28-M

O Condado e A Paradanta: un motor industrial e turístico

As comarcas do Condado e A Paradanta concentran nove concellos e 54.146 habitantes. Son moi dinámicas na actividade industrial e as cifras reflicten o aumento exponencial das empresas mercantís que elixen estas comarcas para instalarse. Concellos como Ponteareas, Mondariz ou Salvaterra teñen claro o impulso que isto supón para as súas economías locais, e por iso teñen en marcha medidas para facilitar o acceso empresarial ao solo. A falta de persoal sanitario e de servizos e as humanizacións en Ponteareas son cuestións que centraron a política municipal neste mandato.
Poboación en cada concello (datos do IGE de xaneiro).
photo_camera Poboación en cada concello (datos do IGE de xaneiro).

A comarca do Condado e a da Paradanta son, pola súa situación estratéxica en materia de comunicacións, un punto neurálxico da industria, o crecemento e asentamento empresarial e o transporte por estrada. No caso do Condado, os últimos datos do Instituto Galego de Estatística (IGE), referidos a 2021, reflicten un incremento de 90% da actividade empresarial. Ese ano 59 novas empresas mercantís escolleron a zona. Ponteareas, Mondariz ou Salvaterra fomentan o medre constante da súa actividade empresarial facilitando o acceso ao solo industrial con bonificacións no imposto de bens e inmóbeis (IBI), no de actividades económicas (IAE) ou no imposto de obras e construcións (ICIO).

No caso da comarca da Paradanta, as mesmas cifras de novas empresas aumentaron até en 116% este crecemento. Pero non só de industria queren vivir nestas zonas, así que teñen en marcha o seu desenvolvemento como Destino Gastronómico O Condado-A Paradanta, cun investimento do Ministerio de Industria de 1,5 millóns de euros. Os concellos das dúas comarcas queren diversificar así a súa actividade económica apostando polo turismo, de forma que os beneficios económicos cheguen tamén ao sector servizos e, en concreto, ao comercio.

O Centro de Transformación Agropecuaria no Covelo ou o Museo do Viño en Salvaterra son algunhas das iniciativas postas en marcha ao abeiro destes novos proxectos de desenvolvemento. A localización xeográfica destas comarcas tamén fixo que pendan sobre elas varios proxectos de instalacións eólicas, á espera da autorización administrativa. É o caso do parque eólico Alto do Ceo, de Capital Energy, que afectaría os concellos de Mondariz, O Covelo, A Caniza, Salvaterra e As Neves. A empresa pretende instalar neste parque 12 MW, cun investimento de 16 millóns de euros. 

Servizos sanitarios deficitarios

Se hai unha demanda común na área esa ten que ver coa atención sanitaria. A zona de referencia na que se atopan O Condado e A Paradanta presta servizos sanitarios a máis de 60.000 persoas, pero o Punto de Atención Continuada (PAC) comarcal está a sufrir continuos recortes de persoal que leva moitas veciñas e veciños a expresar publicamente as súas queixas ao respecto da prestación da sanidade pública.

O PAC comezou a funcionar con 15 profesionais, mais actualmente só son oito. As persoas afectadas critican os constantes anuncios da Consellaría de Sanidade de novas dotacións “pero aquí nunca chegan”. A gravidade da situación sanitaria en ambas as dúas comarcas chega ao punto de que hai 8.000 persoas que non teñen unha médica ou un médico asignado, o motivo principal é a eliminación das consultas en horario de tarde, o que fai imposíbel atender con tan escaso persoal toda a poboación usuaria.

Esta situación provoca que un paciente desta área sanitaria tarde entre tres e catro semanas en conseguir unha simple consulta médica no seu centro de saúde. A Plataforma en Defensa da Sanidade Pública presentou xa máis de 15.000 sinaturas diante da Consellaría de Sanidade denunciando a súa situación.

A mobilidade e o turismo, retos de futuro

O Condado e A Paradanta están moi ben situados na Galiza, nunha sorte de epicentro das comunicacións con Vigo e Ourense. Mais a pesar desta localización case que estratéxica, un dos problemas actuais e retos de cara ao futuro dos concellos é a mellora da mobilidade. No caso do Condado, a alcaldesa de Ponteareas, Cristina Fernández (BNG), explica que “o problema máis importante que temos na comarca é a mobilidade”.

O fluxo de traballadoras e traballadores cara a Vigo ou ao Porriño, e tamén de estudantes, non está atendido por unha rede de transporte público axeitada, en cantidade e horarios. Por iso os concellos teñen demandado da Xunta da Galiza unha mellor planificación das liñas e frecuencias de transporte que cruzan os seus territorios.

