MOBILIDADE URBANA

O concello de Vigo penaliza o uso da bicicleta na cidade

Protestas ante as multas por utilizar o carril-bus

Varios colectivos de Vigo veñen de queixarse ante o concello polos obstáculos postos ao uso da bicicleta dentro do ámbito urbano. As denuncias parten da multa que a policía municipal impuxo a unha persoa que circulaba en bici polo carril-bus, o que foi castigado cunha “infracción grave”.

Nunha nota conxunta que firman, entre outros, Luita Verde, C.S. A Revolta, Verdegaia ou Bouzas-Móvete afírmase que “esta sanción é un abuso e un ataque ao uso da bicicleta na cidade, xa que neste concello non se promociona nin se facilita a súa utilización senón que se penaliza, aínda que esta sanción sexa poida ser debida a un exceso irracional de celo por parte dos axentes que a tramitaron ou a un desproporcionado afán recadatorio por parte do concello”.

Os colectivos asinantes tamén lembran que “outras urbes como A Coruña, París ou Granada, permiten a circulación das bicis polo carril-bus onde non existen infraestruturas segregadas. A bicicleta está ligada ao concepto de cidade máis humana onde a seguranza, a sociabilidade, a accesibilidade, a solidariedade e o benestar das persoas teñen prioridade sobre o fluxo de vehículos a motor”. Tamén lle lembran ao alcalde, Abel Caballero do PSOE, que o uso público das bicicletas axuda á redución de gases moito máis que outras medidas “algo que debería ter en conta posto que foi até hai uns meses o presidente da Rede Española de Cidades polo Clima”.

Comentarios