23-X

O Nobel Pérez Esquivel encabeza un manifesto de apoio ao BNG desde a emigración

“Nestas eleccións xógase democracia ou neofascismo e nesta disputa non podemos estar ausentes”, indican os asinantes do manifesto de apoio á formación nacionalista.
O premio Nobel da Paz, Adolfo Pérez Esquivel (Foto: Europa Press).
photo_camera O premio Nobel da Paz, Adolfo Pérez Esquivel (Foto: Europa Press).

“A pesar dos exitosos resultados electorais nas eleccións municipais por parte do BNG na Galiza e Bildu en Euskadi, foi evidente a derrota do PSOE e a esquerda do sistema. Este resultado deixa aberta a porta para a entrada dun próximo goberno, en alianza, do PP e Vox”.

Así comeza o manifesto de personalidades e simpatizantes en apoio ás candidaturas do BNG feito público esta quinta feira. Personalidades entre as que se encontra Adolfo Pérez Esquivel, Premio Nobel da Paz.

O manifesto continúa indicando que “o Estado español non está á marxe do avance do fascismo en Europa. Ante esta situación as eleccións estatais teñen, esta vez, un valor estratéxico que pode afectar moito os intereses políticos, sociais e económicos da Galiza”. “Nestas eleccións xógase democracia ou neofascismo e nesta disputa non podemos estar ausentes”, prosegue o manifesto.

Por este motivo, as personalidades da diáspora galega chaman a apoiar nas próximas eleccións os candidatos do BNG, que, segundo indican “demostraron, neste mandato que termina, que foron os que mellor defenderon os dereitos nacionais da Galiza desde unha perspectiva de esquerda”.

"Evitar que goberne a dereita"

Para alén diso, no manifestou apúntase á necesidade de “evitar que a dereita goberne o Estado español, para iso, a participación da emigración galega no exterior, e os seus descendentes, será unha achega substancial na loita contra o fascismo”.

Comentarios