23-X

Ex dirixentes de Podemos apoian o BNG para lograr un "grupo galego forte" en Madrid

Dous ex coordinadores de Podemos na Galiza, Carmen Santos e Breogán Riobóo, fotografáronse esta cuarta feira, a falta de pouco máis de 48 horas de que feche a carreira cara ás urnas.
Breogán Riobóo, á esquerda de todo, e Carmen Santos, á dereita, apoiaron publicamente o BNG. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Breogán Riobóo, á esquerda de todo, e Carmen Santos, á dereita, apoiaron publicamente o BNG. (Foto: Nós Diario)

Dous ex coordinadores de Podemos na Galiza, Carmen Santos e Breogán Riobóo, fotografáronse esta cuarta feira, a falta de pouco máis de 48 horas de que feche a carreira cara ás urnas, para trasladar o seu apoio ao BNG co obxectivo de lograr "un grupo galego forte" en Madrid. No acto acompañounos a portavoz nacional, Ana Pontón. Se ben o apoio á formación nacionalista quedou hoxe explicitado, tanto Santos como Riobóo, que foi o primeiro dirixente de Podemos na Galiza, xa expresaran a través das súas redes sociais e diferentes pronunciamientos públicos o seu voto a un Bloque no que, en todo caso, non militan.

Após as eleccións municipais, e nada máis convocarse a cita para o 23 de xullo, o histórico dirixente Xosé Manuel Beiras situouse, nunha entrevista concedida á axencia Europa Press, a favor da opción nacionalista nos próximos comicios, unha postura que tamén foi referendada polo actual líder de Anova, Martiño Noriega, que publicou un artigo neste mesmo sentido. De feito, houbo contactos entre ambas as formacións —como chegou a recoñecer tamén Pontón publicamente—, mais, ao contrario que nesta fotografía, os ex militantes do BNG e a dirección actual non escenificaron este apoio cunha imaxe como a desta cuarta feria en Vigo.

Nesta xornada, o BNG quixo exhibir o apoio desas persoas que "sen ser militantes nacionalistas", consideran que "Galiza necesita ter no Congreso un grupo galego forte coas mans libres, a diferenza das forzas estatais que actúan como sucursais ás ordes das direccións madrileñas". Neste acto tamén estiveron a cabeza de lista por Pontevedra, Carme da Silva, e a deputada Alexandra Fernández, precisamente unha das 'fichaxes' que fixo o BNG entre as 'mareas' e que foi a deputada que rachou coa disciplina de grupo —e votou o que ordenou a dirección galega do partido En Marea entón encabezada por Luís Villares— no Congreso.

"Compartimos unha valoración: que o BNG é a única forza coas mans libres para defender Galiza fronte ás forzas, todas e cada unha, que levan anos alternándose na discriminación a este país e que intercambian ese papel en función de quen sente na Moncloa e quen di unha cousa aquí e fai a contraria en Madrid", apuntou Pontón, quen asegurou que "é posíbel ter esa representación forte na Cámara baixa".

A líder do Bloque afirmou que "o grupo galego forte está ao alcance das mans". "E estámoslle disputando ao PP escanos no catro provincias, tamén en Lugo e en Ourense, onde é posible facer historia e gañarlle á dereita un deputado que sitúe á Galiza interior na axenda do Estado", salientou Pontón. Para iso, chamou a "concentrar o voto rebelde, inconformista e de país" no BNG, "sabendo que a papeleta Bloque vale dobre vale dobre: para empoderar Galiza en Madrid e para frear a un PP de Feixoo cada vez máis ultra".

Neste sentido, incidiu que "se todas as persoas que votaron BNG nas galegas apoian este 23 de xullo, Galiza terá grupo galego forte". "Se todas as persoas que votaron BNG nas municipais apóiannos o 23 de xullo, Galiza terá grupo galego forte, así que fagámolo posíbel", proclamou Pontón, quen asegurou que "non é o momento de votar por medo ou polo mal menor, senón con forza, con ilusión, para facer valer Galiza en Madrid".

Pontón tamén apelou ás mulleres, que "xa coñecen as políticas de Feixoo, que recortou as axudas ás vítimas de violencia machista e agora vai de ganchete coa extrema dereita negacionista". Pola súa parte, Carme da Silva destacou que o grupo de persoas que mostrou este mércores o seu apoio ao BNG en Vigo "representa a viveza da sociedade galega". Son persoas que, dixo, saben que "só desde nós mesmos, sen dependencias, sen submisións, podemos construír un país vivo, dinámico e con futuro".

"Non basta con ser galega, hai que exercer como tal", avisou Da Silva, para comprometerse con cuestións como a crise de prezo, a emerxencia climática, a descarbonización da economía, o acceso á vivenda ou o avance nos dereitos sociais e laborais.

Comentarios