O DEBATE

O DEBATE | Deben gobernar nos concellos galegos as listas máis votadas?

O voceiro do PP en Compostela e do BNG en Lugo debaten sobre os criterios de conformación dos Gobernos no caso de ausencia de maiorías absolutas.
Urna electoral (Imaxe: Polaris / Contacto).
photo_camera Urna electoral (Imaxe: Polaris / Contacto).

Blindemos o sistema para evitar as inxustizas

Borja Verea, candidato do PP á Alcaldía de Compostela

Borja Verea
Borja Verea

En 1983 Xerardo Estévez foi alcalde de Santiago de Compostela en minoría con 10 concelleiros. En 2015 Martiño Noriega accedeu ao bastón de mando co mesmo número de edís. En 2019 ocorreu o mesmo con Sánchez Bugallo. En 2023 recibín o apoio maioritario dos composteláns e 11 concelleiros, pero non serei alcalde. A candidata do BNG serao con 6 concelleiros, 6 de 25, menos dun cuarto da 
corporación. 

A importancia das regras do xogo, na política e na vida, non é só cumprilas, senón sobre todo crer nelas. Hoxe ninguén en Compostela cre que o mandato electoral do 28-M sexa un goberno de 6 concelleiros do BNG e 2 de Compostela Aberta; non o cre nin a señora Sanmartín.

O sistema parlamentario, replicado nos plenos municipais, permite artellar maiorías alternativas á lista máis votada, pero sempre que o obxectivo sexa dar estabilidade ao sistema. Se convertemos o actual pleno de Santiago no Congreso dos Deputados, o Partido Popular tería 154 representantes e a ninguén se lle ocorrería que non fora a formación que liderase o Goberno.

O malo é que as leis permiten esperpentos como o que ocorrerá no Pazo de Raxoi, onde a gobernabilidade, como admitiu o propio Bugallo, “vai ser complicada”. A democracia hai que cultivala, e o cerne da democracia é a relación entre representantes e representados, ou, dito doutro xeito, a relación entre o votante dun partido e o uso que dese voto fan os elixidos, neste caso os concelleiros.

"Só están de acordo en que non goberne o PP, a partir de aí, nada"

Alexis de Tocqueville situaba a democracia máis pura e máis antiga na elección dos alcaldes, a democracia máis directa. Unha operación tan lamentable como a que se vai a levar a cabo na capital de Galicia pon en risco a credibilidade do sistema representativo e parlamentario en clave municipal. 

E o peor de todo é que isto non ocorre só en Santiago, senón en toda Galicia e no resto de España. O Partido Popular foi a forza máis votada en 191 concellos galegos: en 135 ten asegurada a alcaldía, ao obter a maioría absoluta, pero nos restantes 56 enfrontámonos ás sumas que restan da esquerda.

Hai uns días, na miña cidade, as direccións autonómicas do PSdeG-PSOE e do BNG sentáronse para crear a comisión negociadora dos que se fan chamar gobernos progresistas. Unha maquinaria de creación de pactos que non ten outra función que xuntar aos que perderon para que non gobernen os que gañaron. Sobre todo, para poñer un cordón sanitario ao Partido Popular, sexa da forma que sexa.

Ademais do meu caso, entre os meus compañeiros do Parlamento de Galicia que se presentaron nos seus concellos hai circunstancias tan indignantes como o de Belén Cachafeiro en Forcarei, Fernando Pérez en Caldas, Sandra Vázquez en Vilalba ou Elena Candia en Lugo, que cunhas porcentaxes amplamente maioritarias do 48,34%, 47,61%, 45,84% e 43,57%, respectivamente, non van poder gobernar. En Vilalba por só 77 votos. Son datos que matan os relatos de partidos que non constrúen, senón que destrúen. Só están de acordo en que non goberne o Partido Popular, a partir de aí, nada.

