O Bloque lanza unha "ofensiva política" contra a mina de Corcoesto

Na Galiza exixirán a retirada do Plan de actividades extractivas da Xunta e instarán á Comisión europea que cumpra coa resolución que prohíbe o uso do cianuro na actividade mineira

Carme Adán e Francisco Jorquera
photo_camera Carme Adán e Francisco Jorquera

@s nacionalistas procurarán pola vía institucional frear a política mineira do goberno galego e a "sede de ouro" das transnacionais. Así, o portavoz parlamentar da organización frontista, Francisco Jorquera, e a voceira de Industria, Carme Adán aseguraron esta segunda feira que exixirán á Xunta de Galiza a "anular a Declaración de impacto medioambiental positiva" para a mina de Corcoesto, unha cuestión que xa foi achegada pol@s nacionalistas na pasada sesión plenaria. 

"Á vista de tres informes científicos", afirman fica en evidencia "as graves consecuencias para a saúde humana" por mor, din, "das grandes concentracións de arsénico" que se acumulan a carón da explotación. 

Para o Bloque, a manifestación que percorreu esta fin de semana a capital da Galiza foi "unha moción de censura" á política mineira da Xunta polo que o executivo liderado por Alberto Núñez Feijóo debe cesar na súa ofensiva contra o territio como reclamou a multitude congregada na Quintana. 

Exixirán que a Comisión faga cumprir a normativa europea á Xunta 

Aliás, a organización frontista instará á Comisión europea a facer valer a resolución aprobada polo Parlamento europeo en 2010. A través da eurodeputada Ana Miranda, exixirán que o executivo comunitario faga cumprir o acordo polo que se prohíbe o uso de cianuro nos procesos de extracción e tratamento de mineirais --nomeadamente o ouro. 

Segundo Miranda, a resolución "debía estar executada en 2011" polo que preguntará á Comisión "cando vai instar aos Gobernos a que non presten ningún apoio, de forma directa ou indirecta, a proxectos mineiros que impliquen o uso de tecnoloxías a base de cianuro". Tamén así, a europarlamentar procurou o apoio de máis de 700 deputad@s comunitari@s para instar de maneira colectiva ao comisario de Medio Ambiente, o esloveno Janez Potocnik, á fin de que este presione á Xunta de Galiza a frear os proxectos megamineiros que se pretenden instalar na Galiza coa conivencia do Partido Popular. 

Comentarios