"Imos a máis para unha nova Galiza": o BNG busca celebrar o Día da Patria cun "resultado histórico" nas eleccións

A tradicional manifestación nacional de cada 25 de xullo partirá ás 12 horas da Alameda compostelá, e nela as nacionalistas agardan "celebrar un resultado histórico" nas eleccións estatais que decorrerán dous días antes.
Cartaces do BNG de cara ao 25 de xullo. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Cartaces do BNG de cara ao 25 de xullo. (Foto: Nós Diario)

O BNG deu a coñecer esta terza feira o seu acto central de cara ao vindeiro 25 de xullo, Día da Patria Galega, unha gran manifestación nacional que percorrerá as rúas de Santiago, partindo da Alameda, baixo o lema "Imos a máis para unha nova Galiza". A formación nacionalista leva así a reivindicación do seu "ascenso" a nivel electoral á celebración que terá lugar 48 horas despois da cita coas urnas. Un lema que presenta co "convencemento" de "celebrar ante miles de persoas un resultado histórico nas eleccións" deste domingo, 23 de xullo.

Como é habitual, os actos de celebración arrincarán ás 12 horas coa manifestación nacional que partirá da Alameda compostelá e rematará na praza da Quintana coas intervencións do cabeza de lista ao Congreso por Lugo, Daniel Castro; a secretaria xeral de Galiza Nova, Marta Gómez, e a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón. Aliás, está prevista a presenza de diversas delegacións internacionais.

O Bloque espera para o 25 de xullo unha "gran mobilización" e celebrar nela un resultado "histórico" nas eleccións estatais. Durante os días previos á celebración do 25, o BNG desenvolverá unha campaña divulgativa en diferentes localidades para informar dos actos previstos para conmemorar a "gran festa" do Día da Patria.

A secretaria de Organización da formación, Lucía López, fixo un chamamento a todos os galegos e galegas a participar na manifestación nacional e no acto da Quintana para "celebrar a vitalidade da nación galega e o orgullo de ser galegos en pé de igualdade co resto de pobos do mundo".

Porque "Galiza existe e somos un país rico e con moita potencialidade", e "só necesitamos crer en nós e nas nosas propias forzas, como fai o BNG", apuntou López, que estivo acompañada do responsábel de Comunicación da forza nacionalista, Xabier Campos.

Así, fronte aos "discursos reaccionarios e centralistas", o BNG aposta por "unha Galiza viva, libre e con futuro" e, por iso, o 25 de xullo pretende "demostrar toda esta potencialidade e celebrar con forza o día da nación".

Comentarios