"No PP levamos anos defendendo que goberne a lista máis votada"

Son as regras do xogo, cúmprese a lei, iso é indiscutible, pero colapsan as pontes da confianza e o caudal que lexitima a democracia. Por este motivo, desde o Partido Popular levamos anos defendendo a proposta de que goberne a lista máis votada, para que se garantan os desexos dos cidadáns e se favoreza a gobernabilidade das institucións.
Desde estas liñas quero dar un recoñecemento aos candidatos do PP que, coma min, teñen todo o dereito do mundo de gobernar e non van poder. Blindemos o sistema para evitar no futuro que se volva corromper a vontade das leis


Ten que gobernar sempre a lista máis votada?

Ruben Arroxo, primeiro Tenente de Alcaldesa de Lugo polo BNG

Rubén Arroxo
Rubén Arroxo

Ten que gobernar sempre a lista máis votada? A resposta é claramente non, por diversas razóns, aínda que agora mesmo nos imos centrar en só tres.
Primeiramente cómpre ter sempre de eixo central neste debate que o sistema electoral que temos non é presidencialista, senón que as persoas votantes escollen os seus representantes para a cámara, sexa cal sexa esa. O PP, que adoita dicir que está en contra deste modelo, tivo ocasión de modificalo, mais se non o fixo é porque máis aló da consigna propagandística de “que goberne a lista máis votada”, sabe que ten outras contraindicacións difíciles de superar.

É máis xusto que goberne a lista máis votada? Supoñamos un resultado, como os que se teñen dado, no que hai representación nun concello de 6 forzas políticas, entre as cales ningunha supera o 25% do voto emitido. Sería xusto que unha candidatura gobernase a totalidade dese concello con só un 25% do voto? Xa de primeiras calquera diría que non, e diría que non sen entrar nin tan sequera a valorar o espectro ideolóxico desa cámara. Porque tendo en conta este último suposto, poñamos por caso (como se ten dado) que un partido de dereitas (que se fose de esquerdas sería exactamente igual), acada en torno ao 30% do voto e é a lista máis votada, mentres que a esquerda ao presentarse dividida acada un resultado do 70%. Sería máis representativo do electorado un goberno en solitario da primeira candidatura? Semella que non.

A funcionalidade do modelo

É funcional que goberne a lista máis votada? Cantas veces temos atopado concellos nunha parálise absoluta por seren incapaces de aprobar orzamentos, ordenanzas ou calquera outra cuestión que precise do pleno? Esa é unha das consecuencias dadas cando as persoas electas non son quen de acadar determinados acordos, algo que resulta moi complicado (nas hemerotecas pódese observar) cando goberna a lista máis votada sen máis apoios que os seus. E este punto vai ser sempre moi complicado de solventar nos casos nos que a lista máis votada estea ideoloxicamente moi lonxe do resto de grupos políticos, ou goberne en contraposición total do resto, pola diferencia de proxecto que terá para o seu concello, ou ámbito a gobernar.

"Un goberno sen maioría absoluta, podería actuar como se o fose"

Tense falado que para solucionar iso, se podería aplicar unha “sobre-representación” ao partido máis votado para poder ter estabilidade, algo que nos levaría ao punto anterior, dende logo democraticamente non representa o sentir do electorado, e polo tanto non sería un formato xusto.

En último lugar esta outra situación que provocaría o modelo de obrigatoriedade de que goberne a lista máis votada, que é a desaparición da ferramenta da moción de censura. Por que cal sería o sentido desta? Se goberna a lista máis votada, existindo a posibilidade dun cogoberno maioritario alternativo a esta, ao día seguinte terían a capacidade de facer unha moción de censura, polo que esta non podería existir como tal, o que levaría consigo unha nova eiva democrática. Dado que nese caso, un goberno sen maioría absoluta, podería actuar como se o fose, sen que o pleno tivese ningunha posibilidade de retirarlle o goberno.

E no caso de querer manter a ferramenta da moción de censura, como parece lóxico como unha formula necesaria, volveríamos ao punto de saída de que non sería viable que goberne a lista máis votada en solitario.

"O sistema electoral que temos non é presidencialista"

Con esta análise queda amosado que tanto por xustiza, como por funcionalidade, como por democracia, o criterio de que a lista máis votada teña que gobernar de facto, non é nin moito menos unha fórmula que mellore a situación actual.

Comentarios