Oleiros dedicará unha rúa ao histórico líder palestino Yasser Arafat

No concello existe xa unha Avenida de Palestina, así como a xa mítica rotonda do Ché Guevara.
O líder palestino Yasser Arafat. (Foto: RTVE)
photo_camera O líder palestino Yasser Arafat. (Foto: RTVE)

O Concello de Oleiros (comarca da Coruña) dedicará unha rúa ao líder palestino Yasser Arafat, unha iniciativa coa que o consistorio busca expresar a súa "solidariedade con Gaza". Nun comunicado, o Goberno local, liderado por Ángel García Seoane (Alternativa dos Veciños), remarca que Arafat "foi unha das persoas que máis destacou na historia resistente palestina". "Un home dedicado á cruel inxustiza do imperialismo e a ocupación sionista da súa terra", precisa.

Sobre o nomeamento desta rúa, indica que Arafat "foi un home de paz, artífice dos denominados Acordos de Oslo para a resolución do conflito", recoñecido co premio Nobel da Paz en 1994". En 1948 uniuse á resistencia palestina, oposta a que a súa xente fose expulsada das casas nas que vivían, o gran desastre, a Nakba, do pobo palestino "que autorizaron e impulsaron os dirixentes europeos", lamenta o Concello.

E, desde aquela, "loitou sen tregua" pola creación dun Estado de Palestina capaz de organizarse para "facer fronte aos abusos europeos", creando a Organización para a Liberación de Palestina (OLP), entidade que "durante moitos anos intentou pór algo de luz no conflito, internacionalizando a xusta causa do seu pobo".

"As constantes conquistas de Israel co apoio europeo e estadounidense e a inoperancia da ONU deron ao traste co seu soño de normalizar a vida en paz dese lugar do mundo no que hai máis de 2.000 anos se fraguaron as lendas cristiáns, que chegan até nós co actual xenocidio en Gaza", prosegue o consistorio, que hai 15 anos situou nunha rotonda unha escultura xigante de Ernesto Ché Guevara. E no seu rueiro existe xa unha Avenida de Palestina.

Por todo ese esforzo de loita pola paz, o Concello de Oleiros decide, "en solemne e comprometido xesto de admiración pola resistencia palestina", realizar esta pequena homenaxe a "unha das persoas que máis ten apostado pola paz e a dignidade nesa zona de Oriente Próximo e, en extensión, a todo o pobo palestino".

Yasser Arafat naceu no Cairo (Exipto) en 1929, e faleceu en Clamart (Francia) en 2004, aos 75 anos. Até o seu pasamento, e desde a creación do organismo en 1994, foi o primeiro presidente da Autoridade Nacional Palestina, cargo que hoxe ocupa Mahmoud Abbas.

Comentarios