O novo perfil de Gonzalo Caballero no Parlamento galego

Así queda reestruturado o grupo parlamentario socialista.
Gonzalo Caballero deixa de ser o portavoz socialista na Cámara (Foto: Nós Diario).
photo_camera Gonzalo Caballero deixa de ser o portavoz socialista na Cámara (Foto: Nós Diario).

O que fora secretario xeral do PSdeG até o pasado ano, Gonzalo Caballero, ostentará a partir de agora a portavocía de Economía, Facenda e Universidade do grupo socialista na Cámara galega, que reorganizou a repartición de áreas logo do nomeamento de Luis Álvarez como novo portavoz parlamentario.

Deste modo, Álvarez, que deixa as áreas de Educación e Ordenación do Territorio para centrarse no seu labor como portavoz, encabeza a dirección do grupo, á que se incorporan como portavoces adxuntos Begoña Rodríguez Rumbo, Leticia Gallego e Julio Torrado. Ademais, estará integrada por Patricia Otero, Juan Carlos Francisco e Carmen Rodríguez.

Con estas mudanzas, das que informou o PSdeG, Rodríguez Rumbo asumirá Función Pública, Administración Local e Orzamentos; Torrado seguirá á fronte de Sanidade e Marisqueiro, e Gallego, de Comercio, Turismo e I+D+i.

A lucense Patricia Otero continuará a cargo de Infraestruturas, Transporte e Pesca; e Juan Carlos Rodríguez será o responsábel de Deportes, Ordenación do Territorio e Vivenda.

Pola súa banda, a ourensá Carmen Rodríguez Dacosta encabezará as áreas de Emprego e Montes; Noa Díaz fará o propio con Cultura, Lingua e Igualdade, e Pablo Arangüena asumirá Política Exterior, Calidade democrática e transparencia, Emigración e Medio Ambiente, esta última compartida con Paloma Castro, que continuará á fronte de Xustiza e asumirá tamén Cooperación.

O parlamentario Martín Seco será o responsábel de Industria, Enerxía, Gandaría e Agricultura; Noelia Otero asumirá Educación e Mocidade, Voluntariado e LGTBI, e por último, a ourensá Marina Ortega continuará á fronte de Política Social.

Comentarios