O goberno do Porriño non quere saber da Sanidade Pública

Un acto público organizado polo BNG sobre a situación actual da Sanidade Pública tivo que se realizar na Praza do Concello ao rexeitar o goberno municipal ceder a Casa da Cultura.
Acto de Sanidade Pública no Porriño

O alcalde do Porriño, Nelson Santos (PP), negouse a ceder a Casa da Cultura municipal para un acto no que se informaría da situación actual da Sanidade Pública. O BNG solicitou por escrito ao concello a utilización dese espazo e a contestación foi mediante decreto asinado polo propio alcalde, remitíndoos a outra instalación afastada do centro da vila.

Para o BNG, a utilización das instalacións municipais “é unha cuestión de pura hixiene democrática”.

“Non é a primeira vez que acontece algo así”, sinalan fontes nacionalistas, “lembremos que xa antes das pasadas eleccións municipais foi prohibido un acto informativo do BNG na Casa da Cultura, chegando mesmo a enviar a policía local para impedir a súa realización”, apuntan. Desde o BNG fan un chamamento ao conxunto da sociedade porriñesa e solicitan “unha campaña de desobediencia civil ante esta imposición arbitraria e autoritaria dun goberno que confunde maioría absoluta con absolutismo”. Para o BNG a utilización das instalacións municipais “é unha cuestión de pura hixiene democrática”.

Acto na praza do concello
O acto sobre a sanidade pública tivo lugar igual e nel falou Manuel González Moreira,  médico e portavoz da Plataforma SOS Sanidade Pública de Vigo. Na súa exposición sobre a problemática dos recortes e privatizacións na Sanidade Pública repasou as diferentes medidas adoptadas polo PP que, segundo denunciou “fan pór en perigo a propia existencia dun sistema sanitario público galego e rompen coa universalidade, equidade ou carácter redistributivo do sistema”. Entre os temas da palestra xurdiu a promesa da Xunta de ampliar o Centro de Saúde e que está paralizada desde a chegada ao goberno dde Nuñez Feijoo.

Comentarios