos en investimentos” e que as contas contradín as mensaxes de que a economía está en recuperación.

Gómez Reino, de En Marea no Congreso, cualifica as contas de “un novo golpe ao estado de benestar” e sostén que Galiza sae dos orzamentos do estado “doblemente prexudicada”. Por unha banda, porque se inviste menos do que lle corrresponde, e por outra porque as cifras que se adican ao noso país nas contas “non se executan”. Tamén advertiu do risco de que Galiza fique reducida en termos orzamentarios “a quilómetros de Ave”.

Desde o PSdG mantense que os orzamentos confirman “o nulo peso de Feijóo” perante o ‘goberno amigo’. Outra visión moi diferente é a do PP, que por boca de Celso Delgado, parlamentar galego en Madrid e presidente da Comisión de Fomento, dixo que Galiza é o segundo territorio con máis investimento por renda per cápita e que recibe “o duplo que lle corresponde”.

Comentarios