O BNG levará ao Congreso o caso da independentista detida en Ferrol

A fronte nacionalista denuncia a aplicación dunha "lexislación de excepción" propia de estados totalitarios e exixirá ao ministerio que se depuren responsabilidades ao respecto.

O BNG levará ao Congreso español o caso de Silvia C., detida a pasada segunda feira en Ferrol e posta en liberdade esta cuarta sen cargos após serlle aplicada a "lei antiterrorista" pola que ficou incomunicada durante 36 horas. Segundo a organización frontista, a independentista foi vítima dunha "lexislación de excepción, con grave violación dos dereitos humanos", pois foille negado mesmo o dereito de habeas corpus --polo cal debería ser posta de maneira inmediata a disposición xudicial.

"Estamos perante unha lexislación propia de estados totalitarios ao non asegurar as garantías individuais e os dereitos humanos máis elementais"

As deputadas nacionalistas no Congreso, demandarán "explicacións" ao ministerio do Interior "pola violación dos dereitos desta persoa" e exixirá que se "depuren as responsabilidades oportunas", perante o que consideran "non é un caso illado". O BNG, denuncia a aplicación dunha lexislación "suspensiva das garantías individuais e dos dereitos humanos" que atribúen a estados totalitarios en que as persoas detidas son incomunicadas durante horas sen "protección legal nin asistencia xurídica", aseveran desde a organización frontista.

Neste sentido, no BNG exixen a "derrogación das normas legais que dan amparo a actuacións por parte dos poderes do estado tan desproporcionadas" e denuncian a desprotección sufrida pola moza que ficou sen dereitos tan fundamentais como "o dereito á presunción de inocencia e á honra", conclúen @s nacionalistas.

Comentarios