O Ministerio non ve como solución reformar a Lei de 'só si é si' e insiste en erros de aplicación

Igualdade propón un Plan de medidas para a especialización xudicial.
A ministra Irene Montero, acompañada da secretaria de Estado de Igualdade, Ángela Rodríguez, e a delegada do Goberno contra a Violencia de Xénero, Victoria Rosell. (Foto: Alberto Ortega / Europa Press)
photo_camera A ministra Irene Montero, acompañada da secretaria de Estado de Igualdade, Ángela Rodríguez, e a delegada do Goberno contra a Violencia de Xénero, Victoria Rosell, nun acto recente. (Foto: Alberto Ortega / Europa Press)

O Ministerio de Igualdade non cre que unha reforma penal sexa a solución para frear as revisións de penas a violadores que está a provocar a Lei do 'só si é si' e considera que esta situación é consecuencia dunha incorrecta aplicación do dereito transitorio da propia lei, segundo veñen de trasladar fontes deste departamento.

Da mesma forma, apuntan que as persoas expertas na materia e o propio Goberno de coalición comparten esta postura e, por iso, Igualdade propuxo como solución posíbel un Plan de medidas para a especialización xudicial, a formación en violencias sexuais e o incremento de efectivos para a protección das mulleres, tal e como "xa se fixo" previamente para aplicar a Lei contra a violencia de xénero aprobada en 2004.

Entre as medidas que recolle este plan, que chaman a pór en marcha de maneira urxente, está dobrar os xulgados exclusivos de violencia sobre a muller ampliando as súas competencias aos delitos contra a liberdade sexual, reforzar a Fiscalía de violencia sobre a muller e ampliar tamén as súas competencias ás violencias sexuais, garantir a asistencia xurídica gratuíta ás vítimas e incluílas no Servizo de Atenpro desde 2023, reforzar as unidades de valoración forense integral ou facer formación especializada en violencia contra as mulleres a todo o persoal da Administración de Xustiza e Interior, así como de Educación e Sanidade.

Aliás, recolle a necesidade de implementar as axudas a vítimas de violencias sexuais, crear o servizo de atención psicolóxica e psiquiátrica especializada en violencia sexual na sanidade pública para a completa recuperación das vítimas a longo prazo, incrementar o número de axentes que Interior dedica de forma exclusiva á protección das mulleres que sofren violencia contra as mulleres ampliando as competencias das unidades especializadas aos delitos contra a liberdade sexual ou implementar os puntos violeta en todas as dependencias e instalacións públicas.

Desde Igualdade sinalan que o Ministerio ve "imprescindíbel" frear calquera intento da dereita de volver ao modelo anterior, "baseado na violencia e a intimidación" e que exixía ás mulleres pasar por un "calvario probatorio" para poder demostrar as violencias sexuais exercidas contra elas.

Segundo informou esta segunda feira a Cadena SER, a proposta do Ministerio de Xustiza é retomar as penas estipuladas con anterioridade cando haxa violencia ou intimidación, se ben desde Igualdade seguen a rexeitar esta proposición.

Comentarios