Nin PP nin PSdG-PSOE condenaron o ataque fascista de Vigo

Tampouco o delegado do Goberno español na Galiza, Samuel Juárez, fixo declaración ningunha ao respeito, moi ao contrario do que acontece cando se producen actos violentos que o Ministerio de Interior atribúe ao independentismo, nomeadamente á organización 'Resistencia Galega'.

fascistavigo
photo_camera [Imaxe: GZ-Vídeos]


Nin o PP, nin a Xunta de Galiza, nin o delegado do Goberno español condenaron o ataque fascista acontecido na madrugada da segunda feira no despacho do avogado vigués Gustavo García.

Moi ao contrario do que acontece cando se producen accións violentas que este partido político apón ao independentismo, nomeadamente á organización 'Resistencia Galega', desta volta @s conservador@s gardaron silencio sepulcral a respeito do acontecido no bufete do letrado, moi coñecido pola súa actividade, vinculada sempre á defensa dos dereitos civís e laborais. 

Tampouco o PSdG-PSOE emitiu comunicado ningún en repulsa, malia ser a formación que goberna no Concello de Vigo. Malia que na imprensa pasou practicamente inadvertido tanto o ataque como o feito de que estes dous partidos non condenasen os feitos, as redes sociais deron boa conta diso.

Foron ducias os chíos que reclamaban a reprobación ora do PP ora da Xunta ora do delegado español, Samuel Juárez. Así, @millanfernandez preguntouse se "escuitou alguén ao Delegado do Goberno ou a alguén do PP condenar o atentado fascista de Vigo? Foi xlo bajini? Saiu algo nas portadas-teles?"; @Ric_Saavedra quixo saber se "o PP galego vai instar aos concellos a aprobar unha moción contra o terrorismo fascista polo atentado do bufete de Vigo?"; @GzBriga tamén ironizou con se "Vai ordenar detençons imediatas de ultradireitistas o repressor Samuel Juárez polo atentado fascista em Vigo?".

Aliás, @Aure_Lopes lamentou o silencio de PP e PSdG-PSOE chiando "atentado fascista contra o despacho de Gustavo. E non se ven colas para a condena..."; e @seregueiro cuestionou se "isto non é terrorismo? Ah, Claro neste pais só e terrorismo ser de esquerdas ou nacionalista".

As condenas que si chegaron: BNG e AGE

BNG, que condenou outros actos violentos atribuídos polo ministerio de Interior a 'Resistencia Galega' --reivindicados ou non--, emitiu tamén desta volta dous comunicados en que reproba o acontecido no despacho de García: un da formación frontista en Vigo e outro a nível nacional.

En ambos os dous manifestan "a nosa máis enérxica repulsa" e enfatizan que se trata "dunha agresión fascista que persegue amedrentar a quen reclama xustiza e dignidade para as vítimas do franquismo e rematar coa vergoña da impunidade existente no Estado español". Nunha pregunta parlamentar presentada pola deputada Ana Pontón, o Bloque quere saber que valoración fai a Xunta do acontecido e que accións vai emprender para dar cos autores do ataque ao despacho do letrado, causando danos tamén no local da Fundación galega contra a Impunidade.

Tamén AGE emitiu un comunicado rexeitando os feitos, que atribúe a "un grupo de fascistas" e condenan por traer á lembranza "os anos máis duros da represión fascista". Aliás, rexeitan "determinadas declaracións de dirixentes públicos en que se gaban de apoiar a ditadura sen ter sanción algunha das súas organizacións" e preguntan cal é a opinión do delegado do Goberno, da Xunta e do propio presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo.

Solidariedade sindical

Tamén desde o mundo sindical (CIG e CUT) emitíronse comunicados en solidariedade con este avogado e de rexeitamento ao ataque fascistas. 

Comentarios