Até o de agora non tiveron moito éxito nas súas reclamacións á Consellería de Mobilidade, e a alcaldesa de Ponteareas denuncia que “o que fan é eliminar liñas e frecuencias en servizos tan básicos como acudir ao Hospital Álvaro Cunqueiro, na cidade de Vigo”.

Turismo e patrimonio

As comarcas do Condado e A Paradanta medran en poboación e actividade económica e empresarial, pero os concellos queren diversificar a súa economía apostando polo desenvolvemento do turismo.

A idea é constituírse como unha área integral turística, cos atractivos da súa riqueza paisaxística e patrimonial, e aproveitando ademais algunhas das festas gastronómicas e populares máis famosas da Galiza, como o Corpus de Ponteareas ou a Lamprea en Arbo.

Outra vía de explotación turística na zona son os eventos como as competicións de natación en augas abertas do río Tea, ou probas ciclistas, que teñen amosado capacidade para aumentar as visitantes nestas zonas.

O reto de ampliar os servizos nunha zona en expansión

A alcaldesa de Ponteareas, Cristina Fernández, a de Salvaterra, Marta Valcárcel, e o da Caniza, Luis Piña.
A alcaldesa de Ponteareas, Cristina Fernández, a de Salvaterra, Marta Valcárcel, e o da Caniza, Luis Piña.

Ponteareas, Salvaterra e A Caniza son os concellos máis habitados da área comprendida polo Condado e A Paradanta. Supoñen 90% da poboación das dúas comarcas. En conversa con Nós Diario, a alcaldesa de Ponteareas, Cristina Fernández (BNG), critica a falta de investimentos da Xunta da Galiza en servizos básicos como a sanidade e a educación. “As nosas instalacións escolares son moi antigas e ao non facer reformas integrais seguimos mal como sempre”. Cristina Fernández logrou no Goberno de Ponteareas o fito de aprobar o PXOM a finais de 2021, o que permite, por fin, “despois de 20 anos de parálise do PP” lanzar novos proxectos de desenvolvemento e ordenación do concello. “Temos empresas punteiras e somos un referente en comercio e servizos e Administración pública”, destaca a rexedora nacionalista.

Ademais Ponteareas ten en marcha desde 2022 unha Rede de Calor, cun claro compromiso do seu Goberno local coa recirculación da economía local, xa que esta instalación se fai “grazas á biomasa dos montes da zona, e con iso eliminamos 5 caldeiras moi contaminantes”. Precisamente no seu sector forestal, Cristina Fernández defende unha ordenación baseada “na convivencia” con beneficios para as comunidades de montes pero pensando sempre en replantar e tendo coma prioridade os cortalumes tan precisos nesta zona.

A alcaldesa de Salvaterra, Marta Valcárcel (PP), ten entre mans algúns dos proxectos transfronteirizos máis destacados. A localización deste concello, na fronteira natural do río Miño, fai que a cooperación coas cámaras municipais lusas máis próximas sexa un factor fundamental de desenvolvemento a ter en conta. “Río Miño. Un destino navegábel” é un exemplo desta cooperación que recibirá fondos da UE para lanzar un proxecto de oferta turística conxunta con Portugal. Marta Valcárcel destaca de Salvaterra “a calidade de vida e a prosperidade”, o feito é que a súa economía pivota arredor da plataforma loxística máis grande da Galiza, a Plisan, e o polígono industrial Chan da Ponte, en que traballan 500 persoas. O emprego e os servizos son, para Salvaterra de Miño, retos de futuro para aproveitar o desenvolvemento a un lado e outro da raia.

O alcalde da Caniza, Luis Piña (PSdeG), chegou en 2019 á Alcaldía cun forte problema económico herdado que solventar, e asegura que ao remate deste mandato A Caniza terá débeda cero, logo de acumular 1,5 millóns de euros en facturas de perto de 150 empresas. A situación deste concello levou a un novo proxecto no que o alcalde ten moitas esperanzas, un coa Zona Franca de Vigo para desenvolver na Caniza un polígono industrial de 1 millón de metros cadrados. Ademais Piña logrou da empresa Capital Energy o compromiso de investir 2,5% da facturación do parque eólico Alto do Ceo, se finalmente se leva a cabo, para actuacións no seu concello. A recuperación patrimonial, a cidade castrexa das Grades ou a Festa do Xamón son importantes activos de cara ao desenvolvemento futuro do concello.

Comentarios